Placas, bustos, medallas, discursos… toda esa liturxia das homenaxes convértese nunha enorme farsa cando a protagonizan autoridades e persoas que están nas antípodas do pensamento das figuras homenaxeadas. E como exemplo diso, as medallas Castelao, unha condecoración que inicialmente cumpría un requisito tan fundamental como o de ser outorgada a persoas que tiñan demostrado o seu compromiso coa Galiza de Castelao (Ricardo Carvalho Calero, Ramón Martínez López, Valentín Paz-Andrade, Antón Fraguas, Francisco Fernández del Riego, Ben-Cho-Shey, Manuel Beiras García…) e que logo, co paso dos anos, acabou sendo un trofeo máis, que o mesmo se lle deu ao Padre Seixas que a Amancio Ortega, a Xohana Torres que a Luís Moure Mariño, a Pilar Vázquez Cuesta que a Míchel Salgado. Nos últimos anos incluso houbo unha medalla Castelao para premiar o traballo político de Manuela López Besteiro e de Carmen Fraga. Vaia, como se esa medalla fose o Grelo de Ouro ou o premio Galego do Ano. Iso é o que representa hoxe a medalla Castelao.
Eu aínda agardo que algunha persoa que nesta lexislatura sexa condecorada con esa medalla asista á cerimonia de entrega e teña o valor de devolverlla con toda solemnidade e educación ao actual presidente da Xunta, xunto cun exemplar do Sempre en Galiza. Sería un xesto mínimo de desagravio a Castelao, non por ser entregada a medalla por un representante institucional que non exerce de presidente dunha nación, senón por ser concedida por un Goberno galego absolutamente belixerante con todo o que representa a figura de Castelao, con todo o que el soñou e defendeu. Ese xesto debería vir tamén dalgunha persoa que nestes últimos anos recibiu esa condecoración das mans de Feijóo. Este señor non pode seguir utilizando o nome de Castelao sen que ninguén lle diga, con palabras ou cun simple xesto, que non é digno de pronunciar ese nome, e menos aínda de utilizalo para darlle un verniz galeguista a unha acción de goberno que é a antítese do galeguismo, non digamos xa do pensamento nacionalista que profesou Castelao.
Afortunadamente Castelao non é unha medalla. Castelao non é unha insignia para meter nunha caixiña ou nunha vitrina. Castelao non é un obxecto de valor para levar colgado do pescozo. A Castelao hai que levalo no corazón e na cabeza. Como o levaba don Ramón Otero Pedrayo. Talvez os máis novos non saben que o señor de Trasalba, desde que morreu Castelao, non deixou de pronunciar o seu nome en cantas conferencias deu e cantos discursos fixo, nin unha soa vez. Era a súa homenaxe ao irmán Daniel, a súa maneira de reivindicalo publicamente durante toda a ditadura. E aínda catro anos antes de morrer Franco, moi perto do pazo onde o xeneral fascista pasaba o verán, nunha ateigada sala de exposicións do Museo Carlos Maside, don Ramón falou da súa amizade con Castelao, ofrecendo aos asistentes unha das súas maxistrais leccións de oratoria, de amor ao país e de lealdade ao amigo, recollida anos despois por Edicións do Castro nun pequeno libro. Parece ser que o Goberno Civil da Coruña denegou o permiso para aquela conferencia, como era de esperar, e que Otero dixo que a pronunciaría igual, e que se o querían deter, que o detivesen. Tiña daquela don Ramón 83 anos e a coraxe dun mozo da UPG. Non nos sorpende que Moncho Reboiras o fora visitar moitas veces á súa casa grande de Trasalba.
Ningún comentario:
Publicar un comentario