Asumamos a realidade como punto de partida: o BNG nunca terá
unha Sexta para transmitir a súa mensaxe. O nacionalismo galego endexamais terá
ao seu servizo os platós dunha televisión para dar a coñecer as súas ideas, o
seu traballo e os rostros das persoas que o representan. Nada diso está ao noso
alcalce. O único que está nas nosas mans é o que podemos facer nós mesmos, nós
mesmas, todas e todos nós, coa nosa propia capacidade intelectual, co noso esforzo
humano, coa nosa ilusión, cos nosos sentimentos, coas escasas ferramentas que
temos ao noso dispor. E, de verdade, a nosa forza sería outra se cultivásemos
máis todo iso: a mente, e emoción, o entusiasmo e o empeño.
O principal motor do noso ideario político é a vontade, vontade de existirmos como pobo, vontade de
expresarnos como galegas e galegos, vontade de organizarnos como unha sociedade
propia dunha nación que sabe que ten dereito a ser libre, vontade de construírmos
unha Galiza diferente, na que se poida vivir e traballar; vontade de loitarmos por
outro futuro para a nosa lingua, para a literatura galega, para a cultura do
país, para a agricultura, para a xente do mar, para a industria, para o pequeno
empresariado galego…; vontade, en definitiva, de sermos un pobo en pé, unha
nación en marcha, un país que confía nas súas propias forzas e nas súas
potencialidades e que ten a coraxe necesaria para loitar polo seu porvir. Ese é
o verdadeiro motor dunha forza política nacionalista. Non o busquemos fóra do
país. Busquémolo na vontade do propio pobo. ¿Desde cando na historia da
humanidade un pobo oprimido conquistou a súa liberdade a través dunha forza
política da metrópole, por moi “progresista” que esta fora? É máis, se a
sociedade galega non é capaz de construír unha expresión política de seu
certamente potente, quen desde Madrid ou desde Europa nos vai recoñecer como
unha nación? A mellor maneira de desaparecermos como nación é renunciarmos nós
mesmos a articularnos politicamente como unha nación. Termos clareza total nestas
ideas básicas é a nosa principal defensa fronte a calquera furacán.
Mais a vontade dun pobo hai que nutrila e hai que traballala
constantemente. E aquí xoga un papel moi importante a memoria histórica, a
conciencia de país que poidamos ter ou a constatación empírica de que os
principais problemas da sociedade galega teñen a súa raíz na dependencia
política, no papel que historicamente xogou Galiza no Estado. Ese é un labor
que nunca debemos descoidar. O nacionalismo galego, talvez desde a Fundación
Galiza Sempre, debería impulsar unha
especie de universidade popular permanente, poñéndoa ao servizo de todo o territorio e contando
para ese traballo coas mentes máis brillantes que desexen colaborar nesta
empresa intelectual, abríndonos, ademais, a todas aquelas persoas que sen ter
militancia no nacionalismo teñen preocupación pola sorte histórica de Galiza. Temos
que promover a curiosidade intelectual polo noso país desde todos os ángulos do
coñecemento, como fixo no seu tempo o Seminario de Estudos Galegos, onde
traballaron arreo as cabezas máis lúcidas da Galiza daquel momento. Para
cambiarmos o país temos necesariamente que ter o país na mente. E estamos moi
lonxe diso. O habitual entre nós é desprezar o noso e admirar o alleo, tamén no
plano da política. Todo o que vén de Madrid move aquí multitudes. Mesmo as
galegas e os galegos que ocupan un lugar destacado nos partidos españois son
ollados sempre con máis entusiasmo e admiración que os que nunca renunciaron a
loitar por Galiza desde as forzas políticas xenuinamente galegas. Por iso hai
que facer un enorme esforzo por poñer en valor o noso, todo o que creamos no
noso país, todo o que a nosa sociedade foi capaz de construír coa súa
intelixencia e as súas propias capacidades.
O nacionalismo galego conta hoxe con corpus teórico dabondo
para explicarmos socialmente o noso
proxecto de país. Hai literatura política para cargar un camión. E hai ducias e
ducias de persoas de todas as xeracións,
organizadas e non organizadas, que poden axudar a socializar unha visión de
país, desde o campo da economía, desde a historia, desde a lingua, desde a
literatura, desde o patrimonio natural, o musical ou o histórico-artístico. O
que temos é que contar con toda esa xente e esforzarnos en comunicar non só coñecementos,
ideas e ideoloxía, senón tamén en transmitir humanismo, emoción, sentimentos de
irmandade e respecto polos demais, unha cultura na que o factor humano ten un
inmenso valor. E, naturalmente, a vontade de construírmos o futuro tamén
depende da nosa capacidade de ilusionar. Se somos capaces de ilusionar e de
soñarmos a Galiza que queremos, teremos o ánimo necesario para loitar por unha
Galiza diferente en calquera contexto adverso.
E unha última cuestión: a pedagoxía. Precisamos elaborar
urxentemente unha pedagoxía para o discurso nacionalista nunha sociedade
concreta: a sociedade galega actual. Xusto cando estou a escribir estas
derradeiras liñas do artigo descubro en terraetempo.com un documento histórico
que revela moi ben a vontade pedagóxica que tiñan os nacionalistas galegos nos
anos trinta do pasado século: Ideas que
defende e fins que propón o Partido Galeguista. Algo semellante,
contextualizado na Galiza de hoxe e nos problemas do século XXI, cunha linguaxe
propia dos nosos días, é o que precisamos neste momento. O futuro será noso se
sabemos convencer. Non lle temamos aos vendavais que veñen da meseta. Podemos pasará e
Galiza continuará aí, protagonizando a súa propia historia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario