Se compartimos esta reflexión tan
elemental, se deixamos por un momento o territorio dos principios
políticos e da Galiza que soñamos, e pousamos os nosos ollos no
país que temos e nas súas potencialidades, a nosa resposta fronte a
tanta desfeita social, económica e cultural -que se pode ver
parroquia a parroquia-, non pode ser, non debe ser, que temos que
seguir a acumular forzas para -algún día- dar o paso de gobernar o
país con outro peso institucional e outras competencias de maior
soberanía política. O nacionalismo galego ten que ter xa hoxe na
súa axenda como prioridade política a necesidade de gobernar o
país, porque Galiza precisa urxentemente dun cambio de rumbo, dunha
acción de goberno que poña o territorio e a economía produtiva en
valor, que poña a nosa lingua e a nosa cultura na vida de cada unha
e cada un de nós, que poña a Galiza como unha nación en
construción, como unha nación no mundo, en definitiva, que retome
con orgullo o traballo e o esforzo das persoas que no seu día
asumiron responsabilidades no goberno de coalición da Xunta para
darlle outro futuro a Galiza. Esa é a reflexión e a ilusión que,
ao meu xuízo, nos debe transmitir aquí e agora o nacionalismo
galego: cómpre mollarnos no goberno do país, aínda que só sexa
para un cambio de rumbo. Porque o precisa o país.
Creo que non
deberiamos dedicar nin un minuto máis a falar de Feixóo. É un
exercicio absolutamente estéril. Temos a certeza de que dentro da
sociedade galega hai un corpo social moi amplo -e tamén
ideoloxicamente moi plural- que hai tempo que non pensa en Feixóo
nin no PP como solución política para os nosos problemas e que o
que demanda das forzas políticas da oposición é unha proposta de
presente e de futuro para Galiza, para este momento político, para a
Galiza de hoxe e do vindeiro decenio. Por suposto, hai quen ten moi
claro que ten que ser unha proposta de país, para o país, desde a
ambición de país, como un paso máis na construción da nación
galega, desde posicións nitidamente nacionalistas ou cando menos
dunha grande firmeza galeguista. Mais hai outra moita xente que ve a
necesidade e a urxencia dun cambio político na Xunta sen posuír
unha clara conciencia de país. Demándano simplemente desde
coordenadas de esquerda/dereita e, ademais, desde un pensamento de
esquerdas moi españolizado, cada día máis españolizado. Para
estes outros sectores sociais tamén ten que falar o nacionalismo
galego se o seu obxectivo é ter o maior peso político nese goberno
e ser determinante nese cambio de ciclo político que Galiza tanto
necesita. Atopar as palabras precisas para dirixir a mensaxe do
nacionalismo ás persoas non nacionalistas debería preocuparnos máis
que o que fai ou deixa de facer Feixóo. Do rigor, do realismo, da
intelixencia, da amabilidade e da ilusión coa que formulemos o noso
discurso á sociedade nos próximos meses vai depender que amplos
sectores sociais vexan ou non vexan o nacionalismo galego gobernando
o país. Ana Pontón xa demostrou sobradamente intelixencia política
e capacidade para dialogar co país en toda a súa dimensión humana.
Esa, e non outra, é a liña a seguir, o camiño que cómpre
transitar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario