27/09/23

A disolución do Partido Galeguista no interior

Se temos que situar o momento da disolución definitiva do Partido Galeguista do interior, este sería posibelmente en 1958, na Rosaleda.


Unha segunda lectura que fixemos estes últimos días de verán do libro de Xosé Manuel Beiras Retratos en fite (Edicións Laiovento, 2022), que recolle un conxunto de textos imprescindíbeis para coñecermos moito mellor a figura de Beiras, a historia política contemporánea de Galiza e algunhas das figuras que a protagonizaron (Alexandre Bóveda, Paz Andrade, Otero Pedrayo, Paco del Riego, Carvalho Calero…), sempre tamén desde o plano máis humano e íntimo, textos todos eles escritos cunha prosa brillante e deliciosa e mesmo con vontade narrativa; a lectura deste libro, repito, convidounos a regresar, máis unha vez, a outros textos nos que tamén se fala sobre unha famosa reunión que se levou a cabo nos anos cincuenta na Rosaleda, na casa de Domingo García-Sabell, e que podemos considerar o acto formal da disolución definitiva do Partido Galeguista.


Algo había no relato de Xosé Manuel Beiras que non nos encaixaba no que nós tiñamos lido anteriormente. En dúas ocasións fai Beiras referencia a esa reunión nas páxinas deste libro. Nun dos traballos, concretamente nun magnífico e emocionante texto sobre don Ramón Otero Pedrayo, escrito na Reboraina de Aguiar en 2020, di o seguinte: “…aló polo 1953, veu a Galiza unha ´embaixada` do Consello de Galiza (…). O ´mensaxeiro` fora Perfecto López (…). Nas miñas rememoracións sempre dubidei de que fose nese ano ou no seguinte, mais a publicación por Galaxia no 2018 dunha biografía de Perfecto López, da autoría de Xosé María Rei Lema, lévame a concluír que tivo que ser no 1953. Segundo esa obra, o Perfecto tivo nese ano varias reunións na Galiza coa xente de Galaxia. A que non relata é a única da que podo dar fé como testemuña presencial”.

A ROSALEDA, 1958

Se imos ao libro A nación incesante. Conversas con Xosé Manuel Beiras (Sotelo Blanco, 1989), veremos que o propio Beiras, falando desa reunión, nos di que “isto tivo que ser non mais tarde de cando eu estava en segundo ou como muito terceiro de carreira”. Así mesmo, xa algúns anos antes, Xosé Luís Franco Grande dera conta desa xuntanza na obra Os anos escuros I, (Edicións Xerais, 1985). E Franco Grande sitúaa en 1958. Lembremos que o libro de Franco Grande comeza narrando a súa chegada a Compostela, no outono de 1954, para cursar Filosofía e Letras. Se a reunión fose en 1953 posibelmente nin Beiras nin Franco Grande poderían participar nela, porque os dous terían nese momento 17 anos, e o segundo deles creo que nin sequera estivera nunca en Compostela até o día que chegou a esa cidade para facer os estudos universitarios. Como Xosé Manuel Beiras rematou a carreira de Dereito en 1957 con 21 anos recén cumpridos e ese mesmo ano marchou a París, nós pensamos que a reunión foi cando el xa estaba en París, e todo parece indicar que, efectivamente, foi en setembro de 1958, que é a data que dá Franco Grande e o propio biógrafo de Perfecto López, Xosé María Rei Lema. Iso explica, por outra parte, que nas reunións de 1953 que relata Rei Lema na biografía de Perfecto López (Perfecto López. Un vimiancés na Galiza Ideal, Galaxia 2018) non apareza a xuntanza que viviu Xosé Manuel Beiras na Rosaleda.

