
Olga Novo leva toda unha aldea dentro de si. Pode imaxinala e andala palmo a palmo cos ollos pechados, casa a casa polo seu nome, leira a leira polo seu nome, a Cortiña, Su a Horta, Su a Eirexa…, ver as súas cores, percibir os seus olores, escoitar as voces familiares das súas xentes, distinguir os sons e as palabras, a linguaxe dos animais e dos ventos, sentir no seu corpo a primeira xeada de novembro ou a floración das cerdeiras. Vilarmao é un canto incesante no seu corpus poético. Collamos, por exemplo, Cráter, onde Vilarmao ocupa practicamente todo o libro. Poema a poema, desde o seu nacemento nun Sinca 1200 enriba dunha toalla pobre e desde a memoria emocionada de súa bisavoa descalza, Olga Novo vainos conducindo pola súa propia vida e a da súa xente, ao tempo que nos expresa o seu clamor por un rural que agoniza e morre. E en contraposición a ese mundo en extinción, a voz dunha deusa campesiña, vitalista e libertaria, amorosa e visionaria, a voz da poeta, da estirpe das guímaras, que ergue o seu berro contra o aniquilamento dese seu universo.
Desde a fiestra do seu cuarto, cos ollos postos na serra do Courel, unha nena de dez ou once anos le, con auténtica fascinación, os versos de Uxío Novoneyra. Tempo despois, aquela nena, Olga Novo, con libros como Nós nus, Cráter ou Feliz Idade eleva Vilarmao á altura do Pía Paxaro. Para que siga a lingua. Para que non feneza a memoria. Para tirar polo futuro como quen tira polas patas dun becerro ao nacer.
Cráter
Olga Novo
Toxosoutos / 2011 / 196 páxinas
Ningún comentario:
Publicar un comentario