Para unha forza política como o BNG, que non ten outra razón de ser que ser útil ao país para construír unha Galiza diferente, despois de reconstruír a unidade do nacionalismo case desde as ruínas, de ter a sorte de dispor nos últimos anos do mellor liderado para alcanzar un amplo respaldo social, de converterse na segunda forza política na Cámara galega e na verdadeira alternativa de goberno ao Partido Popular, nesta situación e neste momento, para o nacionalismo galego non pode haber nada máis necesario, prioritario e urxente que construír o cambio político desde agora ao 2028. Porque é o que precisa o país, o que demanda unha e outra vez cando menos a metade da nosa sociedade, o que milleiros e milleiros de persoas levamos esperando desde que o PP chegou á Xunta en 2009. E van xa 15 anos. E 37 anos de gobernos da dereita. O BNG ten a obriga de non defraudar esa esperanza.
E o primeiro que debemos facer é non mercar o discurso do PP, esa grandísima mentira de que Ana Pontón xa foi candidata á Xunta tres veces e as tres veces fracasou. Ana Pontón foi por primeira vez formalmente candidata en 2016, cando talvez moi poucas persoas no seo do BNG tiñan a coraxe política de asumir ese reto e cando nin sequera tiñamos a certeza de conseguir grupo propio. E non só alcanzamos 6 escanos, senón que unha descoñecida Ana Pontón gañoulle o debate a Núñez Feixoo, devolvéndonos a todos e a todas a ilusión de militar no BNG e facendo que de novo moita xente volvera a mirar para unhas siglas que case desapareceran do mapa electoral. O nacionalismo volvía a ter un liderado moi sólido e moi potente, e por primeira vez na historia era unha muller, e ademais unha persoa dunha nova xeración, alguén que aínda non nacera cando foron as eleccións xerais de 1977. Ese foi o seu primeiro éxito político.
Presentarse a unhas eleccións en 2020 con 6 escanos non cremos que poida ser considerada tampouco unha posición para competir pola Presidencia da Xunta. Non hai tal segunda vez en termos de realismo político. Pero Ana Pontón acada nese proceso electoral o seu segundo éxito político: o BNG obtén 19 escanos e supera ao PSdeG-PSOE.
En 2024 si que podemos dicir que Ana Pontón foi unha candidata con posibilidades reais de obter a Presidencia da Xunta, e aínda que non logrou ese obxectivo -non por ela nin polo BNG, senón polo fracaso do PSdeG-PSOE-, deulle ao nacionalismo galego o seu maior éxito político de toda a súa historia: 25 escanos no Parlamento galego e case medio millón de votos. O mesmo número de escanos cos que Pérez Touriño foi Presidente da Xunta.
O BNG chega agora á súa XVIII Asemblea Nacional con unidade interna, sendo a segunda forza política do país e cun liderado que lle permite chegar cada vez a máis sectores da nosa sociedade, cunha portavoz que sabe comunicar, ilusionar e emocionar e que demostrou valentía e solvencia política. Posibelmente nunca antes o BNG tivo tanta responsabilidade política como a que agora ten. E esa responsabilidade non recae só en Ana Pontón, senón no conxunto da militancia nacionalista. Calquera proposta ou mensaxe política que saia do seo do BNG ou do universo nacionalista e que non vaia na liña de reafirmar o nacionalismo galego como unha opción que se move dentro do realismo político, que actúa con intelixencia para entrar no electorado do PP e que coloca como prioridade política gobernar o país a partir de 2028, sería un paso atrás.
O nacionalismo galego, se quere ser útil ao país, xa non pode dar outro paso atrás nin perder unha xeración máis. Un país non se ama nin se defende nin se constrúe só con principios políticos e moito menos cunha competición de pureza ideolóxica, senón con intelixencia política, con empatía coa persoas que non pofesan o teu ideario e tendendo pontes cunha ampla maioría social para posibilitar os cambios políticos necesarios, que é o que hoxe representa Ana Pontón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario