24/01/15

A cuestión non é a ver que vai facer Podemos, senón ver que podemos facer nós

Escoitámosllo unha vez a Isaac Díaz Pardo e quedounos gravado para sempre: “Galiza non é un país pobre, é un país prostrado”. Tamén os nacionalistas repetimos unha e outra vez que Galiza non é un país pobre, senón un país empobrecido, espoliado, politicamente oprimido, privado da súa soberanía. Todas estas afirmacións son irrefutábeis. Somos, efectivamente, unha nación oprimida, espoliada e prostrada e só teremos posibilidades reais, efectivas, de ser unha nación dona do seu futuro e dos seus recursos cando a maioría da sociedade galega deixe de estar a mirar continuamente para canto vén de Madrid, da metrópole, pola dereita ou pola esquerda, e mire máis para o Mapa de Fontán. Ao fin e ao cabo comprometerse coa idea de Galiza, máis aló dunha militancia concreta, é recoñecérmonos como galegos e galegas, confiarmos nas nosas posibilidades como país, negarnos rotundamente á submisión política, en definitiva, non deixarmos a nosa responsabilidade colectiva nas mans dos de fóra nin en ningún salvador.

Creo que ten toda a razón Carlos Mella cando no seu libro A Galicia posible di que “Un dos graves defectos do pobo galego como colectivo social é a súa reacción ante o futuro: no canto de responsabilizarse, ¿qué imos facer?, prefire preguntarse ¿qué vai pasar?”. Claro que Mella é un home dunha grande intelixencia, ao que lle debemos algunhas das reflexións máis lúcidas que se teñen escrito sobre Galiza, e tras facer esa aseveración puntualiza de inmediato que non é o mesmo a submisión do cidadán común que a submisión da clase dirixente da propia sociedade. Cando esta se produce, “a sociedade civil -di Carlos Mella-, por débil que sexa, ten a ineludible tarefa de ir organizando institucións intermedias que formen un tecido social para obrigar ás institucións públicas a enfrontarse ás súas realidades. Se non se consegue, a busca do mesías seguirá a ser unha prioridade e estaremos presenciando un acto máis do drama do suicidio político dun país”.

Penso que na historia contemporánea de Galiza hai algo moito máis decepcionante que a falta dun amplo apoio social a un proxecto político de país, e é a prostración política daqueles e daquelas que deberían ter a obriga de reflexionar sobre o que foi, o que é e o que podería ser Galiza, e sen embargo son incapaces de facelo, por falta de lucidez, por covardía ou simplemente por comenencia persoal. Ten profundas raíces na nosa historia a renuncia da burguesía galega a exercer como tal o seu papel dentro da economía e da política do país. Todas e todos nós sabemos que aquí non houbo clase social ningunha que tras a desaparición do Antigo Réxime fixera o posíbel por defender un proxecto específico para Galiza, aproveitando unhas condicións políticas que naquel momento resultaban propicias para o desenvolvemento industrial, deixando así esmorecer o téxtil ou as ferrarías. Lembremos tamén que foron empresarios cataláns como os Massó os que industrializaron o sector da conserva en varios lugares da costa galega. E se damos un salto no tempo e nos situamos nas últimas décadas, simplemente con pronunciar os nomes das persoas que ocuparon a Xunta de Galiza no período que vai desde Albor até Feijóo podemos chegar á conclusión de que, agás en curtos espazos de tempo, o que tivemos e temos é unha clase dirixente que non cre no país, de mentalidade española e sempre servil co poder central. Pero incluso se poñemos a ollada nas nosas universidades ou na intelectualidade galega de hoxe, que existe, observamos un clamoroso silencio sobre os graves problemas que sofre Galiza e sobre as opcións que lle ofrecen unha e outra vez á nosa sociedade desde Madrid, un silencio que só se explica pola falta dunha visión dos problemas do país desde unha óptica galega ou pola indiferenza diante da sorte histórica de Galiza, o que aínda é máis grave.

Permitídeme que o diga con toda cordialidade, mais tamén dunha forma moi clara: cantas mentes hai hoxe, dentro da intelectualidade orgánica ou dentro do noso profesorado universitario, que pensen en Galiza como nación e actúen en coherencia con ese pensamento, que pensen como pensaba Murguía, Castelao ou Alexandre Bóveda, don Ramón Otero Pedrayo, Valentín Paz-Andrade, Carvalho Calero ou Francisco Fernández del Riego? Cantos dos nosos persoeiros que exercen a ciencia e a galeguidade en cátedras, academias, fundacións, institutos da lingua e consellos da cultura alzan hoxe a súa voz crítica contra esa administración de San Caetano que está a demoler día a día a xa fráxil conciencia galega, dando incluso pasos que poden levar á desaparición física de Galiza como corpo social vivo e con futuro? Quen entre tanto poeta de nós recolleu e lle dá agora continuidade á voz insubornábel de Manuel María e Novoneyra? Quen neste momento pon todo o seu prestixio académico e intelectual ao servizo da acción política nacionalista, como fixeron moitos dos dirixentes do nacionalismo galego en épocas anteriores, como fixo na transición Francisco Carballo ou como están a facer actualmente Goretti Sanmartín ou Xavier Vence? E os profesores e as profesoras das nosas universidades, aínda que só sexa por orgullo propio e por dignidade, nada teñen que dicir fronte a un fenómeno político tan alleo á dinámica interna do país como o que actualmente representa Podemos? É acaso da man dos profesores da Complutense como Galiza vai saír da súa submisión e dependencia política, do seu espolio económico, de seu devalo demográfico, do retroceso da súa lingua e da ocultación e destrución da súa propia cultura? É así, co entusiasmo ou co silencio diante de todo o que nos invade desde Madrid e desde os medios de comunicación ao servizo da recentralización do poder, como nós podemos construír a nosa autoestima como pobo e autoresponsabilizarnos do futuro do noso propio país?  Ou é que carecemos da coraxe necesaria para defendermos a nosa dignidade como pobo e o noso dereito a ser unha nación libre, todo aquilo, por certo, que Rosalía defendeu nos seus versos hai máis de 150 anos?  Será talvez que renunciamos á nosa responsabilidade histórica como cidadáns e cidadás deste país e que aceptamos o noso suicidio colectivo como pobo? Iso si, seguramente non haberá ningún cidadán galego ao que lle gusten as palabras que no seu día nos dedicou Ortega y Gasset na súa España invertebrada. Ben sabedes: “Galicia tierra pobre, habitada por almas rendidas, suspicaces y sin confianza en sí mismas… ”. Pois que se vexa que non é así, que se vexa que somos un pobo en pé, que temos conciencia de país e vontade de existirmos e de sermos unha nación no mundo.


A cuestión, máis unha vez, non é o que vai vir, senón o que nós somos capaces de construír desde aquí, contra toda desesperanza, coa nosa lucidez, coa nosa entrega humana e a nosa propia forza. A cuestión non é a ver que vai facer Podemos, senón ver o que podemos facer nós, as galegas e os galegos,  por darlle un futuro de pan e de dignidade a Galiza, inmensa antiga herencia

Ningún comentario:

Publicar un comentario