Revolução dos Cravos |
Podemos actualizar e darlle as voltas que queiramos aos
textos teóricos, ás cuestións organizativas e ás ferramentas de traballo que se
precisan para actuarmos na sociedade actual. Se non logramos crear ilusión para
comprometer a outras moitas persoas co nacionalismo galego, non teremos dado un
só paso adiante, porque non seremos quen de crear futuro, de saír das
trincheiras, de camiñar cara adiante, de facer circular as nosas ideas na xente
máis moza, en todas esas novas xeracións que xa non teñen a Galiza como
referencia, como ideario político, nin sequera como preocupación intelectual,
aquela curiosidade e aquela ansia de
coñecemento que tiñamos outras e outros nos anos sesenta ou setenta, cando unha
simple presentación dun libro galego, un recital ou unha conferencia era un
acto de loita pola liberdade e de reafirmación da nosa identidade colectiva, e
todas e todos regresabamos para a casa emocionados por descubrir algo novo, por
sabermos algo máis da nosa historia política, da economía galega, da nosa
lingua ou da nosa literatura. Viviamos todo ese descubrimento intelectual con
auténtico gozo. Algúns incluso naquel tempo da Transición, na nosa mocidade, tivemos
a sorte de escoitar, co corazón limpo, cos ollos ben abertos, persoeiros como
Álvaro Cunqueiro, Ramón Piñeiro ou Domingo García-Sabell, ou ao Celso Emilio
Ferreiro que militaba no PSG, ao Méndez
Ferrín da UPG-Liña Proletaria ou a un militante do PCG tan combativo co
nacionalismo como Xesús Alonso Montero. Eu só teño que dicir que tamén eles me
axudaron a descubrir o país, igual que don Ricardo Carvalho Calero, Manuel
María, Xosé Manuel Beiras, María Pilar García Negro ou Francisco Rodríguez. E
hoxe non teño eu tan claro que unha persoa que milite no nacionalismo tivese o
desexo de ir escoitar unha conferencia de Álvaro Cunqueiro se iso for posíbel.
Non digamos xa a Ramón Piñeiro ou a García-Sabell. Eu desde logo nunca tiven
eses prexuízos mentais, porque nunca pensei que por asistir a un acto de
persoas doutros pensamentos e doutras militancias políticas se ía debilitar a
firmeza das miñas ideas.
Non son eu quen para dicirlle a ninguén a que actos ten que ir ou en que actos debe participar, mais creo que as persoas que militamos no nacionalismo non deberiamos dubidar en cruzar as fronteiras do noso territorio ideolóxico para escoitar con respecto outras visións sobre Galiza e sobre o mundo, para expor as nosas opinións ou para confrontar con cordialidade intelectual as nosas ideas con outras. Neste momento máis que a arenga para persoas convencidas, para os de sempre, o que de verdade necesitamos é que a nosa visión poida ser escoitada noutros foros nos que hai outra xente que habitualmente non asiste aos nosos actos. É aí, entre esa outra xente, onde temos posibilidades de agrandar a nosa base social, de achegar á idea de Galiza a outras persoas que talvez aínda non tiveron a oportunidade de descubrir o seu propio país e de ver os problemas desde unha óptica galega. Temos que deixar de facer actos de doutrina política para nós mesmos e nós mesmas e darlle máis importancia a impulsar ou apoiar encontros e debates con outros sectores sociais. Iso tamén é estar na sociedade. Con esa sociedade é coa que temos que traballar. Non hai outra. E sempre, sempre, procurando convencer e ilusionar. Non renunciemos nunca á paixón de crear conciencia de país fóra da organización na que militamos e desde a confianza no noso ideario nacionalista.
Ningún comentario:
Publicar un comentario