22/12/24

Saquemos a Castelao do Panteón!

No 75 aniversario do seu pasamento, Castelao ten que ocupar as prazas e as rúas máis emblemáticas do noso país.
Foto: Exposición dos grandes mestres do Museo do Prado en León.

Celebramos, como non podía ser doutro xeito, que coincidindo co 80 aniversario da constitución do Consello de Galiza no exilio, o Parlamento galego recoñecera a Castelao, co acordo unánime dos grupos que integran a Cámara galega, como primeiro presidente do noso país. Celebramos tamén que a Xunta propoña declarar “Ano Castelao” o 2025, cando se cumpren 75 anos do pasamento da figura máis destacada do nacionalismo galego do século XX. Mais todo isto servirá de pouco se non sacamos a Castelao do Panteón.

Desde 1975 Castelao foi obxecto de innumerábeis traballos de carácter xornalístico e ensaístico e a súa obra foi reeditada unha e outra vez. Saíron á luz igualmente varias biografías, as máis importantes a de Valentín Paz-Andrade e a de Miguel Anxo Seixas. Houbo ciclos de conferencias por todo o país, un simposio e un Congreso Castelao. Non faltaron tampouco varias exposicións sobre a súa obra artística, incluída a que se fixo arredor do cadro “A derradeira lección do mestre”. E no Museo de Pontevedra temos permanentemente unha boa parte do seu legado artístico. Así mesmo, nos últimos meses, hai unha magnífica exposición itinerante sobre as imaxes do retorno dos restos de Castelao a Galiza en 1984, a partir das fotografías de Xan Carballa. Xa estivo na cidade do Lérez e a seguinte parada será en Rianxo. Pero Castelao ten que saír dos libros e dos espazos que só visitan as persoas que len libros ou que van ás exposicións. Igual que polo Día das Letras Galegas, o Día do Libro e nas Feiras dos Libro a literatura sae ao encontro das lectoras e dos lectores que en moitos casos nunca entran nunha librería en todo o ano, Castelao ten que abrazarse co seu pobo fóra dos libros e dos espazos pechados.

Unha iniciativa que vai na liña que aquí apuntamos é a película que está a facer Ángeles Huerta, Antes de Nós, unha biografía dun Daniel aínda novo que exerce como médico e que viaxa á Bretaña con Virxinia Pereira despois da morte do seu único fillo. Aínda non é o Castelao de Nós, do Partido Galeguista e do Sempre en Galiza, pero é nesa etapa onde se constrúe a súa personalidade. Ese filme será unha oportunidade para achegar a súa figura a un amplo público, e moi especialmente á xente moza que cursa os seus estudos na rede de centros de ensino de Galiza.

Outra ventá que podemos abrir a ese inmenso mar que é Castelao son as exposicións sobre a súa obra artística e sobre os seus textos literarios e de pensamento político. Hai uns días, na inauguración da exposición da Real Academia Galega de Belas Artes sobre Francisco Asorey en Ferrol, o comisario da mostra, o fotógrafo Xurxo Lobato, dixo que había dúas clases de exposicións: aquelas nas que a xente tiña que ir a elas (normalmente entrando nun edificio) e as exposicións que ían ao encontro da xente (as que se fan en espazos abertos). Por suposto, as dúas son necesarias e complementarias. Xa sabemos os riscos que corre por exemplo unha escultura exposta nunha praza. Por iso o auténtico David de Michelangelo está na Galería da Academia de Florencia e a reprodución da escultura na Piazza da Signoria, fronte ao Palazzo Vecchio. Tamén sabemos que a emoción que produce en nós poder contemplar unha pintura auténtica non é igual que ollar unha reprodución, por moi boa que esta sexa. Pero só esta última opción permite que milleiros de persoas que nunca entran nun museo poidan marabillarse diante dun Fra Angelico, dun Goya ou dun Roger van der Weyden.

O propio Museo do Prado, un dos máis visitados do mundo, co apoio da Fundación Iberdrola, puxo en marcha hai uns anos o proxecto “O Prado nas rúas”. Iso permitiu levar os grandes mestres do Museo a través de 50 cadros a tamaño real a espazos emblemáticos de cidades como Salamanca, Valladolid, León, Burgos, Soria ou Segovia. O valor divulgativo e cultural da iniciativa foi certamente extraordinario. Non teño que dicir que a calidade dos materiais da exposición non a vin en ningunha outra mostra destas características. A verdade era un pracer contemplala.

Creo que no “Ano Castelao” e no 75 aniversario do seu pasamento, entre outras iniciativas que a Xunta de Galicia poida levar a cabo, o Goberno galego ten a ocasión e a obriga de facer algo semellante: sacar a Castelao do Panteón. Castelao ten que ocupar as prazas e as rúas máis emblemáticas do noso país. A nós nada nos alegraría máis que poder ver unha exposición sobre a obra e o pensamento de Castelao como a que se fixo sobre as pinturas do Prado. Oxalá poidamos contemplar esa exposición nas sete cidades galegas e nas principais vilas do país. Incluso soñamos con que se poidan ver algunhas das súas pinturas e frases importantes dos seus textos literarios e políticos en grandes valos ás entradas dos centros urbanos. Iso si sería sacar a Castelao dos lugares sagrados nos que só entran as persoas que xa lle profesan amor e admiración a Castelao. E sería tamén un acto que repararía en parte o tristísimo retorno dos seus restos a Galiza. Debémoslle a homenaxe que non tivo no seu día.

Ningún comentario:

Publicar un comentario