O pasado 14 de marzo abrín os xornais e atopeime coa vosa foto presentando a filosofía do novo decreto contra a normalización da lingua galega no ensino. Abraiante! Autoridades da Xunta de Galiza, do Goberno do país, defendendo un texto legal para que o galego non se sitúe no lugar que lle corresponde como idioma propio da nosa nación.
Uxío Novoneyra, a súa obra, o seu verbo, o seu compromiso inquebrantábel co país, é unha lección para sempre, para todas as xeracións vindeiras, de amor inmenso ao noso idioma, de fidelidade á patria. A lingua como raíz de nós mesmos, como herdo do pobo, como expresión do que somos.
Nada disto sabedes vós, porque vós non vivides a existencia da nosa lingua dunha maneira firme, rotunda, porque non vos recoñecedes na súa dor ferida, na súa aldraxe, na beleza de cada palabra, na riqueza coa que nomeamos as cousas de nós, as primeiras, as principais e verdadeiras, aquelas que prolongan o dicir ao territorio íntimo da emoción máis viva. Aínda hoxe non descobristes que o noso idioma é a voz propia deste pobo, propia e plena, diferente, a que nos abre ao mundo e nos permite expresar o que sentimos dun xeito natural e con entrega. Esas palabras que a nós nos emocionan, se as utilizamos noutro idioma, resúltannos totalmente alleas, porque non vai implícita nelas a entrega emocional, a vivencia, o sufrimento ou o gozo que nos estremece. E o verso de Novoneyra é a expresión da palabra construída ou dita desde a vivencia, a expresión da palabra que nace de nós e que vén do corazón do pobo, do máis fondo do tempo. De aquí nace o amor inmenso á lingua, a fidelidade ao idioma, a defensa radical do galego. De aquí xurde unha voz firme e poderosa como a de Novoneyra, o altísimo poeta que recolleu a lingua do Courel para restaurar e enriquecer a literatura galega e para fortalecer a nosa dignidade colectiva. E de Novoneyra deberiades ter aprendido dunha vez e para sempre que a lingua galega é a nosa, a que está en nós desde que Galiza é Galiza.
Non, non son dignos os vosos labios de pronunciar o nome de Novoneyra. Para vós e para outros que houbo e que haberá coma vós, escribiu Alfonso Pexegueiro aqueles versos que agora, cheo de carraxe, cito de memoria: "Para que queredes un poeta vivo? Matádeo e celebraille as pompas!"
Ningún comentario:
Publicar un comentario