Xa sei que máis dunha persoa dirá a que vén agora un artigo
sobre o goberno bipartito da Xunta de Galiza. E quen así pense está no seu
dereito, naturalmente, igual que outros e outras a pensarmos que é un enorme
erro político que aínda hoxe, tantos anos despois daquela experiencia de
goberno, o nacionalismo galego non fixera balance dese período, sen dúbida o
máis importante de toda a historia da autonomía galega, onde un bo número de
compañeiras e compañeiros puxeron toda a súa lucidez, a súa ilusión e a súa
entrega ao servizo da idea máis fermosa que podemos ter como persoas
comprometidas con este país: construír desde o Goberno galego un futuro
distinto para a nosa nación, xusto o que soñaron outras moitas xeracións de galeguistas
e nacionalistas moito antes, sen ter nunca a posibilidade de alcanzar esa
responsabilidade política, nin nos anos trinta nin nas primeiras décadas do
actual réxime autonómico. É difícil de entender que se fixeran grandes esforzos
na investigación histórica para iluminar o que sucedeu en Galiza hai mil ou
dous mil anos e, pola contra , non teñamos esa mesma preocupación por coñececermos con rigor, sen prexuízos e sen animadversión contra esta ou aquela persoa do bipartito o cambio político que se puxo en marcha no noso país entre 2005 e 2009 e que, como tantas veces sucede, non tivo finalmente o tempo necesario para levar a cabo todo o que naquela acción de goberno había de proxecto transformador. Carlos Mella
tería aquí outro capítulo moi interesante para engadir ao seu magnífico libro A Galicia posible, que é tamén o relato
dunha frustración. Do que eu sei só se fixo unha tese de doutoramento sobre a
derrota daquel goberno, a que elaborou Paulo
Carlos López. Tamén no libro de
conversas de Xan Carballa con
Xavier Vence hai páxinas moi
clarificadoras e moi ponderadas sobre esta etapa política, que eu subscribo
enteiramente. O que ignoro é se alguén fixo un balance exhaustivo, área por
área. Eu pouco máis coñezo que un breve artigo de Xusto Beramendi (“Un balance do Bipartito”), publicado en Inzar Razóns en xullo de 2009.
Non, non é esta unha reflexión extemporánea, porque para o
PP a etapa do goberno bipartito segue viva como arma política case oito anos
despois das eleccións autonómicas de 2009. E ademais, no imaxinario colectivo
da sociedade galega, o bipartito é o que o PP quixo que fora. O único relato
que realmente se socializou durante todos estes anos, día tras día, a respecto
daquel goberno da Xunta, escribiuno o PP. As forzas integrantes daquel
executivo galego e daquela maioría parlamentaria non foron quen de pór en valor
socialmente, con luces e con sombras, o proxecto de país que había no seo
daquel goberno. Ou mellor dito, nin uns nin outros tivemos a vontade política
de reivindicar ese período da historia contemporánea de Galiza, de asumilo como
propio e de defendelo, autocriticamente, pero coa cabeza moi alta, destacando
todo o que con coraxe e con máis ou menos acerto se puxo en marcha en apenas
tres anos e medio, un tempo certamente demasiado breve para construír o país
que Fraga levaba 15 anos destruíndo.
Creo que ese foi un erro político moi grave que cometeron o BNG e o PSOE nos
últimos anos. O noso silencio fronte ás mentiras e á durísima campaña de
desprestixio que puxo en marcha o PP -co apoio dos poderes fácticos,
naturalmente- foi o mellor agasallo que lle puidemos facer a Feixóo, primeiro para recuperar a Xunta
naqueles últimos meses e despois para manterse no poder unha e outra vez. O
bipartito acabou sendo un problema político para o nacionalismo galego non
tanto polos erros ou polo que non se fixo desde a Xunta de Galiza, senón porque despois do fracaso electoral de 2009
cometemos a torpeza política de non reivindicarmos o mellor daquela acción de goberno
e de non combatirmos o discurso do PP. Esta é, por suposto, a miña opinión
persoal.
Claro que durante o goberno bipartito, e tamén
inmediatamente despois, non faltaron desde fóra do goberno, pero desde dentro
da organización nacionalista, receos e actitudes dunha enorme falta de
intelixencia política por parte de moitas persoas do BNG, algunhas delas moi
relevantes, que se sumaron moi alegremente á desafección e á confrontación
social co bipartito, coa súa correspondente manifestación polas rúas de Compostela
baixo o lema “Galiza non se vende”, ignorando que calquera combate social
contra o bipartito podía significar o regreso do PP, como así foi. Ao fin e ao
cabo, non o esquezamos, Fraga perdera as eleccións por un só escano. E non só
iso. Con aqueles resultados electorais que nos deixaron fóra da Xunta o que
fixeron algúns sectores desde dentro do BNG e do PSOE foi un axuste de contas
con Anxo Quintana e con Emilio Pérez Touriño e cos que os
apoiaban, reabrindo de inmediato o debate intestinal. Lembremos que o Encontro
Irmandiño, con Xosé Manuel Beiras á
cabeza, tardou só horas en dar unha rolda de prensa para pedir a dimisión da
Executiva Nacional do BNG. E Mar Barcón,
na primeira reunión postelectoral que tivo o PSOE, xa solicitou a dimisión de
Pérez Touriño. A iso hai que engadirlle que un Anxo Quintana moi destruído pola
campaña electoral no plano persoal e político, e posibelmente tamén necesitado
de máis apoio interno nun momento tan delicado, non foi quen de resistir como
líder aquel linchamento político e optou por presentar a súa dimisión e a de
toda a Executiva Nacional do BNG de forma precipitada e inesperada, sen un
debate previo sereno e profundo no Consello Nacional. Aquel paso -que nós
podemos comprender perfectamente desde un punto de vista humano, desde o estado
anímico que produce unha derrota e unha cacería tan inxusta como aquela- creo
que foi igualmente outro erro político que lle brindamos como trofeo de caza ao
Partido Popular. Aínda teño na memoria as intervencións dos conselleiros Alfredo Suárez Canal e Fernando Blanco naquela reunión do
Consello Nacional, moi contrariados os dous coa decisión que se acababa de
anunciar aos medios.
Non é que non fora necesario o debate, mesmo o cambio de
rumbo en certas cuestións. Claro que si. Debate todo o que for preciso, e
corrección de erros na relación do goberno coa organización e coa nosa base
social, imprescindíbel. Todo menos descabezar a dirección da organización e
renunciarmos a defender con firmeza unha acción de goberno que se estivera a
facer desde a Xunta de Galiza para sentar as bases dun país diferente, contra a
resistencia do PP, dos poderes fácticos e mesmo co boicot do PSOE desde o seo
do executivo no tema do naval, na área de benestar ou no eólico. A militancia e
a base social do BNG quedou á intemperie fronte ao discurso que desde ese
momento pon en marcha o PP sobre o que fixera o goberno bipartito e fronte á
política de demolición dos pasos que se deran desde Vicepresidencia da
Igualdade e do Benestar e desde as consellerías de Innovación e Industria, Vivenda,
Cultura e Deporte e Medio Rural. A decisión, de carácter formal ou non, foi
pasar páxina, esquecernos do bipartito, como se non tiveramos nada do que estar
satisfeitos ou nos faltara valentía política para defendermos aquel goberno.
Nesa liña hai que interpretar a literatura do relatorio da Asemblea de Amio ou
mesmo o silencio de Anxo Quintana durante meses e meses sobre o que sucedera
naquela reunión na Coruña onde un “prócer herculino” o presiona para cambiar o
concurso eólico, indicándolle que “un enfermero de Allariz no puede venir a
cambiar el marco económico de Galicia”. A resposta de Anxo Quintana, a súa
firmeza política naquel contexto, aquel golpe contra as decisións do goberno do
país elexido democraticamente, tiña que ser coñecido por toda a base social do
bipartito e pola opinión pública no seu conxunto xusto naquel momento, porque
seguramente con esa información, con eses datos, aquela cacería contra Quintana
tería unha explicación doadamente comprensíbel para calquera persoa, e a
reacción social e electoral podería ser outra. Ás veces hai actitudes que son
máis revolucionarias que as ideas máis radicais que se escriben nos documentos,
e o pulso que lle botaron Anxo Quintana e Fernando Blanco aos poderes económicos,
empresariais e mediáticos para aprobar o concurso eólico con criterios de país
foi para min a posición máis radical que houbo naquel goberno e na historia
máis recente de Galiza.
Todos nos equivocamos. E eu tamén, a outro nivel, claro,
como simple militante de base, primeiro por non apoiar unha emenda de Xavier
Vence en Amio na que solicitaba a elaboración dun balance sobre o bipartito e
despois por non escribir este artigo hai sete ou oito
anos. En certa maneira este texto é unha débeda que eu tiña con todas as
persoas que traballaron arreo naquel goberno bipartito e tamén unha débeda coa
miña propia conciencia, co meu pensamento sobre aquela breve etapa política,
tan actual e tan ignorada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario