24/10/23

Lean a Camilo Nogueira

 Hai quen agora fala todo o día de Palestina e nunca tocou coas súas mans a pel dun deses nenos ou desas nenas palestinas que levan nos seus ollos o terror da violencia e da barbarie, nin nunca cruzou unha soa palabra cun pai ou unha nai de Gaza que tivo que correr baixo as bombas do Exército de Israel cun fillo nos brazos. Camilo Nogueira si viviu esa realidade humana. Cando falaba de Palestina no Parlamento Europeo facíao tamén desde o vivido en primeira persoa.

Talvez para a maioría da sociedade galega actual Camilo Nogueira Román (Vigo, 1936) é só o nome dun destacado político galego asociado a Esquerda Galega e ao BNG ou, no mellor dos casos, un dos referentes históricos do nacionalismo galego contemporáneo, que non é pouca cousa, naturalmente. Só por iso xa merecería toda a nosa admiración, por tanta e tan xenerosa entrega ao país. Mais Camilo Nogueira é tamén unha das nosas grandes figuras intelectuais, un dos nosos máis brillantes ensaístas, cunha extensa e importante obra publicada. Abonda con citar algúns títulos: O poder industrial en Galicia (1980), A memoria da nación I. O reino de Gallaecia (2001) ou o seu último libro, o seu legado intelectual: Unha nación no mundo. A razón resistente (1480-2010), publicado en 2019, cando o autor xa cumprira 83 anos de idade. Case 800 páxinas a través das que podemos viaxar pola historia de Galiza desde a Idade Moderna ao inicio do século XXI. Unha lectura certamente imprescindíbel.

Pero hoxe queremos traer aquí outro dos seus libros, de obrigada lectura nestes tempos de tanta barbarie, tanto horror, tanto sufrimento e tanta dor nos nosos corazóns polo xenocidio que está suceder en Palestina: A rota do sol, publicado por Edicións Laiovento en 2011, unha mirada sobre o acontecer histórico, económico, social e cultural de Galiza desde a Guerra Fría até os nosos días e unha mirada sobre o mundo, sobre o exterior, porque Camilo Nogueira, desde o seu pensamento nacionalista, nunca deixou de estar preocupado polo que acontecía en calquera parte do planeta, nomeadamente naqueles países que sofren o colonialismo, a represión política e a inxustiza social. Posibelmente A rota do sol é o mellor libro para descubrir ou coñecer máis profundamente a Camilo Nogueira en toda a súa dimensión política, intelectual e humana.

Un dos capítulos deste libro está todo el dedicado a Palestina. Aínda que a Camilo Nogueira lle preocupou a situación do pobo palestino desde os seus tempos de deputado de Esquerda Galega no primeiro Parlamento galego, foi durante a súa etapa como eurodeputado do BNG, entre 1999 e 2004, cando o conflito entre Israel e Palestina centrou unha parte importante do seu traballo parlamentario. A rota do sol recolle diversas intervencións parlamentarias e varios artigos de Camilo Nogueira que nos axudan a comprender todo un proceso histórico e unha situación política que vive agora un dos momentos máis dramáticos da historia da humanidade.

Cando Camilo Nogueira falaba na Cámara europea ou reflexionaba en artigos e ensaios sobre Palestina, facíao sempre con coñecemento persoal, con experiencia propia do vivido nas súas viaxes a Palestina en 2002, 2004, 2008 e 2009, formando parte de misións do Parlamento Europeo. Eran intervencións e traballos que falaban dos campos de refuxiados, do terror, dos bombardeos, da miseria e da desolación que contemplou cos seus propios ollos en Palestina, camiñando entre as vítimas. Os títulos dos textos que figuran neste libro son ben expresivos: “Apartheid”, “Reinado do terror”, “Ante tanto terror”, “Gaza asediada”, “Bombardear un campo de concentración”, “Chumbo fundido”, “Arrogante impunidade” …

Camilo Nogueira alza a súa voz unha e outra vez para denunciar a masacre de Ienin, o cerco á sede do Presidente Arafat, a construción do infame muro da separación, o asesinato do líder espiritual dunha parte do pobo palestino Ahmed Iassin, o asedio da Mugata de Ramallh, o ataque a Gaza entre decembro de 2008 e xaneiro de 2009… E dá algunhas claves para entender este conflito: o incumprimento das resolucións da ONU por parte de Israel, a ocupación como causa última da espiral de violencia e do terrorismo, a responsabilidade política de Israel e dos países que sustentan a súa acción, como os EEUU e mesmo os estados da Unión Europea ou os estados árabes da zona, ou a non aceptación por parte de Israel da vitoria parlamentaria de Hamás, un grupo que antes impulsaran os propios israelís contra o Al Fatat de Iassir Arafat. “A Unión Europea, que fai chegar aos palestinos a principal axuda financeira, especialmente en Gaza, -escribía Camilo Nogueira en 2008- podería ter a clave da solución de se atrever a utilizar todo o seu poder político e económico, sen estar sometida aos intereses estratéxicos dos EEUU”.

Noutro dos seus textos sobre Palestina, escrito en 2006, di Camilo Nogueira: “Nesta situación, chegou para a Unión Europea a hora de manifestar que o obstáculo determinante para a creación do Estado palestino e da coexistencia dos dous Estados non está na sociedade palestina, nin sequera na árabe, senón no afán de dominación de Israel e na ocupación dun territorio que non lle pertence. Está nun Estado xudeu que non abandona a pretensión de ocupar permanentemente parte do territorio de Cisxordania e Gaza, sen respeitar as fronteiras de 1967 fixadas nas resolucións da ONU”. Que autoridade política española ou europea ten a coraxe de dicir isto hoxe?

Hai análise e reflexión neste textos, pero tamén vivencias moi persoais. Nunha das crónicas que escribe Camilo Nogueira da súa experiencia por terras de Palestina, narra o que lle sucedeu unha vez en Israel, á saída de Gaza: “A pesar de que só tiña no peto a carteira, co cartón de crédito e o pasaporte, logo dun escaneado rotatorio fun desviado a outros cubículos en que repetiron a operación, e despois introducíronme, por ordes dadas desde a altura e sen posibilidade material de desobedecelas ou contestalas, nunha cela que se fechou hermeticamente ás miñas costas, sen que ninguén acudise de inmediato. Ao cabo dunha media hora, desde outra cámara separada por un vidro pedíronme que me espise. Entraron logo dous ghichos que aínda me pasaron un escáner manual por todo o corpo á procura de non sei que. Só despois de todo iso, e sen recibir ningunha explicación nin desculpa, puiden reunirme co grupo, para soportar posteriormente, como todos, o insolente e demorado control do pasaporte”.

Se isto llo fan a un eurodeputado formando parte dunha Misión do Parlamento Europeo, que non lle farán a un palestino! Anos despois, en febrero de 2023, a eurodeputada nacionalista galega Ana Miranda, que segue activamente a liña da defensa de Palestina de Camilo Nogueira, sufriría tamén a represión das autoridades de Israel, expulsándoa do seu territorio, obrigándoa a retornar a Madrid desde Tel Aviv, a pesar de formar parte dunha delegación oficial do Parlamento Europeu que viaxaba a Cisxordania e Gaza. O “delito” de Ana Miranda fora participar na Flotilla Internacional da Liberdade do 2015 para achegar axuda humanitaria a Gaza.

Hai quen agora fala todo o día de Palestina e nunca tocou coas súas mans a pel dun deses nenos ou desas nenas palestinas que levan nos seus ollos o terror da violencia e da barbarie, nin nunca cruzou unha soa palabra cun pai ou unha nai de Gaza que tivo que correr baixo as bombas do Exército de Israel cun fillo nos brazos. Camilo Nogueira si viviu esa realidade humana. Cando falaba de Palestina no Parlamento Europeo facíao desde o vivido en primeira persoa: “Señor Presidente, como o meu colega que falou anteriormente, eu tamén estiven onte no campo de refuxiados de Ienin”. De aí o valor dos seus textos. De aí a importancia de lermos hoxe un libro como A rota do sol, nun momento no que estamos a vivir de novo un xenocidio, unha masacre que nos demostra máis unha vez o desprezo máis absoluto que o ser humano é capaz de sentir por outro ser humano.

Ningún comentario:

Publicar un comentario