19/03/24

Vicente Peña Saavedra, unha semblanza sentimental

Foto: Escolar de San Claudio (Ortigueira), onde todo comezou.

Cando, no final da nosa adolescencia, andabamos a descubrir a cultura galega e o noso propio país, Vicente Peña Saavedra, só dous anos maior ca nós, era xa unha figura emerxente.

O día que viñeron á escola buscar a aquel neno, porque lle acababa de morrer o avó, non eramos aínda o que se di amigos. Viviamos na mesma parroquia, si, pero el en Tras do Río e eu na Rocha, dous lugares algo separados. Tampouco coincidiamos nos xogos á saída da escola. A nosa única relación durante a nenez foi só dentro do Escolar construído polos indianos da parroquia de San Claudio na illa de Cuba. Mais, polo que fose, quedoume gravado para sempre que a Vicente o viñeran buscar aquela mañá porque lle morrera o avó. Esa é a lembranza máis remota que eu conservo daquel neno que todos coñeciamos por Vicente de Peña, o fillo de Matilde e de Pitino, e que co paso dos anos, desde a primeira mocidade, sería para min un referente fundamental, o amigo máis brillante de todo aquel grupo de mozos da parroquia, o máis intelixente e o máis culto, o que máis destacaba, o que escoitabamos con atención e admiración, a primeira persoa con categoría de intelectual que eu tratei na miña vida. Falaba de vivencias descoñecidas para todos nós e ademais escribía en galego en La Voz de Ortigueira artigos e versos que nós recortabamos e gardabamos. Eran os anos 75, 76, 77… do século pasado.

Foto: Vicente Peña Saavedra, Ánxel Rosende e Manuel López Foxo, 
nun acto da Universidade Popular de Ortigueira, 1989.
Con Vicente Peña Saavedra, que é de quen estou a falar, conversaría horas e horas durante aqueles anos. Eran os tempos da Transición. Era 1977 e os dous falamos de ir o 25 de xullo a Santiago de Compostela, el ao acto político da carballeira de Santa Susana, onde ía intervir Celso Emilio Ferreiro, e eu á manifestación do BN-PG. Ao final non fomos, pero para min foi o primeiro Día da Patria que vivín intensamente como se fose a Santiago. Tamén lembro a súa enorme satisfacción cando lle deron o Premio Nobel de Literatura a Vicente Aleixandre. Eu era máis de Rafael Alberti. Non sempre coincidiamos nos gustos literarios, e menos aínda nas ideas políticas, pois eu abrazaba xa as ideas do nacionalismo e el encaixaba máis no galeguismo e no anarquismo librepensador. Vicente incluso criticaba cun amplo sorriso sarcástico un libro dun poeta que eu admiraba esencialmente polo seu compromiso político co nacionalismo galego. Co paso dos anos teño que dicir que o facía cun moi intelixente criterio literario. A poesía social estaba a agonizar, non porque a poesía social e a poesía política non poida ser tamén magnífica literatura, senón pola pouca calidade coa que algúns autores escribían os seus poemas. O propio Vicente Peña cultivou ese tipo de poesía en versos escritos aló por 1976 en Compostela e San Claudio e publicados logo nas páxinas da prensa local de Ortigueira. O poemario titulábase Labrego. Longo poema en catro cantos e un himno. Certamente, versos moi potentes, moi expresivos, moi sentidos, cunha gran carga reivindicativa.

A nosa relación con Vicente nos anos 80 foi cada vez máis esporádica, pero igual de afectuosa. Nese tempo Vicente Peña, Ánxel Rosende e eu mantemos unha certa unidade de grupo arredor de don David Fojo Salgueiro, o director de La Voz de Ortigueira, unha persoa que goza sempre coa nosa presenza na Imprenta, a nosa amizade e os nosos proxectos. Vicente traballa na súa tese de doutoramento sobre as escolas dos indianos, Rosende na súa tese de licenciatura sobre o agrarismo na comarca do Ortegal e eu ando a voltas cos meus artigos sobre o poeta Ramón Armada Teixeiro. Creo que don David foi moi feliz abríndonos a súa casa, poñendo ao noso servizo a súa rica hemeroteca e mantendo longas e amenas conversas con todos nós.

Tras obter a licenciatura en Filosofía e Ciencias da Educación na Universidade de Santiago en 1980 con Premio Nacional aos Mellores Becarios, Vicente Peña Saavedra continúa a súa formación académica con grande brillantez: Premio Nacional de Terminación de Estudos Universitarios, Premio Extraordinario de Licenciatura e Premio Extraordinario de Doutorado, exercendo a docencia na USC xa desde 1983, e desde 1994 como profesor titular de Historia da Educación, converténdose nun dos máis prestixiosos pedagogos e na maior autoridade académica nas escolas dos indianos, sobre as que realizará a súa tese de doutoramento e moitos outros traballos de investigación e de divulgación ao longo das últimas décadas, recollidos en máis de trinta libros, numerosos artigos, 15 documentais dos que el figura como director e guionista e 11 exposicións das que se encargou como comisario. Na traxectoria intelectual e académica de Vicente Peña Saavedra destaca, así mesmo, o seu labor en importantes entidades e institucións relacionadas coa emigración e o patrimonio histórico-educativo e tamén a súa experiencia como docente en diversas universidades estranxeiras.

Unha das grandes exposicións das que se responsabilizou como comisario Vicente Peña Saavedra foi Luces de Alén Mar. As escolas de americanos en Galicia, organizada polo Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega e pola Secretaría Xeral da Emigración. Inaugurada en 2012 na sede do Campus Vida da Facultade de Ciencias da Educación, esta mostra, composta por 43 paneis, percorreu durante 11 anos diversas localidades de Galiza, cunha incursión en Portugal, e a través dos seus textos e das súas imaxes poidemos comprender en toda a súa dimensión humana, educativa, cultural e arquitectónica o que representou para o noso país a emigración a América e o inxente labor das máis de 500 sociedades galegas de instrución, verdadeiras impulsoras da educación en moitos concellos da Galiza rural, que naquel tempo sufría un déficit escolar cunha taxa de analfabetismo que en 1910 ascendía ao 69% da poboación, moito máis grave aínda no caso das mulleres. Grazas aos indianos construíronse no noso país arredor de 200 edificios como Templos do saber. Un avó de Vicente Peña Saavedra sería precisamente un daqueles homes que desde a illa de Cuba se preocuparon de atender na súa parroquia de orixe a necesidade de educar e formar as novas xeracións con métodos pedagóxicos modernos e con profesorado titulado.

Foto: Portada do catálogo da exposición Luces de Alén Mar,
da que foi comisario Vicente Peña Saavedra

A miña relación con Vicente Peña desde os anos noventa circunscríbese case á lembranza emocianada que os dous temos de Lois Obelleiro, unha persoa á que a min me unía non só unha relación política diaria, senón unha moi fonda amizade, un aprecio mutuo. Para Vicente Peña, pola contra, Obelleiro era só un importante investigador das escolas de fundación na provincia de Pontevedra e non se cruzou na vida con el até que unha tarde de 2007 se presentou no seu despacho da Facultade para entregarlle un exemplar da súa tese de doutoramento. Antes de entrar no despacho de Vicente Peña, lembro que Lois Obelleiro chamoume por teléfono para dicirme se lle podía dicir que eramos amigos, non para pedirlle nada, senón como unha maneira de entar en conversa, ao que lle respondín que aínda que había moitos anos que Vicente e eu nos nos viamos, tiveramos unha grandísima relación na mocidade e para min, ademais, era un referente na miña traxectoria humana e cultural. Á saída da Facultade, Obelleiro volveume chamar e aquela breve conversa foi a última que mantivemos Lois Obelleiro e eu. Ao día seguinte ían operalo de novo do cancro que viña sufrindo. Animeino como noutras veces anteriores ao longo do proceso da súa enfermidade, sen eu saber que a intervención ía deixalo nunha situación moi delicada, irreversíbel, e que poucos meses despois ía producirse o fatal desenlace, deixando en cantas persoas o coñeciamos e tratabamos unha inmensa ferida.

Naquel encontro na Facultade de Educación, Vicente Peña non alcanzou a comprender ben a que se debía aquela reunión que Obelleiro lle solicitara e só algún tempo máis tarde foi quen de atar cabos. Anos despois, nunha moi afectuosa carta que Vicente me manda para agradecerme o envío do libro Prosas apaixonadas, lembra así a súa conversa con Lois Obelleiro:

“O encontro fuxidío e terminal que mantiven con el e co seu fillo nunha tarde solleira dun mes de 2007, que agora non consigo adiviñar cal foi, no despacho da Facultade, é un dos episodios que xamais esquecerei. Non logrei entender naquel momento a razón da súa visita. Si recordo agora que falamos de ti en termos moi eloxiosos por ambas partes, pero nunca souben por que me fixo partícipe do privilexio de obsequiarme cun exemplar da súa tese de doutoramento sen coñecérmonos de nada. O esceptismo ou máis ben o pesimismo co que me falou naquela amigable conversa xa me levou daquela a presaxiar o peor, como lamentablemente pouco despois ocorreu. Non eran tampouco tempos moi bos para min, pois só uns meses antes fora depurado –en sentido estrito- como coordinador científico do MUPEGA e o episodio deixárame un chisco amolado. Alegreime cando pouco despois do seu pasamento vin que a tese se publicaba case na súa integridade. De pouco valeu, pero polo menos foi unha mostra de recoñecemento e homenaxe polo seu traballo. Por certo, a tese considero que é unha magnífica investigación sobre as escolas de fundación na provincia de Pontevedra. Oxalá houbese un estudo semellante de cada unha das outras provincias, xa que o tema de análise constitúe un dos alicerces fundamentais do noso sistema educativo actual. Agora, coas túas palabras, entendo un pouco mellor a razón daquela visita, á que seguramente non souben corresponder como debera polo meu desconcerto”.

Equivócase Vicente Peña en pensar que non correspondeu como debera. Lois Obelleiro expresoume á saída daquela reunión que a conversa fora moi agradábel, que Vicente o tratara moi ben e que saía moi contento. Dicíao cunha inmensa alegría. Quero pensar que el mesmo, pensando xa no final dos seus días, quixo poñer nas mans de quen sabía ben que era un dos grandes pedagogos da Galiza actual aquel traballo de investigación que con tanta paixón e tanto esforzo levara a cabo. Imaxínome que morreu sendo moi consciente de que as palabras amábeis e eloxiosas de Vicente Peña Saavedra supoñían para el o mellor recoñecemento que podía ter a súa tese.

Este é Vicente Peña Saavedra, o amigo da mocidade do que con tanto orgullo lle falei aquel día a Lois Obelleiro, sabendo que o ía recibir co trato exquisito que el merecía, aínda que non o coñecese persoalmente. Non ten idea Vicente do moito que lle agradezo aquela conversa con Obelleiro, dándolle unha das poucas satisfaccións que tería no que lle quedaba de vida.

A xornalista María Obelleiro, afillada de Lois Obelleiro e actual directora de Nós Diario, contoume recentemente como foron aqueles últimos meses da súa vida: “Foi naquela época cando A Nosa Terra lle sacou a tese. Traducíronlla, porque non lla deixaron presentala daquela en galego, pero había centos de grallas… e botamos xullo e agosto, cando eu chegaba de Vigo de ANT (acababa de empezar a traballar), corrixindo naqueles folios, acompañados dun aquarios á sombra, no patín da súa casa. El xa apenas falaba, e malamente se expresaba, mais foi adiante o libro e chegou a presentalo. El daquela xa estaba moi maliño. Debeu ser tres meses antes de morrer”.

Despois desta semblanza, escrita desde o afecto e desde a memoria emocionada, estou seguro que Vicente Peña estará aínda moito máis seguro de que aquela conversa con Lois Obelleiro no seu despacho da Facultade foi moito máis que un cordial encontro académico entre dous investigadores da historia da educación. Foi sobre todo un extraordinario xesto humano que lle deu unha raiola de felicidade a Obelleiro en días certamente moi amargos para el e a súa familia. Recordalo agora é tamén dalgunha maneira devolver o amigo á vida.



Ningún comentario:

Publicar un comentario