11/07/24

A Universidade Popular de Ortigueira

José Luís Sampedro foi un dos intelectuais que participou naquela escola de verán que houbo en Ortigueira entre 1989 e 1991.

  José Luís Sampedro, co autor deste artigo e outros amigos en Torre de Lama, nas Ribeiras do Sor / Aurichu Pereira

En 1978 nace o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, da man de Xabier Garrote e da Escola de Gaitas de Ortigueira. O éxito de asistencia é rotundo: milleiros de persoas achéganse á vila de santa Marta de Ortigueira procedentes de todos os puntos da xeografía galega e de fóra. Na segunda edición asistimos ao nacemento de Milladoiro, que realiza aí a súa primeira actuación. Cada ano o cartel é mellor que o anterior e a asistencia desborda todas as previsións. Mais hai un momento en que circunstancias alleas aos organizadores fan que o Festival entre en crise. En 1987 celébrase a última edición desta primeira etapa.

Ese mesmo ano coincide coas eleccións municipais e, tras a renovación da Corporación, desde a oposición, defendemos que o concello se faga cargo da organización do Festival. A iniciativa non prospera, porque o grupo de goberno, do Partido Popular, non aposta pola continuidade do evento. E é nese contexto de absoluto baleiro cultural no que en 1989, a partir dunha moción do BNG, nace a Universidade Popular de Ortigueira, non para substituír ao Festival do Mundo Celta, senón como unha iniciativa diferente e novidosa, como un espazo para o coñecemento e o debate, no que puidesen participar todas as grandes personalidades da cultura galega e todas as persoas que o desexasen, sen matrícula previa, e no que non van faltar, iso sí, actuacións musicais, teatro, audiovisuais, cursos de artes plásticas, rutas polo territorio e actividades deportivas. De feito o primeiro ano contamos coa actuación de Milladoiro, que regresa a Ortigueira, esa vez dentro da programación da Universidade Popular.

UN FORO ABERTO, PLURAL E PARTICIPATIVO

Aínda que organizada desde o concello, procurouse un Comité Organizador no que estivese representada a pluralidade da Corporación e incluso varias persoas alleas á institución municipal, como era o caso de Xoán Xosé Fernández Abella, Obdulia Dopico, Mercedes Vierna ou Mari Cruz Sabio. Naquel Comité Organizador non podo esquecer aquí que unha das persoas máis entusiastas foi a amiga Charo Suárez, que tan agradábel nos fixo sempre o traballo. A mesma diversidade política que había na organización procurouse no programa. Talvez non houbera nunca na Galiza do posfranquismo un evento cultural tan diverso e tan representativo de todas as tendencias políticas e ideolóxicas que había nese momento no mundo intelectual galego e na propia sociedade. Non esquecerei que cando fomos solicitarlle a colaboración da Deputación da Coruña a José Manuel Romay Beccaría, que daquela era o Presidente da institución provincial, ao ver o programa, exclamou: “Pero isto que é, un popurrí?”. O mesmísimo Manuel Fraga, entón Presidente da Xunta, tamén fora convidado a pronunciar unha conferencia sobre a figura de Alfredo Brañas, que finalmente substituíu por unha intervención no acto de clausura. Pero alí estivo. Igual que estiveron Salvador Fernández Moreda, Bonifacio Borreiros e Romay Beccaría, este último para dar unha conferencia.

TODA A INTELECTUALIDADE GALEGA

Pola Universidade Popular de Ortigueira pasaron para pronunciar a lección inaugural tres personalidades de grande relevancia: Xosé Ramón Barreiro Fernández, José Luís Sampedro e Manuel Sánchez Salorio. A lista de conferenciantes convidados foi tamén de luxo: figuras históricas do galeguismo como Xosé Filgueira Valverde, Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego, Isaac Díaz Pardo, Manuel Beiras García ou Emilio González López; economistas como Xosé Manuel Beiras, Camilo Nogueira, Ramón López-Suevos, Claudio López Garrido, María do Carme García Negro, Ceferino Díaz, Albino Prada, José María Rioboo ou Xulio Pardellas; historiadores, ademais de Xosé Ramón Barreiro, como Xusto Beramendi, Francisco Carballo, Ramón Villares, Felipe Senén, Carlos Sixirei, Encarna Otero ou Anselmo López Carreira; figuras destacadas do estudo da literatura como Pilar Vázquez Cuesta, Francisco Rodríguez, Xesús Alonso Montero, María Xosé Queizán, Pilar García Negro, Xosé Ramón Pena, Benito Varela Jácome, Carlos Baliñas, Xosé María Dobarro, Roberto Salgueiro ou Enrique Pajón Mecloy; especialistas en temas do mar e do campo como Ricardo Pérez Queiruga, Eloi Villada Legaspi, Hixinio Mougán, Manuel Vierna, Carlos del Álamo ou os conselleiros do Goberno bipartito Xosé Henrique Rodríguez Peña e Francisco Sineiro; os biólogos Carlos Vales, Xoán Rodríguez Silvar e Fernando Nieto, o arquitecto César Portela, o pintor Alberto Carpo, xornalistas ou profesores de xornalismo como Gustavo Luca de Tena, Margarita Ledo Andión, Rosa Cal, Gabriela Obregon, Luís Celeiro, Javier Casqueiro ou Ana Liste, algunhas destas persoas profesores e profesoras das universidades de Santiago, da Coruña, da Complutense, de Barcelona, de Nova York ou de Rennes.

Entre os poetas que foron convidados a participar e a recitar os seus versos na Universidade Popular estaban as voces máis representativas nese momento da poesía galega contemporánea, desde a primeira xeración da posguerra á xeración dos 80: Manuel María, Uxío Novoneyra, Bernardino Graña, Antón Avilés de Taramancos, Salvador García-Bodaño, Miguel Anxo Fernán-Vello, Ramiro Fonte, Xosé María Álvarez Cáccamo, Luísa Castro, Manuel Rivas, Cesáreo Sánchez Iglesias, Pilar Pallarés, Xesús Pisón ou Antón Dobao.

O PASADO HISTÓRICO-CULTURAL DE ORTIGUEIRA

Naquela Universidade Popular non podía faltar tampouco a atención ao pasado histórico-cultural das terras de Ortigueira, certamente moi rico. Unha das xornadas foi dedicada precisamente a eses temas, intervindo como ponentes Laureano Álvarez Martínez, Vicente Peña Saavedra, Ánxel Rosende, Emilio Ramil, María Luisa Meixide Pardo, Andrés Crespo ou Xosé Rodríguez Vilela. As súas ponencias ou comunicacións serían posteriormente recollidas nun caderno. Debo dicir aquí que así como a participación dos conferenciantes e dos poetas foi contemplada economicamente como ninguén o facía nese momento en todo o país, percibindo 40.000 pesetas por unha conferencia e 25.000 por un recital -desprazamento en taxi ou en avión, se for preciso, xantar ou cea e aloxamento á parte-, as persoas que interviron sobre a historia e a cultura local, aínda sendo merecedoras do mesmo trato pola súa altura intelectual e polo seu traballo, non recibiron unha soa peseta, algo que foi tremendamente inxusto. Un dos erros que cometemos.

Dentro dos actos dedicados ao patrimonio histórico-cultural e natural da comarca foron igualmente moi exitosos os audiovisuais de Luís Alonso Santiago, Álvaro Fernández Polo, Xacobo Castro, Tito Domínguez e Luís Diéguez, que achegaron ao público as imaxes do transcorrer histórico e social de Ortigueira, a evolución da comarca a través das súas edificacións ou a fauna e a flora do Ortegal. E tamén o fixeron sen percibir nada a cambio. Só o aplauso dos asistentes. Álvaro Fernández Polo encargouse, así mesmo, do deseño do cartel de cada unha das edicións.

Todas as conferencias, mesas redondas e presentacións de libros eran seguidas por un numeroso público, que na maioría dos casos abarrotaba o salón de actos do Concello. Entre aquel público fiel teño agora na memoria a David Foxo Salgueiro, Antonio Rivera Losada, Alfredo Torres Pajón, Xosé Buide, Federico Maciñeira, Moncho Barro e Laureano Álvarez, asistentes de luxo para o maior encontro cultural que se celebrou durante tres anos en Ortigueira, entre 1989 e 1991, non co propósito de convocar unha multitude de xente, senón de facer da Universidade Popular un foro aberto, plural e participativo, no que todos e todas tivésemos o privilexio de aprender e de escoitar a grandes personalidades da ciencia e da cultura.

RECUPERACIÓN DE FIGURAS ILUSTRES DE ORTIGUEIRA

Outra das nosas ideas foi reeditar cada ano en edición facsimilar unha obra dun autor ortegano para agasallar aos conferenciantes e divulgar entre o público asistente. Era, por outra parte, un xeito de comezar a recuperar figuras ilustres e libros importantes que estaban completamente no esquecemento. Foi así como editamos a obra poética completa de Ramón Armada Teixeiro (Da Terriña), a Geografía descriptiva de la Comarca de Ortigueira, de Julio Dávila, e San Andrés de Teixido, de Federico Maciñeira e Pardo de Lama.

UN ENCONTRO HISTÓRICO

Aquelas xornadas posibilitaron incluso que dúas figuras do galeguismo e do nacionalismo galego que vivían na mesma cidade desde había décadas mantiveran unha moi cordial conversa por primeira vez. O divorcio entre o piñeirismo e o nacionalismo chegara a tal extremo que nunca antes Ramón Piñeiro, residente en Xelmírez, 15-4º desde os anos cincuenta, e Encarna Otero, compostelana de nacimento e principal referente do BNG nesa cidade, se atoparan unha soa vez en Santiago para dialogar sobre o país ou sobre a súa historia. O encontro aconteceu en Ortigueira en 1989, ao remate do acto no que os dous abordaron o tema “O nacionalismo galego, desde as Irmandades da Fala á II República”. Tamén Piñeiro era a primeira vez que ía a san Andrés de Teixido.

JOSÉ LUÍS SAMPEDRO

De todas aquelas figuras que pasaron pola Universidade Popular de Ortigueira merece unha lembranza especial José Luís Sampedro, que por aquel tempo acababa de entrar na Real Academia Española e de publicar a novela La vieja sirena. A súa presenza naquelas terras do Ortegal durante varios días deixou en nós un inmenso ronsel de admiración e afecto, unha enorme pegada que xa comentamos con todo detalle nun traballo anterior, recollido no libro O pracer de reler. Pero daquela estancia en Ortigueira, nos primeiros días de agosto de 1990, Sampedro marcha tamén encantado, e así nolo expresa nunha carta que nos escribe ás poucas semanas desde o Hotel “Gran Sol” de Alicante: “De veras, Ortigueira me ha dado mucho y a todos os estoy agradecido. Incluso la voy a meter, indirectamente, en mi próxima novela. Cada hora allí fue muy importante, ¡que más voy a decir!”.

Efectivamente, a novela Real Sitio, que transcorre en Aranjuez, posúe varios personaxes vencellados ás terras de Ortigueira, entre eles un personaxe principal, o Aposentador Maior do rei Carlos IV, ademais de facer continuas referencias á paisaxe do Ortegal, ao laranxo hermafrodita do Pazo de Brandaliz ou ao cura-reloxeiro de Ladrido, Francisco Xavier Méndez Neira. Tal foi o impacto que deixou nel a ría de Ortigueira ao subir e baixar a marea, que el observaba cada día desde o Hotel “Santa Marta” no que se aloxaba, que cando na última entrevista que lle fai Iñaki Gabilondo lle pregunta como lle gustaría morrer, José Luís resposta:

“En Ortigueira yo contemplaba el llegar de un río al mar. El río llegaba lentamente, porque ya era el final de su curso, en la parte llana, y me imagino que llegado un momento, las aguas del río, que son dulces, se extrañan de empezar a sentirse saladas, y entonces se sienten un poco distintas y por una parte les alegra, les anima y siguen adelante. Y cuando se dan cuenta ya son el océano, ya no son el río. Eso es a lo que yo aspiro, a no darme cuenta y de repente dejar de ser río”.

Así desexaba que fose o seu final José Luís Sampedro, como a entrada das augas do río Maior na ría de Ortigueira. Tamén esa fermosísima imaxe que o acompañou durante moitos anos até os seus últimos días foi posíbel grazas a aquela Universidade Popular de Ortigueira. Só por lembrar iso xa tiñamos que escribir este artigo.



Ningún comentario:

Publicar un comentario