Non podo precisar a data na que coñecín persoalmente a Felipe Senén. Si
sei que o descubrín aló polo setenta e sete a través dos seus artigos na
sección que el tiña no semanario A Nosa Terra. Os traballos de
Manuel Hortas Vilanova (Manuel María), Felipe Senén ou Mª Pilar García
Negro eran a cátedra na que nos fomos formando semana tras semana
naqueles anos nos que tiñamos todo por descubrir e
un pozo sen fondo de
curiosidade.
Viñeron despois as súas conferencias e a Historia de Galicia
que impulsara a Frente Cultural da AN-PG, a súa presenza en Ortigueira
para inaugurar unhas Xornadas da Cultura Popular ou simplemente para ver
as antigüidades coas que se ía facendo polas aldeas o Che Carlos.
E desde ese tempo, aí estamos os dous cultivando a nosa amizade, que é o
único que nos queda dos naufraxios da vida, porque aquela mocidade e
moitos dos soños que tiñamos xa quedaron polo camiño. E sempre, sempre
polo medio, Manuel María e a nosa devoción compartida por don Ramón
Otero Pedrayo.
Desde o Museo Arqueolóxico do Castelo de San
Antón, Felipe Senén enviábanos cartas ou tarxetas nas que nos agradecía
as publicacións que ían saíndo da Imprenta de don David, como o estudo
de Ánxel Rosende sobre o cura-reloxeiro de Ladrido, ou as reedicións que
fixemos en Ortigueira da obra de Federico Maciñeira ou Armada Teixeiro.
E cada Día da Patria, alí nos atopábamos. Mais en certo momento das
nosas vidas acabamos coincidindo na Coruña. Foi cando el deixa o Museo
Arqueolóxico e entra como técnico de xestión cultural na Deputación da
Coruña. Viña con mil proxectos na cabeza e cónstame que neses anos o día
non tiña horas para el: puxo en marcha un Plan de arquitectura popular
que foi pioneiro en todo o país e que permitiu que non se perdera para
sempre moito do noso patrimonio, convenceu a Lendoiro para que mercara o
Teatro Colón e promoveu actos culturais de gran relevancia, como foi o
recital de Ernesto Cardenal nun abarrotado Colón. Tamén se debe a Senén
que nesa etapa saíra do prelo da Deputación unha das mellores
publicacións que leva o selo desta institución: a tese de doutoramento
de Elisardo López Varela sobre A poesía galega de Manuel Curros Enríquez.
Pode
que Felipe Senén viva hoxe na sombra. A súa obra como arqueólogo, como
investigador, como pintor e ilustrador, como dinamizador cultural, como
ensaísta e articulista e mesmo como poeta non foi aínda recoñecida como
corresponde facer diante dunha entrega tan fecunda e xenerosa. Galiza
non sería hoxe tan Galiza sen o traballo de tantos e tantos anos de
Senén polas cidades e as vilas todas do noso país impartindo aquí e
acolá leccións sobre o noso pasado e a nosa propia cultura e sempre
poñendo cátedra de amor á Terra co seu verbo torrencial e luminoso.
Talvez
unha das razóns polas que a súa obra non foi aínda valorada é porque
Felipe Senén é un home entregado aos demais, sen preocupación ningunha
polo seu currículum, e a iso contribúe incluso que os seus libros vexan a
luz en edicións que se moven no círculo dos amigos. Sucedeu hai uns
anos cun magnífico libro de Prehistoria e Arqueoloxía que saíu en
Edicións Lea co título Os Primeiros Galegos e volve suceder agora cun delicioso traballo sobre A Auga e as Fontes de Galiza,
publicado recentemente pola Deputación de Ourense, no que se recolle o
seu discurso de ingreso na Real Academia Galega de Belas Artes no xa
lonxano 1987.
Na sombra, pero aí está Felipe Senén, escribindo,
pintando, programando viaxes por Galiza e polo mundo, facendo país,
abríndonos á historia, á arte, á poesía e ao humanismo. Algún día, por
xustiza, haberá que recoñecerlle o seu labor a este discípulo de Chamoso
Lamas que bebeu tamén das fontes de Filgueira Valverde e Luís Seoane,
de Otero Pedrayo e Manuel María, de Castelao e Francisco Asorey. Felipe
Senén, co corazón aberto a Galiza e aos amigos, sempre, desde sempre.
Outros artigos sobre o autor
Ningún comentario:
Publicar un comentario