Perfecto López, fillo e neto de dúas mulleres xornaleiras dunha aldea de Vimianzo, emigrara moi mozo a Arxentina, onde se fixo un grande empresario da industria do automóbil, e cando Castelao chega a ese país en 1940, el será unha das persoas que forma parte do seu círculo de amigos máis íntimos, xunto con Manuel Puente, Xosé Benito Abraira e Rodolfo Prada, dándolle protección económica a Castelao e a Virxinia Pereira e participando en todas as actividades que protagoniza o dirixente nacionalista, así como facendo de mensaxeiro entre o galeguismo do exilio e o galeguismo do interior nas diversas viaxes que fixo a Galiza. Foi tamén el o que en 1949 puxo en contacto por última vez a Castelao con Otero Pedrayo a través dunha conversa telefónica desde o Hotel Compostela e o que uns días antes da morte de Castelao levou de Galiza terra galega para poñer sobre o seu corpo. Cada vez que nós collemos entre as mans a noveliña de Méndez Ferrín Retorno a Tagen Ata, non podemos evitar pensar en Ramón Piñeiro e en Perfecto López.

O CONTEXTO POLÍTICO DOS ANOS 50

Para non sermos inxustos nin simplistas sobre o papel que xogou o galeguismo na clandestinidade, durante a década dos corenta, nas condicións políticas máis adversas, talvez é imprescindíbel ler a obra Castelao e os galeguistas do interior (Editorial Galaxia, 2000, edición de Xavier Castro) ou o que Ramón Piñeiro lle contou a Suso de Toro para o libro Camilo Nogueira e outras voces (Xerais, 1991). Así fala Piñeiro: “¿Cales eran os nosos problemas no ano 50? Primeiro, que xa pasaran catorce anos desque estaba Franco no poder. Que a xente, da nosa xeración para arriba estaba totalmente traumatizada pola Guerra Civil e non quería ¡nin oír! falar de política. Aterrada. E non era para menos. Os que vivimos a represión e o terror, aínda que nós nos arriscásemos, comprendemos que o pánico era moi natural. As novas promocións de mozos estaban absolutamente desgaleguizadas, absolutamente (…) Primeiro problema, facíase necesaria algunha forma de presencia pública de Galicia (…) Foi cando se creou Galaxia”.

Como moi ben coñecemos, o desencontro e o enfrontamento entre o galeguismo do interior e o de América manifestouse xa en vida de Castelao, e tras a súa morte aínda se agudizou moito máis a distancia entre os dous universos políticos que representaban o nacionalismo galego, o de aquí e o de aló. Os de América consideraban que o galeguismo do interior abandonara a acción política e os de aquí xustificaban a súa estratexia con argumentos como os que se expoñen nun documento elaborado posibelmente en 1954 para unha xuntanza do PG da zona de Vigo para dar conta da viaxe de Francisco Fernández del Riego a Bos Aires e da situación política daquel momento: “…o Estado exerce unha implacábel presión represiva sobre calisquer forma de aitividade pública que o galeguismo adoite. Nistas condicións de estrema adversidade, o único verdadeiramente importante é impedir que Galicia non perda a concencia dos seus propios problemas. Crear concencia galeguista, concencia dos problemas xenuinos de Galicia é o labor máis importante do galeguismo. Ista concencia será mañán forza política positiva e aituante. Ista forza, desaparecido o franquismo, aituará con plena eficacia política de acordó co-as condicións reales do futuro político español”.

A ESTRATEXIA DE RAMÓN PIÑEIRO

Esta foi a estratexia política de Ramón Piñeiro e do galeguismo do interior nos anos cincuenta. E unha cousa é que poidamos considerar politicamente desafortunada a estratexia de Piñeiro desde comezos dos anos sesenta até a constitución do primeiro Parlamento galego, así como profundamente moi errada e nefasta para o país a súa ruptura coa mocidade nacionalista que abrazaba as ideas do marxismo, e outra cousa moi distinta sería non comprendermos as razóns polas que o galeguismo do interior reorientou o seu compromiso político a través da acción cultural desde 1950.

Ramón Piñeiro e Perfecto López en 1958.
 Fonte: Henrique Monteagudo/Galaxia.

Se temos que situar o momento da disolución definitiva do Partido Galeguista do interior, este sería posibelmente en 1958. Así a describe Xosé Manuel Beiras: “Foi esa xuntanza que tivo lugar na casa de García-Sabell na Rosaleda, e que revestiu o carácter de sesión formal do Partido Galeguista. De feito, no amplo comedor da vivenda, a mesa estaba presidida –estouno a ver aínda con absoluta nitidez- por don Ramón, acompañado, a dereita e esquerda, por Gómez Román –derradeiro secretario do partido, non si?- e mais por Cabanillas. Arredor dela, ademais de Perfecto López, os homes de Galaxia –Piñeiro, Del Riego, Isla Couto, García-Sabell e algún máis que non dou visualizado agora. E dous ou tres ´novos` -Franco Grande, eu mesmo e coido que López Nogueira (…) A mensaxe política era sinxela: os de América, ou o Consello (de Galiza), propuña a reorganización do Partido Galeguista ´do interior` e a súa expansión proselitista, ianque non practicase un activismo que puxese en perigo a estratexia da política cultural”.

Pola súa parte, Xosé Luís Franco Grande, que, como xa dixemos, tamén participou naquela histórica reunión, lémbraa así: “Piñeiro quixo ´lerlle a cartilla` (a Perfecto López) e montou algo verdadeiramente espectacular daquela (e digo espectacular por non dicir outra cousa, xa que as reunións masivas como aquela era algo que moi dificilmente pasaba desapercibido á policía): na Rosaleda, na casa de García-Sabell, fíxose unha xuntanza de galeguistas chegados de todo o país, presidida por Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas e Gómez Román, os tres vellos patriarcas do galeguismo. Interviña cada un dos presentes –eu tamén o fixen, como Beiras, en representación dos novos- e largaba unha perotata sobre un tema calquera, preparada –e aínda escrita- antes por Piñeiro, intervencións nas que se foron tocando todos os temas vivos da cultura e da realidade presente de Galicia, coa intención de explicarlles aos nosos emigrados que problemas eran os que aquí tiñamos (…) Todo aquilo, folga dicilo, supuxo un traballo férreo para Piñeiro, que pasou semanas e semanas mecanografando folios e folios, consciente de que cumpría co seu deber. Todo o material entregóuselle a Perfecto López para que o fixese chegar aos representantes das comunidades galegas de Buenos Aires”.

A RUPTURA ENTRE O GALEGUISMO E O NACIONALISMO

Se ao longo da primeira parte dos cincuenta o labor da Editorial Galaxia pasou a ser a prioridade do galeguismo do interior e a actividade política do PG practicamente xa non existía, a partir daquela reunión na Rosaleda en setembro de 1958, o PG desapareceu por completo da oposición ao franquismo. E ao noso humilde xuízo, o que resulta menos comprensíbel non é aquela decisión de Ramón Piñeiro, que a podemos entender perfectamente naquel contexto da ditadura e naquela conxuntura internacional, senón a súa oposición rotunda a reconstruír o PG algúns anos despois, desde comezos dos sesenta, para ser un actor político principal no final do franquismo, con todo o peso histórico que esa sigla tiña, e dese xeito reforzar o papel do nacionalismo galego no seu conxunto na Transición. Cremos nós que esa foi a grande equivocación de Ramón Piñeiro, ademais do seu feroz anticomunismo e da súa intransixencia para aceptar a liña nacionalista de Castelao, que defendían sobre todo algúns mozos de “Brais Pinto” (Méndez Ferrín, Bautista Álvarez, Reimundo Patiño), que logo participarán activamente na fundación do Consello da Mocedade e da UPG. Nese momento o galeguismo e o nacionalismo galego quedaron esgazados, con consecuencias moi nefastas para a historia de Galiza, que aínda chegan aos nosos días. A primeira vítima daquel traumático proceso foi Antón Moreda, que era secretario xeral do Consello da Mocedade e que foi expulsado xunto con outros mozos polo sector afín a Ramón Piñeiro.

A ruptura no seo do nacionalismo foi humanamente tan profunda que hai agora dez anos, cando se inaugurou a Casa-Museo Manuel María, encomendóuseme a min falar con varios poetas amigos de Manuel María, algúns deles da súa mesma xeración, para convidalos a participar nun recital poético en Outeiro de Rei, e un deles díxome, iso si, moi amabelmente, e sentíndoo moito, que non podía participar nese acto porque había pouco un dos poetas invitados chamáralle traidor. Nada menos que por algo que sucedera no Bar Viño de Compostela e no Colexio Fingoi de Lugo cando eles dous eran uns mozos, en 1963, 50 anos antes!



Ningún comentario:

Publicar un comentario