Quen coñeza a traxectoria do nacionalismo galego da preguerra chegará facilmente á conclusión de que despois da amarga e frustrante experiencia de ORGA e da inevitábel división no seo das Irmandades da Fala foi quen de dotarse dun instrumento político vital para o país como foi o Partido Galeguista e de deseñar unha estratexia que, de non ser polo golpe fascista do 36 e por toda a barbarie que veu a continuación, culminaría cun moi sólido sistema político galego, cunha Galiza con institucións propias e cun primeiro goberno galego da historia no que o PG, seguramente con Castelao e Alexandre Bóveda ao fronte, levaría a dirección política do país cara a outras metas aínda máis ambiciosas. O resultado, desde logo, non podía ser máis positivo para un período tan curto de apenas 20 anos, se partimos das Irmandades da Fala, ou de só 5 anos se contamos desde a fundación do Partido Galeguista. Ter a coraxe política de crear unha forza política propia para ser o motor de todo o proceso estatutario e conseguir elaborar e aprobar en plebiscito o Estatuto de Autonomía do 36 é a mellor demostración da utilidade que tivo para o país aquel minoritario Partido Galeguista. Calquera de nós pode, ademais, imaxinar cal sería o futuro de Galiza como nación se o río da historia seguise o seu curso e non fora tronzado polo fascismo. Só hai que pensar en todas aquelas persoas que militaban no PG ou que traballaban no Seminario de Estudos Galegos. O mellorciño do mellorciño, humana e intelectualmente.
Este é o espello no que nos
debemos mirar hoxe todas as persoas que queremos un país diferente. Ou é que
non temos nada que aprender da experiencia histórica, da dos anos trinta e da
nosa, desde a Transición para acó? Precisamos regresar permanentemente, claro
que si, a Castelao e a Bóveda, mais non só o debemos facer para alimentar e
iluminar o noso ideario político, o noso corpus teórico, senón tamén para
aprender da firmeza que tiñan no seu ideario nacionalista aqueles dirixentes e
de como souberon compaxinar esa solidez nos ideais cunha praxe política que
situaba a consecución de institucións propias e o goberno do país como
prioridades irrenunciábeis e inaprazábeis. De feito a política de alianzas que
levaron a cabo cos partidos estatais unicamente tiña un fin: acadar o obxectivo
de dotar a Galiza de existencia política propia como nación e de instrumentos
de autogoberno no prazo máis breve posíbel, seguindo os pasos de Catalunya e
Euskadi. Merece a pena que fagamos un alto no camiño para reflexionar se o
nacionalismo galego actual ten a mesma preocupación por gobernar o país que
tivo o nacionalismo da preguerra. É moi necesaria esa reflexión. E é preciso
tamén que as persoas e as organizacións que nos últimos anos buscaron alianzas
fóra do campo nacionalista reflexionen sobre a utilidade que ese enorme salto
na estratexia do nacionalismo galego contemporáneo tivo para alcanzar un
sistema político galego máis forte, un país diferente e un nacionalismo máis
potente e con maior apoio social, que era, en definitiva, o que procuraba o PG.
Mentres non se fagan estas reflexións nun campo e noutro, Galiza seguirá a
estar lonxe de ter unhas forzas políticas propias que actúen coa mesma lucidez
e a mesma responsabilidade histórica que o fixo o nacionalismo da preguerra.
Aínda estamos a tempo de
rectificar a historia. Sempre estamos a tempo de rectificarmos a historia. Falarmos
entre nós non debería ser nunca máis difícil que o diálogo entre Catalunya e o
Estado. E creo sinceramente que hai moitas persoas independentes, insobornábeis
na defensa do país, que teñen un papel moi importante que xogar para que nas
próximas eleccións xerais o nacionalismo
organizado e as persoas que sen ser nacionalistas acreditan firmemente no país
lle podamos ofrecer á sociedade galega a posibilidade de ter unha
representación verdadeiramente propia, sen dependencias de fóra. Eu non me
imaxino un proxecto potente de país, de ampla base social, sen sumar a esa
tarefa a todas as persoas que lle queren a Galiza e que soñan cunha nación dona
do seu presente e do seu futuro. Cómpre sumar, sumar e sumar, para fortalecer a
casa común, como dixo no seu discurso Ana
Pontón o Día da Patria, porque o BNG é a principal ferramenta política que
segue a ter o país, pero se é preciso, e creo que é preciso, cómpre sumar tamén
fóra da casa, buscando sempre a cooperación necesaria a prol do país, para
empezar con todas esas persoas que desde a súa visión persoal manifestan unha e
outra vez preocupación pola situación política de Galiza. O nacionalismo galego
non debe ter nunca temor a transitar ese camiño. Foi o que fixemos desde 1982.
Eu soñaba nas eleccións xerais de
1977, con 17 anos, aló nas miñas terras de Ortigueira, cunha Minoría Galega no
Senado con Manuel María e Celso Emilio Ferreiro, con Moncho Valcarce e Camilo Nogueira, con Francisco
Fernández del Riego e Francisco
Carballo, con Valentín Paz Andrade
e Isaac Díaz Pardo, pois para min
todos eles eran referentes do país. Daquela non foi posíbel esa Minoría Galega.
Tampouco nos sucesivos procesos electorais. Nin unha soa vez desde 1977 a 2016.
Catro décadas despois, camiño dos sesenta anos, sigo a pensar que o país segue
a precisar cando menos unha Candidatura Galega ao Senado, con persoas de longa
traxectoria de compromiso co país, que teñan como único programa a defensa de
Galiza como nación e como única atadura política a fidelidade ao país. Cómpre
xogar forte, cunha candidatura potente en cada provincia, absolutamente plural,
sen límites de carácter ideolóxico. Galiza aínda precisa aí de homes e mulleres
como Anxo Quintana e Encarna Otero, como Suso de Toro e Teresa Táboas, como Alfredo
Suárez Canal e Margarita Ledo,
como Alberte Blanco Casal e Pilar Allegue, como Branca Rodríguez Pazos e Edelmiro López Iglesias, como tantos e
tantas outras que levan decenios traballando para que Galiza exista como
nación. Nada diso sería contraditorio co fortalecemento do nacionalismo galego, todo o contrario, nin eclipsaría tampouco a renovación
xeracional que xa está en marcha na política galega. E si podería ser talvez un
primeiro paso para que de novo todos situemos a Galiza no centro do debate
político, aquí e no Estado, e tamén, como non, para ir tecendo outros
reencontros imprescindíbeis, para reconstruírmos a patria dos afectos e un
futuro máis ilusionante para o país.
Ningún comentario:
Publicar un comentario