Na historia do galeguismo e do nacionalismo galego nunca
houbo un único proxecto de país. En cada época, en cada xeración, en cada grupo
ideolóxico, en cada sector social, dialogaron, conviviron coas súas
contradicións ou viviron en conflito diversas ideas sobre o que tiña que ser a
Galiza do futuro e sobre a estratexia política, cultural e social que había que
seguir para acadar un país diferente. Así, por exemplo, dentro do Partido
Galeguista, a Galiza que soñaba Castelao, Bóveda, Víctor Casas ou Ramón Suárez
Picallo non era a Galiza que soñaban Vicente Risco, Filgueira Valverde,
Florentino López Cuevillas ou don Ramón Otero Pedrayo. Mais uns e outros tiñan
a Galiza no centro das súas preocupacións, con máis ou menos paixón política.
Galiza como tarefa, en feliz expresión de don Valentín Paz Andrade. E foi con
esa mentalidade de país, cunha mentalidade galeguista certamente plural e
poliédrica, como naceron no seu día as Irmandades da Fala, o Seminario de
Estudos Galegos, a Editorial Nós, a revista Nós ou o Partido Galeguista: pensando
e repensando Galiza, imaxinando e soñando o país, e sempre, sempre, coa vontade
de construír unha historia propia. E tamén, claro que si, cunha irmandade moi
fonda entre todas aquelas persoas, unha irmandade que nun determinado momento
fai posíbel o reencontro das persoas que crearan ORGA cos irmáns que fundaran o
PG, unha irmandade, lembrémolo, que funde de novo nunha aperta a Antón Vilar
Ponte e a Castelao ou que leva a Alexandre Bóveda a reclamar publicamente un
trato respectuoso para o irmán Filgueira Valverde cando este impulsa a creación
da Dereita Galeguista. Velaí o espello no que nos deberiamos mirar para
construír nesta circunstancia histórica outro presente e outro futuro para a nación
galega e para as xeracións que han de vir.
Calquera
persoa que lle queira a este país, que fale e reivindique a nosa lingua, que
teña curiosidade intelectual polo noso pasado histórico e pola nosa cultura e
que viva con verdadeira preocupación o presente e o futuro de Galiza como pobo,
como país ou como nación, calquera persoa con esta sensibilidade humana,
cultural e política é unha persoa que pode axudar a construír un país
diferente, desde o compromiso individual ou colectivo. Deixémonos de erguer
valados de resentimento ou de odio entre nós. Non lle neguemos nunca o diálogo,
o noso afecto e a nosa man tendida a quen desexe colaborar na galeguización da
nosa sociedade e na defensa activa e
firme do país. Calquera discrepancia política ou ideolóxica, mesmo a
discrepancia máis profunda, debemos aprender a formulala desde o respecto, a
cordialidade e a beleza da palabra. Galiza necesita xente que a leve no corazón
e que teña vontade de construír desde un verdadeiro sentimento de irmandade un
pobo con historia propia. O futuro político desta nosa nación depende en boa
parte de que sexamos capaces de entendermos que Galiza é un proxecto común que
precisa de todas as persoas que teñan unha idea clara e rotunda de país.
Ningún comentario:
Publicar un comentario