Entre o 29 de novembro e o 26 de marzo estará aberta en
Madrid a exposición “Maestro Mateo en el Museo del Prado”. Eu persoalmente son
dos que vexo moi ben que o noso patrimonio artístico se expoña fóra do noso
país de forma temporal. Xa quixeramos nós que milleiros de persoas de todos os
países puidesen contemplar unha retrospectiva da pintura galega contemporánea
no Museo do Prado ou no Museo Reina Sofía ou unha exposición de Castelao,
Carlos Maside, Maruxa Mallo ou Manuel Colmeiro no Thyssen, en Caixa Forum ou na
Fundación Mafre. Igual que viaxan a Madrid obras de Tintoretto, Rafael,
Gauguin, Munch, Kandinsky ou Dalí, procedentes de todas as pinacotecas do
mundo, sería certamente extraordinario e marabilloso que viaxasen até os museos
madrileños as obras mestras dos grandes pintores e das grandes pintoras que deu
este país. Un, que xa leva contemplado algúns museos polo mundo adiante e que
intenta non perder as exposicións temporais que todos os anos se organizan en
Madrid, está realmente moi orgulloso da pintura galega dos séculos XIX e XX e
pensa que unha parte moi importante da obra dos nosos artistas é digna de
admirar pola humanidade enteira, aquí, en Madrid, en París ou en Estados
Unidos. Por iso saudamos a iniciativa da Real Academia Galega de Belas Artes de
levar o mestre Mateo ao Prado, aínda que onde mellor podemos contemplar ao
artista é en Compostela, no Pórtico da Gloria, igual que para ver a Tintoretto,
Veronés ou Tiziano hai que ir a Venecia ou a algunhas igrexas de Roma para
contemplar a Caravaggio.
O que si sería lamentábel, e mesmo moi grave, é que esta
importante exposición sobre o mestre Mateo chegue a Madrid descontextualizada,
sen o pano histórico de fondo que explica a construción do Pórtico da Gloria,
das catedrais de Mondoñedo, Lugo, Ourense e Tui e da propia catedral de
Santiago, a igrexa máis grande -lembrémolo- de todo Occidente nese momento. As
persoas que nos vindeiros meses visiten no Museo do Prado a exposición do
mestre Mateo teñen dereito a saber que papel político, relixioso, económico e
cultural ocupaba Galiza na época de Mateo, porque é o que nos permite
comprender en toda a súa dimensión o esplendor dese período histórico. E o que
xa sería unha falta absoluta de rigor científico sería que se vencellase a obra
do mestre Mateo ao denominado “reino de León”, ocultando a existencia do reino
galaico de Fernando II e Afonso VIII e todo o que ese reino representou na
historia de Galiza. Sen ese pano histórico de fondo, ao noso xuízo imprescindíbel
para iluminar esa gran obra artística que é o Pórtico da Gloria, a exposición
sobre o mestre Mateo quedaría francamente mutilada. Esperemos que iso non
aconteza. Simplemente un parágrafo dalgún dos traballos da autoría de Anselmo
López Carreira pode explicar todo o que significou para Galiza o reinado de
Fernando II e Afonso VIII. Transcribir ese texto nunha parede do Prado
sospeitamos que non debe ser moi custoso. E, por suposto, ningún galego e
ningunha galega debe visitar esta exposición sobre o mestre Mateo sen ler antes
un libro como A memoria da nación. O
reino de Gallaecia, de Camilo Nogueira, unha lectura necesaria para irmos a
Madrid mentalmente descolonizados e talvez -xa veremos- para regresarmos moi
indignados despois de ver a exposición, indignados por como unha e outra vez as
propias elites do noso país presentan diante do mundo o noso patrimonio
cultural e artístico, ocultando sempre unha Galiza cunha
historia de seu. Nunca será unha viaxe culturalmente inútil. Estou seguro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario