Non somos ilusos. Estamos moi
lonxe de pensar que nos vindeiros meses se vai producir un cambio político
profundo no modelo de Estado. Agora ben, o PSOE, forzado pola situación
política de Catalunya e mesmo polo papel que xogou o PNV no desenlace da
recente crise política, é obvio que algo
ten que facer, cando menos reabrir o debate sobre a reforma da Constitución, e
aínda que o tratará de dificultar ao máximo, o Goberno español tampouco poderá
impedir que haxa forzas políticas catalanas e vascas que cuestionen o actual modelo
de Estado e que defendan a independencia das súas respectivas nacións ou un
estado libre asociado. E aí, nese debate, dificilmente vai estar Galiza se
desde o Parlamento galego e desde a sociedade galega non somos quen de impulsar
unha Proposta de País que teña por obxecto conseguir que Galiza, en termos de
status institucional, de soberanía política, non quede nin un só chanzo por
debaixo de Euskadi e Catalunya. Creo que esa proposta debe ser formulada desde
unha aspiración política que teña como único límite o autogoberno que alcancen
esas outras dúas nacións. Esa proposta debe, ademais, ser
explicada e debatida socialmente e debe procurar o consenso máis amplo posíbel
no seo Cámara galega. E o nacionalismo galego ten a responsabilidade política
de impulsar ese proceso, igual que o PG impulsou nos anos trinta o Estatuto de
Autonomía, e sempre con vontade de sumar para facer posíbel unha Proposta de
País. O nacionalismo non pode renunciar a xogar ese papel.
Se hai algunha forza política con
presenza no Parlamento galego que non estea disposta a defender para o noso
país o mesmo status político que consiga Catalunya e Euskadi terá que explicalo
diante da sociedade galega. Será a súa responsabilidade. Mais este é un deses
momentos históricos nos que o nacionalismo non pode actuar mirando só para os
seus principios políticos e para a súa base organizada, igual que no seu día o
Partido Galeguista non mirou só para o seu ideario nacionalista e para a súa
militancia. E iso é o que explica que o partido de Castelao e de Alexandre
Bóveda se convertera no auténtico motor político daquel proceso
estatutario. O nacionalismo galego cando máis útil foi á sociedade e ao país
foi cando puxo a súa táctica política e o seu discurso ao servizo do obxectivo
de ir moito máis aló do seu campo ideolóxico e do seu corpo electoral máis
firme, porque neses momentos o nacionalismo sempre foi quen de sumar pobo á
causa galega e de ser máis determinante na historia política do país. Acaso non
foi esa maneira de ver o país o que levou ao BNG nos anos oitenta a convidar a
outras forzas políticas a sentarse arredor dunha mesa para intentar facer unha
candidatura de país para Europa e anos máis tarde a aprobar unha candidatura do
BNG ao Parlamento europeo encabezada por Carlos
Mella, vicepresidente da Xunta con Fernández
Albor? Acaso non foi a estratexia de situar o país por riba de todo o que
nos levou a participar activamente en 1987 nunha grande manifestación en
defensa da lingua galega que ía encabezada por políticos como Fernández Albor
ou Xesús Palmou, portando pancarta
con Bautista Álvarez e Ánxel Guerreiro? Acaso a creación da
Plataforma Nunca Máis diante da catástrofe do Prestige non buscou o diálogo sen
límites con todos os actores sociais para mobilizar o conxunto da sociedade?
Acaso non actuamos con esa mesma idea de país cando durante o goberno bipartito
o nacionalismo presentou o Estatuto de Nación? Acaso non é o compromiso co país
o que explica a decisión de Valentín
Paz-Andrade de aceptar incorporarse á Comisión Negociadora da Oposición ou
o que explica a presenza activa de Camilo
Nogueira na Comisión redactora do Estatuto dos 16? Acaso non foi o obxectivo de acadar un Grupo Parlamentar
Galego nas Cortes o que mesmo levou ao BNG en 2015 a renunciar a presentarse
baixo as súas propias siglas, nun acto de xenerosidade e de responsabilidade
política pouco frecuente? Non sempre o resultado é o que se espera, é certo, pero
ninguén lle pode negar ao nacionalismo organizado e ás persoas de pensamento
nacionalista o seu esforzo por darlle outro futuro ao país.
Non teñamos reparo ningún en
sentarnos con quen sexa preciso se do que se trata é de formular desde a Cámara
galega unha Proposta de País para defender neste novo escenario político que
agora está a abrirse no Estado. A única estratexia que o nacionalismo galego
non modificou nunca ao longo da súa historia foi a sua estratexia de servizo ao
país. Defender o país é a nosa razón de ser. A axenda galega que ultimamente
presentou Ana Pontón, centrada nos
principais problemas que hoxe ten Galiza e que máis lle preocupan á nosa
sociedade, é, desde logo, un primeiro paso e a dirección que cómpre seguir,
facendo un discurso máis propio de quen exerce a dirección política dunha
nación en construción que dunha oposición sen esperanza nun resultado positivo
para o país.
Ningún comentario:
Publicar un comentario