20/11/23

Tres razóns para o cambio político galego (II)

Contra o que pensan moitas persoas que identifican o nacionalismo só con cuestións identitarias, culturais e lingüísticas, algunhas das máis destacadas personalidades do nacionalismo galego fórono precisamente polos seus traballos de carácter económico. Nese sentido foi certamente extraordinario o esforzo intelectual que fixeron persoeiros como Lois Peña Novo, Cruz Gallástegui ou Alexandre Bóveda durante os anos vinte e trinta do século XX. Bóveda, que era funcionario de Facenda, foi en realidade o cerebro económico do Anteproxecto de Estatuto do Seminario de Estudos Galegos, do programa do Partido Galeguista e do proxecto de Estatuto de Autonomía do 36, aprobado pola Asemblea de Concellos en decembro de 1932, ademais de ser o principal organizador da constitución da Caixa de Aforros de Pontevedra, responsabilizándose da redacción dos seus estatutos, do regulamento interno e do seu primeiro cadro de persoal, unha experiencia que el aproveitaría posteriormente para a defensa dunha banca pública galega e para os seus importantes contributos en materia fiscal. Alexandre Bóveda foi dos primeiros en darse conta de que sen soberanía económica non hai soberanía política e de que era imprescindíbel cuestionar o sistema fiscal do Estado español, que lle concede ao Goberno central todo o poder financeiro.

DOUS LIBROS FUNDAMENTAIS

Xa na posguerra ese traballo está presente no labor de Valentín Paz-Andrade e de Xaime Illa Couto. Se ao primeiro lle debemos un título fundamental como Galicia como tarefa, ao segundo débeselle precisamente a aparición da Revista de Economía de Galicia, anterior á propia creación da Facultade de Económicas na Universidade de Santiago. Poucos anos despois, en 1972, a Editorial Galaxia publica a obra capital do pensamento económico galego, O atraso económico de Galicia, de Xosé Manuel Beiras, que xunto con Escedente económico e análise estructural, de Ramón López-Suevos, que aparece igualmente en Galaxia en 1977, supoñen unha auténtica revolución no estudo das causas e dos efectos do espolio dos nosos recursos. Eles dous, desde esas obras e desde as súas cátedras, abren o camiño para outras moitas persoas que nas décadas seguintes se van dedicar á investigación e ao coñecemento da economía galega desde diversas perspectivas.

AS BASES CONSTITUCIONAIS

Xa no plano estritamente político, non podemos ignorar aquí a importantísima contribución de Camilo Nogueira. Cando na primavera de 1976 o Consello de Forzas Políticas Galegas impulsa as Bases Constitucionais para a participación da Nación Galega nun Pacto Federal, o profesor Xose Vilas Nogueira elabora, con achegas de outras persoas, a parte xurídico-política das Bases e Camilo Nogueira as Medidas Económicas para un Programa de Goberno Galego, que é o outro documento que integra esta alternativa programática do nacionalismo galego para unha posíbel ruptura democrática que finalmente non foi.

Lendo agora de novo o contido daquelas Bases, tantísimos anos despois, dámonos conta de como o nacionalismo galego á altura de 1976 tiña perfectamente detectadas as causas do atraso económico e os pasos que compría dar para un desenvolvemento económico de Galiza. Entre os eixos cardinais daquel documento estaba, por exemplo, a transformación do ciclo produtivo das materias primas deica as últimas fases, a utilización da produción de enerxía en función das necesidades propias, o desenvolvemento dun complexo agro-industrial baseado nos recursos agrícolas, gandeiros e forestais ou medidas necesarias para por o aforro galego ao servizo do propio desenvolvemento económico do país. Que cada quen xulgue se algo diso se fixo desde a Xunta de Galicia nalgún dos sucesivos gobernos de Fernández Albor, Manuel Fraga, Núñez Feixoo ou Alfonso Rueda. Décadas e décadas perdidas para o desenvolvemento económico de Galiza.

Por certo, Camilo Nogueira, ademais dos documentos para organizacións políticas como a UPG, a AN-PG ou POG, nos anos oitenta elaborará, así mesmo, outros importantes traballos, entre os que cómpre destacar o traballo “Evolución histórica e estrutura sectorial da economía industrial”, que aparece no libro O poder industrial en Galicia, publicado en edicións Xerais en 1980, do que é coautor Xan López Facal.

A LEI DE BASES

Pero se a alterativa das Bases Constitucionais era unha proposta programática para unha ruptura democrática e para a estruturación dun estado federal, en setembro de 1987 o BNG presenta no Parlamento galego unha Proposición de Lei coñecida co nome de Lei de Bases, que constitúe un programa de medidas urxentes para a recuperación e o desenvolvemento económico e social do país dentro dos límites do actual marco estatutario. É unha alternativa formulada desde o realismo e a responsabilidade política por unha forza nacionalista que ve con enorme preocupación como pasan os anos e a Xunta de Galicia non actúa fronte aos problemas máis graves do país.

A Base I do articulado desa Proposición de Lei contemplaba catro instrumentos dos que a día de hoxe Galiza segue a carecer: o Instituto Galego de Economía Pública, un Plan de Desenvolvemento Económico de Galiza, endóxeno e autocentrado, a creación dun Banco Público Galego e a reforma das vías de financiación. E logo figuraba todo un programa de medidas a adoptar nos diversos sectores da economía galega.

UN PROGRAMA DE GOBERNO PARA A GALIZA DE HOXE

O nacionalismo galego, pois, non só se dotou desde comezos do século XX dun importante corpus teórico sobre a economía galega, senón que formulou propostas económicas para levar a cabo desde unha acción de goberno, primeiro a través das Bases Constitucionais e logo a través da Lei de Bases, obxectivos que aínda hoxe teñen plena vixencia e que o PP segue sen ter no seu horizonte. A maiores, na actualidade contamos cunha amplísima bibliografía sobre a economía galega, con innumerábeis traballos de investigación e numerosas teses de doutoramento.

O único que neste momento nós botamos en falta é unha especie de nova Lei de Bases ou de Programa de Goberno que diagnostique con rigor a situación económica de Galiza no contexto estatal , europeo e internacional de hoxe e que formule unha serie de medidas urxentes para poñer a producir o país, con solucións concretas aos graves problemas que sofren os diferentes sectores dentro do marco competencial do Estatuto de Autonomía, até onde sexa posíbel. E, naturalmente, esa alternativa para o desenvolvemento económico de Galiza só pode vir da man do nacionalismo galego, que é quen situou sempre, en todas as súas etapas, a economía galega entre os seus obxectivos prioritarios, unha tarefa na que traballaron algunhas das nosas mentes máis lúcidas.

Xusto cando tiñamos practicamente rematado este artigo chéganos a noticia de que o BNG acaba de constituír un Consello Asesor para reforzar a elaboración do Programa de Goberno para as vindeiras eleccións autonómicas. Nada nos podía alegrar máis o día que ver que nese equipo humano están persoas como Alfredo Suárez Canal, Teresa Táboas, María do Carme García Negro, Edelmiro López, Salustiano Mato ou Mar Pérez Fra. Coma quen di, o Seminario de Estudos Galegos do século XXI. O país non pode desaproveitar o coñecemento e a experiencia de todas aquelas persoas que durante tantos anos puxeron a súa lucidez e a súa vida ao servizo do país. Ana Pontón como candidata á Presidencia da Xunta non podería ter mellor aval.

O soño do desenvolvemento de Galicia, como titulou Manuel Roca Cendán o seu segundo libro sobre Lois Peña Novo, segue a ser tamén o soño de moitas persoas neste país, dunha amplísima maioría social que quere unha Galiza próspera e non empobrecida polo espolio e polo capital depredador. O soño do desenvolvemento de Galiza é unha razón máis, e das máis importantes, para o cambio político galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario