Á altura de 1976, na primeira etapa da
Transición, mentres o PCG e a Táboa Democrática de Galicia estaban a
defender o estabelecemento dun goberno autónomo baseado nos principios e
institucións do Estatuto de Autonomía do 36, as organizacións nacionalistas
galegas no seu conxunto, agrupadas no Consello de Forzas Políticas Galegas,
foron quen de dotarse dun programa de goberno para a nación, de carácter
soberanista, pensado para o novo escenario político, que naquel momento o
nacionalismo galego xa aspiraba a que se traducise nunha verdadeira ruptura
democrática e non nunha simple reforma do réxime franquista. Ou dito doutro
xeito, o nacionalismo galego dos anos setenta ten a vontade e a ambición política
de superar o contido do Estatuto do 36, elaborando unha proposta
xurídico-política e programática para unha Galiza soberana dentro dun Estado
Federal. Foi concretamente Camilo Nogueira o que redactou as
bases de carácter económico e social para un Programa de Goberno, ao que logo
lle daría forma xurídica Vilas Nogueira, un traballo que
despois de outras achegas deu lugar ás Bases Constitucionais e ao
Proxecto de medidas económicas para un Programa de Goberno Galego.
Eran días de ilusión e de esperanza, nos que un dos nosos grandes poetas nos
escribía, aínda en maio do 77, palabras tan luminosas como “en vísperas dun
tempo novo e unha patria liberada”.

Contemplada agora esa estratexia coa perspectiva
que nos dá o paso do tempo, invádenos a dúbida de se foi esa a opción
politicamente máis intelixente para a defensa do país e mesmo para abrir un
mapa político autonómico onde o nacionalismo galego xogase un papel máis
determinante no rumbo das institucións galegas que estaban a nacer. Desde logo
en Euskadi e Catalunya, onde hai outra correlación de forzas e onde o
nacionalismo e o independentismo teñen xa naquel momento un grande peso social
e incluso unha moi notábel representación nas Cortes do Estado do 77, unha
parte moi importante do nacionalismo vasco e catalán non desaproveita a
oportunidade que lle brinda o novo escenario político, a pesar das cativas
competencias para exercer o autogoberno, e tampouco podemos dicir que lles fora
peor que nós como país ao longo das últimas catro décadas ou que hoxe esas
outras dúas nacións están peor situadas que Galiza para aspirar a un estado de
seu. Talvez a nós faltounos a madurez política, a flexibilidade ideolóxica e a
capacidade táctica que si tiveron vascos e cataláns. Estou convencido de que
entre os dirixentes do nacionalismo galego da Transición só Camilo Nogueira
percibiu claramente o que tiña de positivo para o país ese outro camiño de máis
realismo político, ou se se quer, de maior pragmatismo, que moi inxustamente
foi calificado de autonomismo. Creo que hai análises sobre o noso máis recente
pasado histórico que cómpre repensar e reescribir sen prexuízos e sen
animadversión. E quen isto escribe nunca estivo precisamente nas posicións que
daquela mantivo Camilo Nogueira. Dígoo agora, varias décadas despois, desde a
reflexión persoal e desde unha visión desapaixonada. Simplemente porque
considero que é de xustiza recoñecerlle a Camilo o seu enorme esforzo por
situar o nacionalismo galego alí onde se ía decidir sobre o noso futuro como
pobo.
Probabelmente o documento que formula o BNG a
fins de 2005 para un Estatuto de Nación, con Anxo Quintana como
vicepresidente da Xunta e como Voceiro Nacional da organización, é o paso máis
importante que dá o BNG en toda a súa historia, desde 1982, para buscar un
posíbel encaixe da súa alternativa política no actual marco xurídico-político,
desde unha vontade de integrármonos na estrutura plurinacional do Estado
español e partindo sempre da posibilidade dun acordo constitucional de
interpretación dinámica e flexíbel. Penso que ese documento, á marxe da sorte
que tivo nesa lexislatura e do que logo sucedeu co Estatut catalán,
puido ser un magnífico instrumento de traballo para a concienciación social e
para gañar a adhesión dunha ampla maioría social á demanda dun maior
autogoberno para a nosa nación, e, por suposto, creo que foi un enorme erro
borrar esa iniciativa da folla de ruta do BNG, porque desde as Bases
Constitucionais xulgo que non tivemos outra proposta tan clara para vermos
como podía articularse nas actuais coordenadas unha Galiza diferente, con máis
capacidade para decidir sobre o seu presente e o seu futuro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario