Desde as súas raíces, desde as súas orixes, o nacionalismo
galego é un proxecto político de país. A nación, Galiza, en toda a súa
dimensión, é a razón de ser do nacionalismo galego. De aí a importancia que
sempre lle deu o nacionalismo ao coñecemento do noso pasado histórico. A
preocupación pola investigación e a divulgación histórica non é unha obsesión das
mentes ilustradas do país ou unha teima daquelas persoas que temos unha certa
curiosidade intelectual polos temas históricos. É unha necesidade, algo do que
xa se decatan moi pronto Verea y Aguiar, Antolín Faraldo, Martínez Padín e
outras figuras da primeira xeración galeguista, e que posteriormente, tras o
fracaso do levantamento galego de 1846, outros como Benito Vicetto e Manuel
Murguía abrazan como a súa principal prioridade, porque saben da importancia
que ten para o futuro de Galiza a reconstrución da súa historia, porque son moi
conscientes de que se carecemos de memoria do que fomos e do que somos, se non
temos memoria de nación, dificilmente poderá enraizar na sociedade un proxecto
político que teña o noso país como principal preocupación.
É neste contexto no que temos que situar o Rexurdimento, un
movemento que nace precisamente para recuperar o río da nosa historia, restaurar
a nosa identidade como pobo, facer posíbel que o idioma galego siga paso
adiante, darlle continuidade á literatura galega e construír, en definitiva, os
alicerces daquela Galiza do futuro coa que soñan Manuel Murguía, Francisco
Aguirre ou Rosalía de Castro. A historia, a lingua e a literatura, a cultura,
como base dun proxecto político de país. Velaí unha constante inquedanza no
nacionalismo galego, xeración tras xeración. Ningunha alternativa política, de
dereitas ou de esquerdas, que contemple a Galiza simplemente como un apéndice
da historia de España necesita do coñecemento da nosa historia, da nosa lingua
ou da nosa literatura. Todo o contrario: o seu apoio social nútrese
precisamente do descoñecemento -cando non do desprezo- de Galiza como nación
cunha historia de seu e cunha cultura propia.
Desde a
Historia de Galicia de Verea y
Aguiar, publicada en 1838, até a Historia
de Galicia de Anselmo López Carreira, editada en 2013, a historiografía
galega non deixou de medrar e medrar. Só desde 1979, desde a Historia de Galicia que promoveu a
Fronte Cultural da AN-PG, que certamente marcou un antes e un despois na
investigación da nosa historia, son numerosos os libros e os traballos que
viron a luz. Hai que recordar que o manual de historia de Galiza anterior ao
manual que editou a AN-PG foi o que elaborou Vicente Risco en castelán e
publicou Galaxia en 1952. É inmenso, pois, o traballo que ducias e ducias de
historiadores levaron a cabo nos últimos 35 anos. Hoxe, afortunadamente para o
país, contamos cunha amplísima bibliografía para coñecermos con rigor e
profundidade o noso pasado histórico. Pensemos, por exemplo, en todos os libros
que baixo a dirección de Francisco Carballo editou A Nosa Terra. Ou pensemos na
colección de investigación, biografía e memoria histórica que impulsou Isaac Díaz
Pardo en Edicións do Castro, onde apareceron tamén obras moi interesantes. E,
por suposto, hai outras moitas publicacións que axudaron a reconstruír a nosa
historia, cunha metodoloxía actual e sobre os máis diversos aspectos da nosa
realidade.
Se hoxe
descoñecemos a nosa historia non é, desde logo, por falta de textos, senón pola
escasa ou insuficiente divulgación que eses traballos teñen no conxunto da
sociedade. Aí é onde aínda está case todo por facer. Socializar en amplos
sectores da poboación galega todo o que agora sabemos da historia de Galiza
segue a ser unha tarefa pendente, necesaria, imprescindíbel. É imperdoábel que
non se utilice a televisión pública galega para este fin, como si se fixo hai
uns anos, durante o bipartito, cando se emitiu con grande éxito a serie
documental Historias de Galicia,
dirixida a todos os públicos e que na súa segunda tempada mesmo foi seguida por
máis de 200.000 espectadores. Ese era o camiño a seguir. Hai que recoñecer, por
outra parte, que na sociedade actual tampouco hai aquela curiosidade que había
noutros momentos da nosa recente historia por descubrir e coñecer o noso
pasado, que levaba a centos de persoas a asistir aquí e acolá a un curso de
historia durante semanas ou a encher calquera auditorio para escoitar unha
conferencia sobre a historia de Galiza. Isto hoxe non o vemos.
Contra
o que algunhas persoas pensan, o coñecemento da nosa historia non só é
fundamental para reafirmarmos a nosa conciencia nacionalista, senón tamén para
lograrmos que un bo número de galegas e galegos, non nacionalistas, descubran o
seu verdadeiro país e comecen a ver a Galiza como unha nación con historia
propia e con dereito a outro futuro. Todos os esforzos que se fagan por
divulgar a historia de Galiza serán sempre pasos adiante moi firmes na creación
dun amplo corpo social arredor do ideario nacionalista ou cando menos dunha
idea moi clara de país. O tempo que todos e todas nós dediquemos a coñecer o
noso pasado histórico non só nos permitirá ser intelectualmente máis galegos e
máis galegas, senón tamén persoas máis preocupadas pola sorte histórica de
Galiza, máis comprometidas co noso futuro colectivo.
Mentres
escribía este artigo non puiden deixar de pensar na inmensa figura de Francisco
Carballo, unha das máis admirábeis da intelectualidade galega contemporánea, e
de lembrar aos tamén historiadores Luís Obelleiro e Marcos Valcárcel, dous
homes comprometidos desde moi mozos co país e coa reconstrución da historia da
nosa nación, lúcidos, brillantes e infatigábeis no seu traballo, cunha ampla
obra de grande valor científico o un e o outro e que só unha morte tan
prematura, tan inxusta, impediu que non fose aínda máis monumental e máis útil
a Galiza. Eu, que gocei da fortuna de ter a Marcos e a Luís como amigos, en
épocas diferentes, primeiro a Marcos Valcárcel e anos despois a Luís Obelleiro,
tereime que poñer un día a escribir esas dúas semblanzas que inexplicabelmente
aínda non fixen. É unha débeda que teño con eles e comigo mesmo. Será
seguramente un exercicio doloroso, radicalmente emocional. Talvez por iso segue
pendente de facer.
Ningún comentario:
Publicar un comentario