Suárez Canal creou un equipo de traballo na Consellería de Medio Rural como nunca antes houbera en todos os gobernos anteriores, con persoas cunha longa e recoñecida traxectoria profesional e cun proxecto de país na cabeza.
Non saberiamos precisar cando coñecemos nós aFoto: Xan Carballa |
nos cruzariamos con el polas rúas de Compostela o Día da Patria do 78, ou talvez no 79, e que alguén nos diría “ese que vai aí é Suárez Canal”. Por ese tempo tamén soubemos da súa relación familiar con José Suárez -aquel fotógrafo que retratou os rostros todos do noso pobo e personalidades como Unamuno, Alberti ou Bergamín- e de que era sobriño do escritor Marcial Suárez, do que léramos O acomodador e outras narraccións, e todo iso fixo que incluso desde Ortigueira seguísemos moi de preto e cunha maior atención a traxectoria daquel militante do BN-PG de Ourense que estaba emparentado con tan destacadas figuras e que naquel momento, en 1979, se iniciaba na política institucional como concelleiro en Allariz e como deputado provincial nunha corporación que presidía Victorino Núñez. Onde si estamos seguros que vimos e que escoitamos falar a Suárez Canal foi na Asemblea fundacional do Bloque Nacionalista Galego, no Frontón de Riazor, o 26 de setembro de 1982.
ATLETISMO E MILITANCIA
En Ourense, onde exerceu durante varias décadas como profesor de Matemáticas no Instituto Ramón Otero Pedrayo, e na UPG, na AN-PG, na primeira ERGA, na UTEG e na ING si que coñecían moi ben a Alfredo Suárez Canal, porque en toda esa provincia e nesas organizacións souberon da súa entrega sen límites e do seu valiosísimo traballo para construír unha alternativa nacionalista para o país. E antes de todo iso xa os irmáns Suárez Canal tiñan titulares na prensa como deportistas cando eran estudantes de bacharelato no Instituto Santa Irene. Foi en 1968 cando Alfredo conseguiu na Casa de Campo o título de campeón de España xuvenil de cross co Real Club Celta. Seguro que correr día tras día quilómetros e quilómetros preparouno mentalmente para ser logo un corredor de fondo da política galega.
Foto: Xan Carballa |
Proceso electoral tras proceso, os resultados nunca eran os que se desexaban, pero a militancia estaba preparada para esas derrotas e para non perder a ilusión. Desde o 82, Suárez Canal tivo a xenerosidade de encabezar as candidaturas do nacionalismo na provincia de Ourense en todas as eleccións, unha e outra vez, e por fin en 1989 obtén o respaldo necesario para ser deputado no Parlamento galego. Pero un recurso contra o resultado electoral e unha sentenza inxusta dun tribunal de xustiza déixano sen a acta de deputado. Será aínda en 1993 cando entre na Cámara galega. Tiña 31 anos cando encabezou a candidatura por primeira vez ao Congreso e 42 cando entrou no Parlamento galego. Era xa un referente histórico.
DEPUTADO E CONSELLEIRO
Entre 1993 e 2005 Alfredo Suárez Canal exerce os cargos de parlamentario, viceportavoz e coordinador do Grupo Parlamentario do BNG, destacando polo seu rigor e a súa brillante oratoria, combinando sempre serenidade, contundencia e paixón. En 2005 resístese a volver ao Parlamento e despois das eleccións hai que convencelo tamén para que asuma o cargo de conselleiro de Medio Rural no Goberno bipartito. Pero finalmente a súa fidelidade ao país e ao nacionalismo non lle permite dicir que non nunha circunstancia histórica tan importante para o nacionalismo e para Galiza. Supoñemos que nesa decisión pesou tamén a súa relación persoal e política de tantos anos con Anxo Quintana, que terá a responsabilidade de ser o Vicepresidente da Xunta naquel goberno. Suárez Canal, Francisco García e Anxo Quintana foron de feito durante toda unha época tres dos principais dirixentes do BNG. Allariz foi unha verdadeira escola de facer país, de construír futuro.
UN HOME DE ACCIÓN
Calquera documento teórico elaborado das Irmandades da Fala para aquí ou calquera Día da Patria de calquera ano merece máis atención no seo do nacionalismo galego que a acción de goberno protagonizada polo BNG desde a Xunta de Galiza entre o 2005 e o 2009, algo que sempre nos pareceu un auténtico despropósito. Igual sucede co nacionalismo galego dos anos trinta, do que sabemos máis dos seus documentos teóricos e do pensamento político de Castelao que do que foi a estratexia e a práctica política do Partido Galeguista naquel contexto histórico para dotar a Galiza dun Estatuto de Autonomía e dun sistema político propio. E tan importante como coñecer á perfección os principios políticos é coñecer a praxe política, o diálogo entre os ideais e a acción política. Só con principios, con arengas e con textos teóricos non se avanza nin se transforma a sociedade. As ideas precisan materializarse na vida real da xente, aínda que iso conleve contradicións e erros. Non erra quen non actúa.
Seguramente a figura de Alfredo Suárez Canal sería hoxe obxecto de máis atención por parte dos estudosos do nacionalismo galego se en vez de dedicar catro anos da súa vida a dirixir unha consellería para darlle vida ao medio rural galego houbese dedicado ese tempo a escribir un libro de ensaio político. Pero o de escribir nunca foi unha das grandes preocupacións de Suárez Canal. Pouco é o que lle coñecemos por aí publicado. Algún que outro traballo en periódicos e revistas e un prólogo nun libro do historiador catalán Fermí Rubiralta Casas sobre a historia da UPG. E non moito máis. O libro escribiuno día a día desde moi mozo con práctica política a prol do país, facéndose cargo de importantes responsabilidades organizativas e institucionais e asumindo logo no Goberno bipartito a Consellería de Medio Rural. Isto último cremos nós que é a súa obra mestra.
CONSELLEIRO DE MEDIO RURAL
Os que somos da aldea, as persoas que aínda vivimos até os anos setenta un rural cheo de xente e con homes e mulleres que traballaban a terra e utilizaban o monte, naquel tempo que había vacas en todas as casas e rara era a leira que non estaba cultivada, sabemos ben que o abandono da actividade agraria e do monte, a despoboación do rural, a plantación masiva de eucalipto e a aparición dos incendios forestais, cada vez máis devastadores, foi un proceso que só se pode explicar pola falta total dunha política agraria e forestal por parte da Xunta de Galiza desde os primeiros momentos da Autonomía, polo impacto que tivo no campo galego a entrada no Mercado Común e polo desprezo do conxunto dos poderes públicos polo medio rural. Marchar da aldea acabou sendo unha necesidade en moitos casos e mesmo un desexo para moitas persoas que o identificaban como un mundo atrasado e sen futuro, do que había que fuxir.
Facerse cargo da Consellería de Medio Rural en 2005, cando levabamos varias décadas de abandono e destrución do campo, non era precisamente unha tarefa doada, nin para obter grandes resultados a curto prazo. O primeiro e máis urxente era volver a poñer a mirada no rural, poñer en valor a aldea e o sector agrario, mentalizar á sociedade de que era posíbel vivir no rural con dignidade, e non só iso, senón tamén facer posíbel que ese proxecto de vida puidese materializarse. Para ese fin había que derrogar leis e aprobar un novo marco legal e despregar todo un abano de medidas encamiñadas á recuperación do territorio abandonado, a fixar poboación e favorecer o relevo xeracional, a reformar as estruturas agrarias, a ordenar o monte e poñer en marcha unha política forestal racional baseada na diversidade de especies forestais, a dotar de servizos básicos o medio rural, en definitiva, a impulsar unha profunda transformación do país. O Banco de Terras e as Unidades de Xestión Forestal, por exemplo, foron dúas medidas absolutamente revolucionarias naquela acción de goberno.
As prioridades estratéxicas da Consellería de Medio Rural pódense resumir en tres cifras que figuraban nos orzamentos previstos para o 2007: 22.605.343 euros para a fixación de poboación no rural, 15.607.865 euros para a mobilidade de terras improdutivas e 172.611.603 euros para a modernización e a diversificación do tecido produtivo do campo. Nunca tal esforzo económico se fixera antes dirixido ao mundo rural. Esa foi a liña que se seguiu tamén nos seguintes exercicios. Así, en 2009, figuraban, entre outras partidas, 27 millóns de euros destinados ás industrias agroalimentarias e pequenas e medianas empresas do ámbito forestal, 38 millóns de euros á incorporación de mozas e mozos á actividade agraria e á mellora das granxas, máis de 3 millóns para 34 proxectos de xestión forestal (as Uxfor) ou 70 millóns de euros para a concentración parcelaria en 155 zonas. En total, 640,6 millóns de euros para fortalecer o sector agrogandeiro e forestal. Oito anos despois, o departamento de Medio Rural só orzamentaba 518,5 millóns de euros.
Por outra parte, Suárez Canal creou un equipo de traballo na Consellería de Medio Rural como nunca houbera en todos os gobernos anteriores, con persoas cunha longa e recoñecida traxectoria profesional e cun proxecto de país na cabeza. Aínda hoxe moita xente se lembra de Antonio Oca, Edelmiro López Iglesias, Alberte Blanco, Xosé Carballido, Gonzalo Flores, Alberte Souto ou Xosé Manuel Puga. Eran persoas que acreditaban no futuro do rural e que traballaron arreo para facelo posíbel. E a sociedade galega así o recoñeceu nalgunha enquisa que se fixo por aquel tempo, colocando a Suárez Canal como o conselleiro mellor valorado do goberno que presidía Emilio Pérez Touriño.
UN ANTES E UN DESPOIS NA POLÍTICA CONTRAINCENDIOS
Co que non contaba o novo equipo da Consellería de Medio Rural xa na primeira quincena de agosto de 2006 era cunha actividade incendiaria desaforada, con case 2000 incendios en 12 días. Unha auténtica catástrofe á que o conselleiro lle fixo fronte xunto co seu gabinete coa máxima axilidade, activando todos os protocolos, con todos os dispositivos funcionando e con xornadas de traballo interminábeis. Aqueles mesmos días, Feixoo, entón líder da oposición no Pazo do Hórreo, fará unha foto cunha mangueira de xardín e con camisa branca e vaqueiros apagando unhas cinzas para denunciar a política contraincendios do bipartito nun acto claramente populista, precisamente el, que presidía o partido que durante décadas abandonou o rural e creou as circunstancias máis favorábeis para facer do monte un polvorín.
Aqueles incendios, dentro do desastre natural e económico que causaron, incluso coa perda de catro vidas humanas, tiveron tamén, dentro da desgraza, un aspecto positivo: sensibilizaron ao conxunto da sociedade sobre o perigo de plantar eucaliptos en calquera lugar e serviron para que os responsábeis da Consellería de Medio Rural puideran acelerar a posta en marcha dunha verdadeira política de prevención de incendios, obrigando a limpar a maleza e aprobando unha nova normativa legal para a plantación de árbores nas proximidades dos núcleos de poboación e para a ordenación do monte. Foi o primeiro paso no deseño dunha política preventiva que marcou un antes e un despois e que só o regreso do PP á Xunta en 2009 impediu que seguise avanzando progresivamente por todo o territorio. De feito houbo propietarios que recibiron subvención para crear unha Unidade de Xestión Forestal e cando chegou de novo o PP á Xunta volveron a plantar eucalipto.
FACER PAÍS DESDE O GOBERNO
Alfredo Suárez Canal nunca tivo o temor a perder os principios políticos nin a deixar de ser fiel a un proxecto de soberanía política para o país por asumir responsabilidades de goberno dentro do marco competencial do Estatuto de Autonomía. Sempre foi moi consciente de que para facer avanzar un proxecto político na sociedade tamén hai que mollarse na acción de goberno. Só así se pode demostrar que o nacionalismo, ademais de saber facer oposición, tamén sabe gobernar. Ningunha forza política que queira o mellor para o seu país pode renunciar a asumir a responsabilidade de gobernar. Gobernar, ademais, é unha prioridade cando o país está á intemperie e necesitado de medidas urxentes para seguir existindo.
UNHA GRANDE FIGURA NUN SEGUNDO PLANO
Foto: Xan Carballa |
Alfredo Suárez Canal é unha desas persoas que dedicou toda a súa vida a construír unha Galiza diferente, que nunca cambiou de partido ou de provincia para acadar unha acta de deputado e que, ademais, formou parte do primeiro goberno galego con presenza do nacionalismo de esquerdas, que supoño que é un dato histórico que non carece de relevancia política para unha nación en construción. Suárez Canal é unha das figuras que todo o mundo, dentro e fóra do nacionalismo, respecta, aprecia e admira, pola súa grandeza humana, polo seu saber estar cando o protagonismo xa lle corresponde a outras xeracións e por tanta e tan frutífera entrega ao seu país. E alguén tiña que escribilo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario