08/06/24

O outro gran logro político de Ana Pontón

Mitin do Bng na Coruña. Xuño 2024

Só unha persoa que mira máis para o futuro que para o pasado podía tender pontes humanas para volver a facer do BNG a casa común de todas as persoas que acreditan no noso porvir como nación galega.

Non nos enganemos: detrás do terceiro posto no que figura o BNG nestas eleccións europeas na coalición electoral Agora Repúblicas (até agora ocupaba o quinto lugar) están os resultados electorais das pasadas eleccións galegas, onde o BNG case consegue medio millón de votos. E iso sen infravalorar para nada o inxente traballo de Ana Miranda no Parlamento Europeo todos estes últimos anos, continuando alí o importante labor que xa desempeñou Camilo Nogueira entre 1999 e 2004 e que agora vai poder proseguir os próximos cinco anos, exercendo como eurodeputada desde o primeiro día grazas á posición política que neste momento ocupa o BNG no escenario estatal. Existir no mundo por nós mesmos, con representación propia, coa nosa propia forza, foi un obxectivo político e unha loita constante do nacionalismo galego ao longo de toda a súa historia. Máis aínda desde que o Estado español está na Unión Europea.

En política non sempre é doado ter unha idea clara de todo o que acontece cada día ou de cal é a mellor estratexia en cada momento. Das poucas certezas que nós temos en política, e que inquebrantabelmente abrazamos desde 1977, eu destacaría dúas: a primeira, que calquera país, e máis aínda un país como Galiza, precisa forzas políticas propias, e a segunda, que todo o que nos axude a existirmos como pobo, na propia Galiza, mais tamén en Europa e no mundo, é algo que sempre fortalecerá o sistema político galego, que existe porque houbo unhas Irmandades da Fala e un Partido Galeguista que traballaron arreo para dotar a Galiza dun marco político de seu, propio, de país. E o escano de Ana Miranda no Parlamento Europeo, igual que o de Néstor Rego no Congreso ou o de Carme da Silva no Senado, ademais de ser unha palanca ao servizo do país, contribúen decisivamente a existirmos como pobo galego nesas outras institucións españolas e europeas, a darlle visibilidade a Galiza na comunidade internacional, a aparecermos no exterior como nación galega, e o que é máis importante, a sentirnos un pobo con identidade propia, con voz e con dereitos. Isto hoxe só o pode garantir a representación política e institucional do BNG.

Cada xeración ten dereito a protagonizar o seu tempo político, a explorar diferentes estratexias para defender o país, incluso a equivocarse. E a xeración de Ana Pontón e as xeracións posteriores á súa teñen dereito a transitar este tempo con outras formas e outras dinámicas comunicativas, sociais e humanas que ao mellor non sempre son comprendidas por toda a militancia, pero que si están a demostrar que son útiles para construír país, para agrandar a base social e electoral do nacionalismo galego e para facer do BNG a única alternativa política de futuro para Galiza. Que fora unha muller e unha persoa que non viña precisamente da elite intelectual do nacionalismo galego a que ao final conseguiu reconstruír a unidade do nacionalismo e situalo onde nunca antes estivo en toda a súa historia, creo que é para admirar a Ana Pontón como antes o fixemos con outras figuras históricas do nacionalismo contemporáneo. Ana Pontón demostrou e demostra cada día ser unha grandísima personalidade política, á que nada do humano lle é alleo.

Despois da ruptura de Amio e dos tempos duros e convulsos que vivimos nos anos seguintes, só unha persoa que mira máis para o futuro que para o pasado e que posúe unha extraordinaria grandeza humana e unha grande altura política podía tender pontes para volver a facer do BNG a casa común de todas as persoas que aman a Galiza e que acreditan no noso porvir como nación. E estou seguro que Ana Pontón obra así, desa maneira, porque está a pensar nas xeracións que veñen dos anos sesenta e setenta, nas xeracións posteriores e nas que aínda virán despois de nós.

Os xestos que Ana Pontón fixo desde que asumiu a Portavocía Nacional do BNG co conxunto da sociedade galega, nacionalista, galeguista e demócrata, e con aqueles e aquelas que nun determinado momento se marcharan ou distanciaran da organización política fundada no Frontón de Riazor en 1982 -acontecemento histórico no que tamén participaran moitas desas persoas-, eses xestos fixeron que hoxe, de novo, o nacionalismo galego estea unido arredor dunha sigla política, teña unha importantísima base social e electoral detrás de si e sexa a esperanza para un cambio político en Galiza, que si ou si terá que producirse. Non somos quen de imaxinar que outra persoa neste momento histórico podería obrar como obrou Ana Pontón. Iso demostra que é unha grandísima figura política.

Ninguén abrazou con máis emoción e con maior cariño a Antón Vilar Ponte que o propio Castelao cando o fundador das Irmandades da Fala regresou ás filas do nacionalismo galego despois da experiencia de ORGA. Ninguén fixo tanto por recuperar para a lingua galega e para o galeguismo cultural a Álvaro Cunqueiro tras os avatares do 36 que don Paco del Riego, o seu vello amigo, sen facerlle nunca o máis mínimo reproche. A ninguén escoitei falar con tanto aprecio persoal e respecto intelectual de don Vicente Risco ou de Filgueira Valverde que ao poeta Manuel María. Esa grandeza humana sempre me pareceu o máis admirábel desas figuras que tanto admiramos pola súa personalidade e pola súa obra. E esas son tamén as leccións que toda persoa que lle quere a este país debería ter moi presente no seu proceder persoal e político. Por iso eu estou moi orgulloso de Ana Pontón, porque aínda que ela non se criou no colo de don Ramón Otero Pedrayo soubo e sabe situar sempre o país por riba e por diante de todo. Deu bo exemplo diso nos catro últimos procesos electorais.



Ningún comentario:

Publicar un comentario