![]() |
Xaime Bello e Delia Vázquez diante do cadro de Castelao, Compostela, xaneiro de 2019 |
Recentemente soubemos polos medios de comunicación que a Deputación de Pontevedra estáa xestionar co Centro Galicia de Buenos Aires a cesión do cadro de Castelao A derradeira lección do mestre, para que poida ser exposto e visitado por todas as persoas que o desexen durante tres meses o próximo ano no Museo de Pontevedra, á carón do resto da obra plástica que alí se conserva do grande artista, escritor e político que morreu no exilio bonaerense hai 75 anos.
FILGUEIRA VALVERDE E CASTELAO
Tamén nos últimos días de novembro o noso grande mestre e amigo Felipe Senén abordaba nun seu artigo con esa descomunal cultura e sensibilidade que el posúe a obra artística de Castelao e o que o país lle debe a Xosé Filgueira Valverde e ao Museo de Pontevedra na difícil tarefa de salvación, recuperación e conservación do legado artístico de Castelao durante o franquismo e aínda nos anos posteriores. A Filgueira Valverde haberá moita xente que non lle perdoe o seu compromiso coa ditadura, pero é de xustiza recoñecer que fixo todo o posíbel desde o seu cargo de alcalde franquista de Pontevedra por salvar o casco histórico da cidade, o museo que tamén axudara a crear Castelao e, por suposto, todo canto ía aparecendo aquí e acolá do que Castelao fixo ao longo da súa vida. Como di Felipe Senén nun xesto de recoñecemento que o honra e cunha valentía ética que o engrandece como persoa, “Filgueira Valverde fixo o indicible por completar a inmensa obra de Castelao para o museo, estudala e espallala”. Só hai que ler o capítulo 12 do Cuarto Adral para comprender do que estamos a falar. Miguel Anxo Seixas, que o sabe todo de Castelao, segue hoxe en día á procura dos tesouros ocultos do irmán Daniel, consciente de que aínda non o descubrimos na súa totalidade.
A DERRADEIRA LECCIÓN DO MESTRE
Recollendo unha idea de Felipe Senén naquel mesmo artigo, queremos reivindicar aquí que a cesión temporal do cadro A derradeira cesión do mestre que agora se anuncia teña a súa continuidade na cesión sen límite de tempo ao Parlamento galego para que poida ser exposto nun lugar destacado da Cámara galega, pois non se nos ocorre un lugar máis idóneo e máis digno que aquel no que reside a máxima representación do pobo galego para darlle un espazo definitivo a esa pintura que tanto precisamos contemplar para termos sempre presente a memoria do país, de onde vimos e grazas a que persoas Galiza tivo a posibilidade de ter institucións propias hai agora case cen anos e puido entrar logo na Transición como unha nacionalidade histórica, co mesmo status que Euskadi e Cataluña.
Non se trata de negarlle á Galiza da emigración o seu lexítimo dereito a ter en Buenos Aires ese extraordinario cadro de Castelao. Como moi ben recolleu o xornalista Arturo Lezcano no seu libro O país invisible, a nosa xente, a nosa lingua e a nosa cultura tamén están nas terras de América e cada un e cada unha de nós tivo aló alguén da súa familia nalgún momento desde o século XIX. Pero se pensamos que Castelao e Alexandre Bóveda non puideron liderar o país nos anos trinta como consecuencia do levantamento militar contra o réxime democrático da II República, hoxe o Parlamento galego debe facer todo o posíbel por convencer aos depositarios do coñecido cadro de Castelao de que nada honraría máis a quen mellor simboliza a loita polo autogoberno do país que ese fermoso xesto de ceder á propia Cámara galega a obra máis representativa daquela barbarie, a pintura que uniu nun mesmo lenzo a Castelao e a Bóveda e a todas as vítimas do terror do 36. Temos tamén a certeza de que os directivos do Centro Galicia de Buenos Aires saberán comprender que onde se sufriu a crueldade fascista que tan maxistralmente reflicte o óleo foi precisamente aquí, nas cunetas das estradas e fronte ás tapias dos nosos cemiterios. Aló sufriron o exilio, aquí a violencia máis extrema, máis bestial.
BEN DE INTERESE CULTURAL
María Pilar García Negro, xa nos seus anos de deputada no Parlamento galego, logrou o acordo unánime para unha proposición non de lei que reclamaba a declaración de Ben de Interese Cultural para o conxunto da obra de Castelao e para que puidese ser contemplada e divulgada na súa integridade. Moitos anos despois, en setembro de 2015, esta vez como portavoz da Comisión Promotora da Proposición de Lei, por Iniciativa Lexislativa Popular, sobre o dereito ao coñecemento e á contemplación de Castelao polo pobo galego, volveu defender coa mesma brillantez, e infelizmente con escasa fortuna, un firme compromiso do executivo galego na socialización do coñecemento do legado do autor do Sempre en Galiza. Na súa intervención, a profesora García Negro lembrou de novo que Castelao fora aquel galego que representou a Galiza nas Cortes da II República e no Goberno de Giral, que procurou sen acougo resgatar o Estatuto galego plebiscitado para que tomase estado parlamentar nas Cortes de Montserrat en febreiro de 1938 e que grazas á súa teima existía neste momento un Parlamento galego e unha Xunta de Galiza cunha epopea no seu pasado histórico.
UNHA LECCIÓN MAXISTRAL PARA AS SEÑORÍAS
Ninguén debería tomar posesión do seu escano no Pazo do Hórreo sen saber primeiro a quen lle debemos a creación do sistema político galego. E talvez non estaría de máis que algunha autoridade na figura de Castelao impartise unha lección maxistral diante d´A derradeira lección do mestre no inicio de cada lexislatura para os deputados e as deputadas que van tomar posesión. Talvez así moitos e moitas poderían ter máis idea dos ideais que defendían Castelao e Bóveda e terían tamén algo máis claro ao servizo de que país teñen que exercer o seu cargo se de verdade queren ser dignos de pronunciar o nome de Castelao.

Ningún comentario:
Publicar un comentario