06/01/25

Nin a Ramón Piñeiro lle serviría de nada hoxe unha mesa camilla

O nacionalismo galego, se quere gobernar o país, tamén precisa profundar no discurso transversal de Ana Pontón e utilizar moito máis as ferramentas de comunicación coas que hoxe chega a mensaxe política á sociedade.

Foto: Xelmírez 15, en Compostela, a casa onde viviu  Ramón Piñeiro.

As persoas que coñecen a biografía intelectual e política de Ramón Piñeiro saben ben que o xénero epistolar que el tanto cultivou (milleiros e milleiros de cartas) e as conversas arredor dunha mesa camilla naquel cuarto piso de Xelmírez foron realmente as súas únicas ferramentas para construír unha nova corrente do pensamento galeguista, o que posteriormente coñeceriamos como o piñeirismo, unha liña de actuación contraria á que o propio Castelao e o Consello de Galiza demandaban desde o exilio ao galeguismo do interior. Unha das persoas que máis cartas recibiu de Piñeiro foi Basilio Losada Castro (unhas 240), que falaba así da importancia daquel epistolario: “Converter o sentimento de Galicia, fermoso e inútil, nunha vontade de servizo ao país. Iso foi o que fixeron en min, e tamén en tantos outros, as cartas de Ramón Piñeiro”. E un dos mozos que máis pasou pola mesa camilla, Xosé Luís Franco Grande, valora así o maxisterio de Piñeiro: “Vou un día a Xelmírez 15-4º, como tantos outros. Piñeiro fálame do galeguismo, do pensamento galeguista. Refírese ó rexionalismo, logo faime un esquema preciso e claro do nacionalismo, do pensamento de Risco, da experiencia republicana, da guerra civil. Foi este un dos días que sei máis importantes da miña vida”. Isto acontecía en Compostela en 1954.

O PIÑEIRISMO
A partir de 1949, case sen saír daquela casa -que puxo á súa disposición Domingo García-Sabell-, Ramón Piñeiro pensou, elaborou e traballou cun reducido grupo de intelectuais galegos (con Francisco Fernández del Riego e Xaime Illa Couto principalmente) todo un conxunto de ideas que naqueles anos escuros do franquismo el e súa xeración consideraban necesarias para a supervivencia da identidade do país, da súa lingua e da súa cultura: a posta en marcha da Editorial Galaxia en 1950, a recuperación de autores como Ramón Cabanillas, Ramón Otero Pedrayo, Ánxel Fole e Álvaro Cunqueiro, a incorporación á literatura galega de Luís Pimentel, Celestino Fernández de la Vega ou Domingo García-Sabell, a revista Grial, a renovación da Real Academia Galega, a creación do PSG e do PGSD ou a súa implicación a última hora na Transición, propoñendo a determinadas persoas para ocupar os postos máis relevantes das novas institucións e converténdose el mesmo nun persoeiro influente naquel contexto político, co que incluso Adolfo Suárez intentou reunirse. Hai que lembrar que aínda que Ramón Piñeiro nunca quixo militar en ningún dos partidos que promoveu, apoiounos e puxo aos seus dirixentes en contacto cos seus homólogos europeos, incluso acompañándoos a varias reunións en Italia e Alemania. E todo iso o pensou e o programou Ramón Piñeiro entre as paredes da súa casa.
Á marxe da opinión que cada un ou cada unha de nós teñamos da figura de Piñeiro, o que queremos destacar aquí é como Ramón Piñeiro foi quen de levar a cabo a súa estratexia política case exclusivamente cultivando unha intensísima correspondencia e exercendo o proselitismo desde a mesa camilla de Xelmírez 15-4º. Todo aquel traballo permitiulle influír nun determinado sector do galeguismo cultural e político e mesmo nas decisións políticas da dereita e do PSOE. Para o que non lle serviu foi para obter unha acta de senador en 1977 dentro da Candidatura Democrática Galega Pró Senado, porque os procesos electorais, nunha sociedade desgaleguizada e sen memoria histórica do seu pasado máis luminoso, dificilmente se podían gañar desde unha mesa camilla e desde o galeguismo, por moi moderado e europeísta que este fora. A acta de deputado só a conseguiu Ramón Piñeiro indo como “galeguista independente” nunha candidatura do PSdeG-PSOE ás primeiras eleccións galegas.

A REORGANIZACIÓN DO NACIONALISMO
Paralelamente, a partir de comezos dos anos sesenta, o incipiente nacionalismo galego de esquerdas, contrario á estratexia de Piñeiro, e tras a fugaz e amarga experiencia do Consello da Mocedade, nun admirábel proceso de autoorganización, foi quen de construír forzas políticas propias como a UPG e a AN-PG, sindicatos nacionalistas e entidades culturais por todo o país, así como de organizar e mobilizar ao pobo arredor de conflitos sociais e de elaborar unha alternativa política para unha ruptura democrática, como eran as Bases Constitucionais. E para acadar todos eses obxectivos non contou con máis ferramentas que a entrega sen límites da propia militancia á idea dunha Galiza Ceibe e Popular. Mais todo aquel inxente traballo organizativo, social, intelectual e político, levado a cabo desde a clandestinidade, con enorme coraxe e xenerosidade e nas condicións máis adversas, tampouco foi suficiente para traducir os soños en realidade cando chegaron as eleccións de xuño do 77. E o nacionalismo galego e o país pagaron moi caro a ausencia de forzas políticas propias nas Cortes do Estado durante moitos anos. Se a mesa camilla e a correspondencia de Ramón Piñeiro non servían para gañar unha acta de senador, a reivindicación do pensamento político de Castelao, a defensa das Bases Constitucionais e a extraordinaria capacidade organizativa do nacionalismo tampouco permitían obter os resultados desexados e que tanto precisaba o país.

LECCIÓNS QUE CÓMPRE APRENDER
Hoxe sería impensábel que Ramón Piñeiro, coas súas cartas e coas conversas arredor da mesa camilla, puidese xogar o papel que xogou na Galiza do franquismo e da Transición. Ninguén o chamaría agora desde ningún partido. E o mesmo lle sucede aos métodos de traballo e aos recursos materiais que lle serviron ao nacionalismo galego durante o franquismo e os primeiros anos da Transición para crear organización, darse a coñecer e ampliar a súa base social. Na actualidade resultan insuficientes para conseguir o necesario apoio social para gobernar o país. A sociedade galega de 2025 non é a do franquismo nin a dos primeiros anos da Transición, e nin sequera a de hai dez anos. E a responsabilidade histórica do nacionalismo actual non é tampouco a que posuía nos anos oitenta. É inmensamente maior cando se ocupa o papel de primeira forza política da oposición.
Ramón Piñeiro era un home moi intelixente e se vivise na Galiza de hoxe sabería moi ben que a sedución e a influencia que el utilizou durante tantos anos a través do seu epistolario e das conversas á calor dun braseiro, agora non lle serviría nin para crear un foro de opinión. Tamén o Bloque Nacionalista Galego estou seguro que saberá comprender que só a defensa dos principios políticos dos que se dotou na Asemblea Fundacional de Riazor e de todo o que permitiu a autoorganización e a mobilización social desde 1964 non é suficiente actualmente para acadar o necesario apoio da sociedade galega para darlle unha esperanza ao país. Nunca tan imprescindíbel foi, por exemplo, dedicar a máxima atención á comunicación política, que a estas alturas do século XXI xa non se resolve con editar un voceiro ou un periódico, facer un magnífico traballo parlamentario ou dar roldas de prensa todos os días.

UNHA REVOLUCIÓN NA COMUNICACIÓN POLÍTICA
Facer avanzar unha alternativa política na sociedade é unha ciencia e unha acción política que precisa persoas con intelixencia, habilidade, realismo político, audacia e capacidade de comunicar, emocionar e ilusionar. O BNG, con moi modestos recursos, pero cunha grandísima candidata á Presidencia da Xunta nos últimos procesos electorais e cunha persoa moi intelixente, tenaz e creativa á fronte da área de Comunicación, está a protagonizar unha auténtica revolución no liderado social e no campo da comunicación política, multiplicando por mil a simpatía co BNG, algo que non sería posíbel –por moito e moi ben que traballe unha organización- sen unha persoa co perfil de Ana Pontón, sen a súa enorme talla política e a súa calidez humana, e por que non dicilo, sen a súa dozura e o seu sorriso.
Felizmente alguén entendeu hai tempo –e foi Xavier Campos- que agora os espazos de comunicación política e de combate ideolóxico danse nos medios dixitais, nos videos, no conxunto das redes sociais e tamén, por suposto, coa humanización do discurso político e cunha linguaxe comprensíbel e amábel, que fale dos problemas reais da xente e do país e non de conceptos políticos que non resultan críbeis nin factíbeis neste momento político, como a liberación nacional ou a República Galega, aínda que sigan sendo obxectivos irrenunciábeis para o nacionalismo galego. O BNG, se de verdade quere pasar da oposición a gobernar o país, tamén precisa practicar o realismo político, profundar colectivamente no discurso transversal de Ana Pontón, con ideas e propostas que entenda todo o mundo, con palabras que cheguen ao corazón da xente, e desde logo, necesita utilizar moito máis as ferramentas de comunicación coas que hoxe chega a mensaxe política á sociedade.

SUMAR POBO PARA GOBERNAR O PAÍS
Hai agora máis de noventa anos xa o Partido Galeguista tivo moi claro que ademais do proselitismo individual, o traballo organizativo, os mitins, as conferencias, a propaganda escrita e o voceiro do partido (A Nosa Terra), precisaba utilizar os que daquela eran novísimos medios de difusión. Naquel momento foi toda unha novidade o uso do cinematógrafo e sobre todo da radio para chegar a un público moito máis amplo que a propia militancia e os simpatizantes. A Liga Compostelana Pro-Estatuto, na que tiñan unha presenza destacada os nacionalistas, creou a principios de xaneiro de 1933 a primeira emisora galega: EAJ-4 Unión Radio Galicia, que emitía para todo o país e que xogou un papel fundamental na defensa da autonomía, con locutores habituais como Antón Fraguas, Ramón de Valenzuela e Xosé Mosquera, “o vello dos contos”, e con Manuel Beiras García como principal redactor.
Grazas a aquela canle, que estaba situada na Praza da Universidade, moitas e moitos galegos puideron escoitar polos seus micrófonos a persoeiros como Alexandre Bóveda ou Antón Vilar Ponte. Aquela xente do PG estaba à la page na comunicación política. Os seus dirixentes sabían perfectamente que para acadar o Estatuto de Autonomía do 32 non chegaba o voceiro do partido, nin o boca a boca, nin o mitin nin a pancarta. Igual que eran moi conscientes de que a consecución daquel estatuto supoñía na práctica aceptar as regras de xogo da Constitución española de 1931 –que non a súa filosofía- e non ficar presos da pureza ideolóxica e das aspiracións máximas do PG. Iso é precisamente o que hoxe ten que saber o nacionalismo galego, que para termos máis autogoberno e un goberno galego ao servizo de Galiza é imprescindíbel gobernar o país. E cómpre dicilo con claridade, sen complexos, con convicción e ilusión. Porque o máis revolucionario nunca será loitar 100 anos pola independencia nacional e o socialismo, senón conseguir que a xeración do nacionalismo galego que representa Ana Pontón sexa quen de sumar cada día máis pobo para comezar a construír en 2028 unha Galiza diferente. Iso é o que faría hoxe en día, sen dúbida algunha, Alexandre Bóveda. Iso é o que a sociedade galega actual espera do BNG. Este país xa perdeu moitas das súas mellores xeracións desde 1936. Nin unha máis!

Ningún comentario:

Publicar un comentario