07/11/23

Tres razóns para o cambio político galego (I)

Aínda que foi unha fría mañá de decembro de 1981, no xélido Pazo de Xelmírez, cando se constituíu o Parlamento galego por vez primeira na nosa historia, xa desde 1978 había unha Xunta preautonómica, que presidiu Antón Rosón, entre 1978 e 1979, e José Quiroga Suárez, entre 1979 e 1982, os dous da UCD. O sistema político galego foi edificado, por tanto, e desde o primeiro momento, por partidos estatais de dereita que nada tiñan a ver coa reivindicación histórica da Autonomía galega. Estes partidos (Unión de Centro Democrático, Alianza Popular e Partido Popular) ocuparon a Presidencia da Xunta de Galicia durante case todo ese longo período político, en concreto 39 dos 45 anos. Se exceptuamos os dous anos do tripartito e os catro do bipartito, a dereita gobernou Galiza case de forma ininterrompida todo o que levamos de etapa autonómica. Só por hixiene democrática xa sería preciso o cambio político galego.

DE FERNÁNDEZ ALBOR A ALFONSO RUEDA

Ás veces parece que non temos moita conciencia desta realidade política e que incluso nos custa asociar a perda de peso político, económico e demográfico que experimentou o noso país nas últimas décadas a quen realmente exerceu o poder autonómico durante tantísimos anos, cunha evolución, ademais, que evidencia a renuncia progresiva do exercicio do autogoberno, mesmo desde o punto de vista simbólico. Abonda con dar un dato: O 13 de decembro de 1987, convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística, tiña lugar en Compostela a primeira grande manifestación en defensa da lingua galega, que remataba nunha ateigada Praza da Quintana. O 8 de febrero de 2009, vinte e un anos despois, Galicia Bilingüe organizaba outra manifestación, tamén polas rúas de Santiago, baixo o lema “Quiero libertad para elegir” e “Contra la represión lingüística”. Na primeira manifestación, detrás dunha pancarta que dicía “Galiza en galego”, si, Galiza, non Galicia, camiñaban Xerardo Fernández Albor e se non lembro mal Xesús Palmou, cóbado con cóbado con Bautista Álvarez, Xosé Manuel Beiras, Camilo Nogueira e Anxo Guerreiro. Na segunda manifestación, na de Galicia Bilingüe, era Alfonso Rueda o que camiñaba xunto a Gloria Lago, Rosa Díez e Albert Rivera, protagonizando a primeira ofensiva contra a normalización lingüística desde que temos Autonomía. Dúas fotos e dous momentos que expresan perfectamente  a evolución ideolóxica da dereita galega. 

O DEBATE SOBRE O ESTADO PLURINACIONAL

Estamos a vivir agora unha circunstancia política na que Cataluña e Euskadi, máis unha vez, actúan politicamente para seren povos recoñecidos como nacións na estrutura do Estado español. Galiza, desde o seu propio goberno autónomo, non está nesa negociación nin nesa ambición política. Neste contexto onde se volve a falar do problema territorial e do estado plurinacional, a Xunta de Galicia que preside Alfonso Rueda e o conxunto do Partido Popular de Galicia nin sequera fan o exercicio de lembrar que Galiza tamén existe, que o artigo 1 do actual Estatuto de Autonomía fala de Galiza como “nacionalidade histórica”, é dicir, co mesmo status co que foron aprobados os estatutos de autonomía das outras dúas nacións. Todos e todas nós sabemos que cando a Constitución española se refire no seu artigo 2 a “nacionalidades y regiones” é precisamente para intentar resolver naquel momento da Transición o encaixe territorial de Galiza, Euskadi e Cataluña, aínda que posteriormente Andalucía tamén definirá a Comunidade Autónoma como nacionalidade. 

Non facer valer hoxe esa condición no actual debate político é unha renuncia que só pode asumir quen non acredita nin en Galiza como nación nin no autogoberno, como é o caso de Alfonso Rueda. Alguén imaxina a Castelao, a Alexandre Bóveda ou a Francisco Fernández del Riego non dando esa batalla por Galiza? Alguén imaxina a Xosé Manuel Beiras, a Camilo Nogueira, a Anxo Quintana ou a Ana Pontón renunciando a situar a Galiza en iguais condicións de soberanía política que Euskadi e Cataluña, tal e como fixo o Partido Galeguista na II República?

UNHA SOA COMPETENCIA EN 14 ANOS

Alberto Núñez Feixoo impediu en 2007, durante o goberno bipartito, que o noso Estatuto de Autonomía puidese alcanzar un maior teito competencial, mentres que si o facían o resto das autonomías. Posteriormente, baixo os seus gobernos e os de Alfonso Rueda, a Xunta de Galicia só negociou co Goberno central a transferencia dunha soa competencia en 14 anos (o imposto sobre o depósito de refugallos), mentres Euskadi lograba a transferencia de 26 novas competencias, Cataluña 11 e Andalucía 16. E agora Alfonso Rueda nin sequera defende aquilo que propoñían os chamados “galeguistas históricos” na primavera de 1977, Ramón Piñeiro entre eles: “para o caso de que a fórmula federal non prosperase, a representación galega tería que reclamar para Galicia os mesmos direitos autonómicos que se lles reconocesen ás outras nacionalidades”. Endexamais defenderán nin dirán tal cousa os actuais dirixentes do PP.

Para que Galiza exista non xa como nación en marcha, senón como suxeito político galego, resulta, pois, imprescindíbel desaloxar urxentemente e con contundencia democrática ao Partido Popular da Xunta de Galicia. O PP de Núñez Feixoo e de Alfonso Rueda representa claramente a antítese do que é un proxecto político coherente coa idea de autogoberno que forma parte da historia de Galiza desde as Irmandades da Fala e do vello Partido Galeguista.

Velaquí unha primeira e poderosa razón para un cambio político galego para calquera persoa nacionalista ou galeguista que acredite no noso país e no autogoberno galego.



Ningún comentario:

Publicar un comentario