Excelentísimo señor presidente,
señoras e señores académicos,
amigas e amigos:
Non
serei eu o que lle negue ao poeta Lois Pereiro merecemento suficiente
para ser a figura do Día das Letras Galegas, nin tampouco lle negaría
nunca ese recoñecemento a Uxío Novoneyra, Ramón Piñeiro ou María Mariño.
Mais que ano tras ano a Real Academia Galega ignore a figura e a obra
de don Ricardo Carvalho Calero pon de manifesto que o sectarismo segue
aínda vivo na institución da rúa Tabernas. Non ten outro nome:
sectarismo.
Alguén imaxina que nun tempo futuro a Real Academia
Galega, gobernada por académicos de perfil ben diferente aos de hoxe,
lle negue o Día das Letras Galegas a Xosé Luís Méndez Ferrín por ter
participado na fundación da UPG e militado case toda a súa vida no
independentismo galego? Alguén consideraría xusto que nese tempo futuro a
RAG non recoñeza a obra de Manuel Rivas por ter sido un escritor
comprometido no seu día con Nunca Máis ou con Queremos Galego?
Nin sequera se nos pasa pola cabeza que ese feito se poida producir.
Mais iso é o que está a acontecer desde hai dez anos coa figura de
Carvalho Calero. A posición do ilustre profesor verbo da norma
ortográfica para a lingua galega, desde a defensa do reintegracionismo,
supúxolle a marxinación nos últimos anos da súa vida nos medios
culturais e académicos do país e está tamén na raíz do silenciamento que
existe sobre a súa personalidade na Galiza actual, do que é unha mostra
clara a decisión da Real Academia Galega ano tras ano. Non sei cal foi a
posición de cada quen durante os últimos dez anos cada vez que houbo
que escoller un escritor ou unha escritora para o Día das Letras
Galegas. Nin me importa. O que si sei é que hai unha vontade manifesta,
reiterada e firme da institución académica de non dedicarlle o 17 de
maio a don Ricardo Carvalho Calero. E iso é unha inxustiza con
maiúsculas e tamén unha inmensa sombra na historia da Real Academia
Galega, que nos lembra tempos pretéritos que considerábamos xa
definitivamente superados. Non, meu admirado Xosé Luís, non se acabou o
sectarismo na Real Academia. Segue aí, expresándose ano tras ano en
forma de agravio a quen foi unha das personalidades máis importantes da
cultura galega e da historia de Galiza do século XX.
Ningún dato biográfico, ningún comportamento humano, ningunha posición
política ou ideolóxica, e menos aínda ningunha posición sobre a
normativa do galego desde unha defensa radical do noso idioma e do noso
país, pode eclipsar a obra dun escritor, porque a obra ten que estar
situada sempre por riba de calquera outra análise que fagamos relativa á
personalidade do autor. Por iso podemos admirar a Otero Pedrayo e a
Blanco Amor, a Álvaro Cunqueiro e a Méndez Ferrín, a Carvalho Calero e a
Filgueira Valverde. E pouco importa que un fora home de pensamento
católico e conservador, que outro fora transgresor, que outro máis fora
falanxista nun momento da súa vida ou que incluso un deles exercera de
alcalde do franquismo.
Señoras e señores académicos: por un acto
de elemental xustiza, de rigor intelectual e académico, a obra de
creación literaria e de investigación de Carvalho Calero e a súa entrega
ao noso país desde os tempos do Seminario de Estudos Galegos e do
Partido Galeguista até a súa morte en 1990 non pode seguir a ser obxecto
de ocultamento, porque nese silencio institucional, nese desprezo, vai
tamén un dos maiores agravios que se teñen feito á nosa lingua, á nosa
literatura e á nación galega que todos nós levamos no corazón e pola que
don Ricardo traballou de xeito infatigábel toda a súa vida, en
circunstancias persoais e históricas que mesmo fan admirábel o seu
compromiso inquebrantábel co idioma, coas letras de nós e co país. El
estivo á altura do que Galiza esixía dun intelectual galego. Agardo,
agardamos moitos e moitas, que os membros da Real Academia Galega estean
o próximo ano á altura intelectual e ética de don Ricardo Carvalho
Calero. Dificilmente poderán os académicos actuais restaurar de forma
plena o prestixio desta institución se a RAG continúa ignorando a quen
foi un dos homes máis ilustres da intelectualidade galega. Son o
primeiro en celebrar os moitos cambios que houbo nos últimos tempos na
rúa Tabernas, mais no tocante ao sectarismo non sei cal é a diferenza
entre unha Real Academia Galega que no seu día lle pechou as portas ao
ingreso formal de Xosé Manuel Beiras nesa Corporación e unha RAG que
hoxe se nega a recoñecer publicamente a obra monumental e o compromiso
patriótico de Carvalho Calero. De nada serviu que cambiara xa tres veces
o nome do presidente e que entraran novas xeracións na Academia.
Carvalho Calero sufriu o enterro en vida e segue no exilio interior
vinte anos despois da súa morte.
Ningún comentario:
Publicar un comentario