17/09/23

Talvez a mellor novela de Carlos Casares

    Acto cultural en Ortigueira, con Arantxa Serantes, Carlos Casares
e Bernardo Benabade. Anos noventa.

Non resulta para nada doado seleccionar un único libro de Carlos Casares (Ourense, 1941-Vigo, 2002), porque creo que este autor non escribiu ningún título que non teña interese para calquera lector ou lectora, desde Vento ferido (1967) a O sol do verán (2002). Francamente todo o levou a cabo con grande brillantez intelectual e fortuna literaria. Non hai un só título que careza de importancia no conxunto da súa obra. Aínda así temos a sensación de que hai unha ampla coincidencia na crítica literaria galega de que talvez a súa obra máis ambiciosa é a novela Deus sentado nun sillón azul. Nós, desde logo, tamén o cremos.

Entre os proxectos académicos iniciais de Carlos Casares estivo elaborar unha tese de doutoramento sobre os escritores ourensáns da Xeración Nós. Finalmente non acabou rematando ese traballo, pero si investigou e estudou a fondo eses autores, as súas obras e o seu tempo, e incluso chegou a manter unha estreita relación con don Vicente Risco e don Ramón Otero Pedrayo. Froito diso son as súas magníficas biografías sobre estas dúas figuras, un xénero que Casares cultivou maxistralmente en varios libros. E serán precisamente algúns trazos da personalidade de Risco os que sen dúbida atoparemos no personaxe principal desa novela, na que aborda o proceder dun intelectual galego no novo réxime que nace do levantamento fascista do 36, unha longa e densa historia que ten como pano de fondo a xeografía urbana de Ourense e que nos vai narrando unha muller que desde unha ventá da casa de en fronte espía a aquel antigo profesor co que mantivo un romance e que agora pasa o día sentado nun sillón azul.

Contra o que algúns interpretaron no seu día, non estamos diante dunha nova biografía de Vicente Risco, en absoluto. Trátase simplemente dunha obra de ficción, onde hai, efectivamente, unha certa sombra de Risco, fundamentalmente naqueles rasgos que teñen a ver cos seus costumes diarios e coa súa posición filosófica. Mais algo que diferenza ao personaxe da novela da persoa de Risco sería, por exemplo, a falta de humanidade e de moral do personaxe creado por Carlos Casares. Vicente Risco era unha persoa incapaz de causar o mal a outras persoas, todo o contrario do que observamos no personaxe da novela, que mesmo chega a facer unha testificación incriminatoria contra un mozo inocente que acabará sendo condenado a morte, razón esta pola que un día a guerrilla decide darlle o final que merece. E coñecendo a personalidade de Vicente Risco e o cariño e o respecto co que Carlos Casares o tratou, resulta moi difícil de imaxinar que o autor da novela buscara un final tan tráxico para un intelectual como o que el coñeceu nos seus anos mozos en Ourense. Por iso resulta absurdo identificalo con Risco.

Cun estilo claro, aparentemente sinxelo, coa minuciosidade descritiva que tanto caracteriza toda a súa prosa, Carlos Casares constrúe unha novela que case parece que foi escrita cunha cámara de cine, onde o que predomina non é a acción, senón a observación e a memoria, a memoria dos días felices anteriores á guerra e da maldade e da violencia que veu despois.



Deus sentado nun sillón azul

Carlos Casares

Galaxia, 1996

Ningún comentario:

Publicar un comentario