27/05/24

O poeta que nunca falaba dos seus versos


Profundo no sentir e altísimo no dicir, Luís Dopico deixounos unha obra poética extraordinaria, que só tras o seu suicidio puidemos descubrir e admirar.

“Ola, onte intentou suicidarse Luís e case o consegue. Está entubado e sedado. Di o médico que non cre que se recupere. Tivo cinco paradas cardiorespiratorias moi longas. Tomou unha caixa de somníferos e cortouse as veas”. Esta é a primeira das moitas mensaxes que Obdulia Dopico, Luli, me manda ao longo daqueles días de tanta tristeza, tan duros, tan amargos, con Luís máis morto que vivo na UCI dun hospital, sen responder a ningún estímulo cerebral. Ao cabo dunha semana a familia finalmente ten que tomar a decisión máis difícil: decidir que o desconecten. Só os sosega ser conscientes de que o liberan para sempre daquel sufrimento que o acompañou durante tantos anos e que só el coñecía e vivía día tras día. Nunca os demais poderemos alcanzar a saber todo o que unha persoa chega a sufrir cunha enfermidade mental.

Un par de semanas despois, Obdulia Dopico mándame un texto de despedida de Luís. Precioso! Tristísimo tamén. “Esas son as primeiras páxinas do libro que lle debes dedicar a Luís. Para que nunca morra, para que siga entre nós. Será o xesto máis amoroso que Luís pode recibir de ti. E Medos pensa o mesmo, que tes que seguir escribindo”, dígolle eu a Luli, plenamente convencido de que a morte de Luís quebrouna de tal maneira emocionalmente que está a escribir o libro que eu levaba máis de trinta anos esperando que ela escribise. Recoméndolle que lea o libro de Piedad Bonnett sobre o suicidio do seu fillo Daniel para que vexa que non será a primeira escritora en abordar de forma descarnada unha situación como esa, tan dramática e tan dolorosa. Cada día que recibo un novo texto seu, aínda sen que ela lera Lo que no tiene nombre, teño claro que está a escribir unha prosa tan extraordinaria ou máis que a de Piedad Bonnett. Un libro certamente brutal, soberbio.

Luli érguese cedo e nesas primeiras horas da mañá segue a dialogar con Luís capítulo tras capítulo, expresando en cada páxina, en cada parágrafo, en cada frase, a memoria dos días vividos co sobriño e a súa inmensa tristeza trala súa morte e facéndoo, ademais, dunha forma valente, sublime, belísima, íntima, desgarrada e dolorosa, cunha delicadeza humana extrema. En pouco máis dunha semana escribe o seu mellor libro: Escucharé tu voz diciendo que ya es primavera

“Casualidades de la vida. Acaba de llamarme tu psiquiatra. Tenías cita con ella para la semana y al entrar en tu historial médico para citarte se encontró con el fallecimiento. Me pidió que le contara como sucedió todo y a grandes rasgos lo fui haciendo. Le hablé de tu dignidad y de las entradas en internet buscando métodos. ¿Cuánto se tarda en morir si no comes? ¿Y si no bebes agua? ¿Qué cantidad de pastillas hay que tomar? ¿Cuántas aspirinas se necesitan? Un ciento de preguntas que fui borrando en el historial de la tablet. Me dijo que no era un final imprevisto, que hacía muchos años que no eras feliz”.

Autora de máis de media ducia de libros de narrativa en lingua galega, e esta vez, mira ti, escribindo en castelán. En castelán, si, porque era o idioma que habitualmente falaban entre eles, e Luli, a través deses textos, continúa a falar con Luís desde unha intimidade que estremece o corazón. Esta vez non é o seu propósito facer unha novela nin un libro de relatos. Esta vez non ten que buscar un argumento nin crear personaxes nin inventar diálogos. Nunca escribiu con tan pouca preocupación formal e endexamais Obdulia Dopico voou tan alto literariamente e con tanta luminosidade. Escribir é vivir, dixo José Luís Sampedro

“Sería media mañana cuando las vecinas del barrio dijeron que les gustaría verte una vez más. Yo no podía ser menos. Iba a contemplarte también por última vez y el miedo pasó a un segundo plano.

Momento duro y bellísimo a la vez. Cuando abrieron el ataúd vi un ángel, toda la placidez del mundo reflejada en tu rostro tranquilo y sereno, envuelto tu cuerpo entre raso blanco abullonado, dulcísima imagen que borró de un plumazo el dolor de tu última semana en este mundo”.

“No Día da Poesía atopei a carpeta das poesías de Luís. Teño un tesouro”, dime Luli noutra mensaxe o 21 de marzo. Luís poeta, con tesouros ocultos nunha carpeta! Cando eu o coñecín e o tratei, entre fins dos oitenta e comezos dos noventa, souben desde o primeiro día que detrás daquel seu sorriso irónico había unha mente lúcida, extraordinariamente lúcida, un mozo que sabía moito máis do que dicía con palabras, unha persoa culta, brillante, moi observadora, reservada, que falaba cos seus silencios. Souben tamén de inmediato da súa enorme curiosidade intelectual por todo o relacionado coa prehistoria, a etnografía, a mitoloxía e a antropoloxía, paixón que o levou a manter innumerábeis conversas con seu avó e coa xente máis maior de Landrove e doutras parroquias de Viveiro e a colaborar activamente co Seminario de Estudos Terras de Viveiro. O que nunca souben até despois do seu suicidio é que Luís de la Cruz Dopico Geada (Viveiro, 1967-Burela, 2023), Luís Dopico ou Luís da Ponte, como todos o coñeciamos, era, ademais, un altísimo poeta. Mal o podiamos saber cando el nunca falaba dos seus versos e apenas publicou catro poemas en toda a súa vida. 

A súa poesía nútrese da propia Natureza, de toda aquela marabilla que os seus ollos contemplaron no Val de Landrove desde neno. “Aos oito anos aprendín bioloxía ao rente do río”. Pero Luís Dopico non é un poeta contemplativo, extasiado coa beleza da paisaxe, senón un poeta que dialoga coa terra, como unha criatura máis dese universo natural, un poeta que vai á profundidade das raíces, ao prodixio da vida, ao misterio do cosmos. Profundo no sentir e altísimo no dicir:

“O ouriol ten azas de ouro para a primavera / e un amarelo existir en verde fondo. / Misterioso é o seu canto na floresta. / No peteiro trae herbas de lonxe para todos. / Quen lle ensinou a cantar como as fontes? / Quen o fixo dourado? / Quen lle ensinou a cantar no rumor das follas? / Tódalas árbores que vexo / reivindican a súa súpeta chegada / cun bater de ramas. / No seu peteiro un asubío de auga / rexenerando en musgo retransmite / o lusco e fusco das pradellas. / Ouriol, onda-sol, / raio que en dous fendes o tempo / co teu canto afiado nos meses máis longos”.

Escribiu toda a súa obra en galego, pero os seus poemas de amor a unha moza que tivo en Nafarroa enviáballos logo en castelán. Unha mágoa que no libro póstumo que editaron as súas tías Luli e Covi e que recolle a súa poesía e unha pequena parte dos seus artigos e ensaios, (Cae a noite, que leva tamén un imprescindíbel e magnífico limiar de Carlos Nuevo), non se recollan os poemas de amor na súa escritura orixinal en galego e só a versión en castelán. Mais a calidade, a fondura e a beleza da súa poesía brilla en calquera das dúas linguas:

“Te espero sin palabras, con mis manos y mis labios. Te espero desnudo, con el alma en vilo. Porque contigo todo está naciendo, empezando y se oxidan los relojes. Aquí me tienes. Mis miradas son las tuyas, que traspasan un puente de narcisos. Tus oídos me acechan y atrapan mis palabras, que también son las tuyas. Aquí las tienes, entregadas, estrújalas si quieres, confúndelas en el espacio. Ya no importa. Son tuyas. (…) Ando descalzo por tu vientre, trazo surcos en tu piel con mis labios, esparzo miel en tu boca. Estoy pendiente de ti y de la luna, observando el devenir de las estrellas. Tu ombligo semeja el ombligo del mundo, el bosque que habitas, los objetos que te pertenecen, tus prendas de ropa, tu olor, tu cintura, serán míos. Seré tu armario y tu caja de música. (…) ¿Ves mis manos? Te las doy para que las guardes en tus bolsillos, como si fueran las tuyas. No me importa. Ellas conocen tu cuerpo, se refugian en él y limpian mis lágrimas por los caminos sin ti”.

Aquela tarde de marzo no cemiterio de Landrove, unha tarde triste e serena, seguramente todos os que acompañamos até o panteón familiar a Luís Dopico sabiamos que estabamos a despedir unha persoa que posuía unha cultura e unha sensibilidade exquisita e que levou enriba de si como unha lousa unha grave enfermidade mental, e comprendiamos tamén perfectamente que despois de tan insoportábel tortura durante tantos anos, sen nunca conseguir atopar o acougo que calmase ese sufrimento, decidira poñer fin a tal inferno. Pero non sabiamos aínda que estabamos a despedir a un poeta. Só súa tía Luli o dixo alí en voz alta: “Moitos non o saben, pero Luís era poeta”. Vaia se era poeta! E que grande poeta! Foi un fermosísimo acto de xustiza proclamalo naquel momento, nese derradeiro adeus, como o foi a lectura dos seus versos diante dos seus restos mortais: “Cae a noite, cortina negra. / A curuxa ben sabe dela e vén / calada, paseniño na noite espesa…”.



Ningún comentario:

Publicar un comentario