22/06/10

Felipe Senén, aí desde sempre

Non podo precisar a data na que coñecín persoalmente a Felipe Senén. Si sei que o descubrín aló polo setenta e sete a través dos seus artigos na sección que el tiña no semanario A Nosa Terra. Os traballos de Manuel Hortas Vilanova (Manuel María), Felipe Senén ou Mª Pilar García Negro eran a cátedra na que nos fomos formando semana tras semana  naqueles anos nos que tiñamos todo por descubrir e
un pozo sen fondo de curiosidade.

Viñeron despois as súas conferencias e a Historia de Galicia que impulsara a Frente Cultural da AN-PG, a súa presenza en Ortigueira para inaugurar unhas Xornadas da Cultura Popular ou simplemente para ver as antigüidades coas que se ía facendo polas aldeas o Che Carlos. E desde ese tempo, aí estamos os dous cultivando a nosa amizade, que é o único que nos queda dos naufraxios da vida, porque aquela mocidade e moitos dos soños que tiñamos xa quedaron polo camiño. E sempre, sempre polo medio, Manuel María e a nosa devoción compartida por don Ramón Otero Pedrayo.

Desde o Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón, Felipe Senén enviábanos cartas ou tarxetas nas que nos agradecía as publicacións que ían saíndo da Imprenta de don David, como o estudo de Ánxel Rosende sobre o cura-reloxeiro de Ladrido, ou as reedicións que fixemos en Ortigueira da obra de Federico Maciñeira ou Armada Teixeiro. E cada Día da Patria, alí nos atopábamos. Mais en certo momento das nosas vidas acabamos coincidindo na Coruña. Foi cando el deixa o Museo Arqueolóxico e entra como técnico de xestión cultural na Deputación da Coruña. Viña con mil proxectos na cabeza e cónstame que neses anos o día non tiña horas para el: puxo en marcha un Plan de arquitectura popular que foi pioneiro en todo o país e que permitiu que non se perdera para sempre moito do noso patrimonio, convenceu a Lendoiro para que mercara o Teatro Colón e promoveu actos culturais de gran relevancia, como foi o recital de Ernesto Cardenal nun abarrotado Colón. Tamén se debe a Senén que nesa etapa saíra do prelo da Deputación unha das mellores publicacións que leva o selo desta institución: a tese de doutoramento de Elisardo López Varela sobre A poesía galega de Manuel Curros Enríquez.

Pode que Felipe Senén viva hoxe na sombra. A súa obra como arqueólogo, como investigador, como pintor e ilustrador, como dinamizador cultural, como ensaísta e articulista e mesmo como poeta non foi aínda recoñecida como corresponde facer diante dunha entrega tan fecunda e xenerosa. Galiza non sería hoxe tan Galiza sen o traballo de tantos e tantos anos de Senén polas cidades e as vilas todas do noso país impartindo aquí e acolá leccións sobre o noso pasado e a nosa propia cultura e sempre poñendo cátedra de amor á Terra co seu verbo torrencial e luminoso.

Talvez unha das razóns polas que a súa obra non foi aínda valorada é porque Felipe Senén é un home entregado aos demais, sen preocupación ningunha polo seu currículum, e a iso contribúe incluso que os seus libros vexan a luz en edicións que se moven no círculo dos amigos. Sucedeu hai uns anos cun magnífico libro de Prehistoria e Arqueoloxía que saíu en Edicións Lea co título Os Primeiros Galegos e volve suceder agora cun delicioso traballo sobre A Auga e as Fontes de Galiza, publicado recentemente pola Deputación de Ourense, no que se recolle o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega de Belas Artes no xa lonxano 1987.

Na sombra, pero aí está Felipe Senén, escribindo, pintando, programando viaxes por Galiza e polo mundo, facendo país, abríndonos á historia, á arte, á poesía e ao humanismo. Algún día, por xustiza, haberá que recoñecerlle o seu labor a este discípulo de Chamoso Lamas que bebeu tamén das fontes de Filgueira Valverde e Luís Seoane, de Otero Pedrayo e Manuel María, de Castelao e Francisco Asorey. Felipe Senén, co corazón aberto a Galiza e aos amigos, sempre, desde sempre.





Outros artigos sobre o autor

Ningún comentario:

Publicar un comentario