Tiñamos 17 anos e un país que andabamos a descubrir con
emoción e asombro. Galiza era a nosa paixón e un mundo inmenso do que apenas
sabiamos nada e queriamos sabelo todo. Acababan de ser as eleccións xerais de
xuño do 77 e non había fracaso electoral capaz de afogar a nosa afervoada
ilusión por Galiza e o noso desexo de comprometernos activamente co
nacionalismo galego. Un meu amigo de infancia e mocidade, Vicente Peña Saavedra, hoxe brillante profesor da Universidade de
Santiago, quería ir ao acto político da carballeira de Santa Susana, onde ía
falar Celso Emilio Ferreiro, aínda
militante do PSG, e eu o que máis desexaba era participar na manifestación do
Bloque Nacional-Popular Galego, e iso que a Celso Emilio tamén o escoitaría de
moi boa gaña, como así fixen algún tempo despois nun acto en Ferrol. Ao final
nin un nin outro fomos a Compostela. Pero ese é o meu primeiro Día da Patria,
porque o lembro emocionalmente como se estivese alí, e até conservo os recortes
de prensa daquel 25 de xullo. E desde aquel ano xa nunca deixei de ir a
Compostela, sempre coa emoción da primeira vez. Para unha persoa de pensamento
nacionalista o Día da Patria é unha data dunha fonda carga emocional. Galiza
rexurde e florece como nación cada 25 de xullo. Non hai grupo parlamentar nin goberno
municipal en toda a xeografía galega que exprese de forma tan clara e tan
rotunda a nosa vontade de existirmos como nación como o expresa a grande
manifestación do Día da Patria e o acto posterior da Quintana. Iso é así desde
que o nacionalismo instaurou o Mitin das Arengas en 1934, que comezaba ás 11 da
noite do día 24 con presenza de nacionalistas de todo o país e con oradores
como Castelao, Alexandre Bóveda, Otero
Pedrayo, Ánxel Casal e outros
dirixentes do PG.
![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEhqS_oqHY27opNxBkjuhXRtgJteETJlUEivh6_EMFh5U3oDVNz1cyc3naU6gIhApRBBODR_zEurOYPdtUbqlIsgrl2eCX3YpncS6N8YgEUx6hYsM_HnAk4ngGSjQbmxXO2l9UGAZW4b4rHM/s320/51eab13cc8924-a2-6-ce38cea4.jpg)
Para min persoalmente o Día da Patria é tamén un día para
tecer irmandade e afectos entre nós e para o reencontro con amigos que ao
mellor non vemos con frecuencia, como Pepiño
Estévez e Maribel Goñi. E logo están as ausencias, permanentemente vivas na
nosa memoria e feríndonos o corazón. En min permanecen aínda moi vivos os
rostros de ducias e ducias de amigos que tanto quixemos e que con tanta alegría
saudabamos ou abrazabamos cada 25 de xullo: Manuel María, Uxío Novoneyra,
Antón Avilés de Taramancos, Francisco Carballo, Lois Obelleiro…, tantos e tantos amigos,
verdade? Ai, esa dor de non velos! E en nós van igualmente os rostros de Luís Soto, Pilar Vázquez Cuesta, Arturo
Cuadrado, Manuel Beiras García, Anisia Miranda, Xosé Neira Vilas… e, sobre todo, a imaxe e a palabra de Telesforo Monzón pronunciando aquel
fermosisímo e emocionante discurso na Praza da Quintana en 1979, con case 75 anos
e recén chegado do exilio: “Hermano Castelao: junto a ti nos tienes hoy. Tu
sueño fue que vascos y gallegos marcháramos juntos… Os traigo saludos de la
Euskadi del silencio, del sufrimiento y de Soria. También os traigo el saludo
de la Euskadi de la soberanía segura que saluda a la Galicia de la soberanía
segura”. Contaba o poeta José Bergamín,
hoxe tan inxustamente esquecido, que en plena guerra, cando as Cortes da
República se reuniron en Catalunya, Telesforo Monzón, que fora nomeado
Conselleiro de Gobernación polo lendakari José
Antonio Aguirre, fixo unha intervención que lle levou a exclamar a un
ministro de Negrín: “Quién es este
vasco que habla castellano mejor que nosotros?”. Que beleza, meus camaradas,
había nas palabras de Telesforo Monzón! Xa ninguén fala hoxe así. Entre nós,
agora mesmo, só estaría á altura da súa oratoria Alfredo Suárez Canal, un dos grandes oradores que tivo o
nacionalismo galego ao longo de toda a súa historia, capaz de construír
discursos políticos cunha perfección e unha brillantez moi difícil de superar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario