17/08/16

O mesmiño que Piñeiro

Creo que a Ramón Piñeiro ninguén lle pode negar o seu galeguismo activo e o seu compromiso co país ao longo de toda a súa vida. Aínda que a súa traxectoria foi nefasta para o desenvolvemento normal do nacionalismo galego durante a ditadura, eu, desde logo, nunca sentín a necesidade de odiar a Piñeiro. Todo o contrario: creo que incluso lle cheguei a ter certo afecto, e iso que o tratei moi pouco. Mais sempre tiven moi claro o papel que Piñeiro xogou no combate contra a reorganización do nacionalismo desde comezos dos anos sesenta e a desafortunada que foi a súa estratexia política para o país nos tempos da Transición. Por suposto, o primeiro aínda ten unha explicación, porque Piñeiro nunca foi nacionalista, e ademais era profundamente anticomunista, e xa se sabe en que coordenadas ideolóxicas estaban moitas das persoas que crearon Brais Pinto, o Consello da Mocedade ou a UPG. O segundo, a súa estratexia na Transición, si que non se explica tan doadamente. A súa negativa a refundar o PG, igual que antes a súa oposición a aceptar a representación dun órgano como o Consello de Galiza, privou ao noso país de ter unhas organizacións e institucións políticas vencelladas ao nacionalismo da República, xusto cando máis se precisaba da participación e do aval do nacionalismo e do galeguismo histórico, aínda que só fora testemuñal. O punto de partida na Transición puido ser diferente para Galiza se o piñeirismo contemplase outro futuro para a nosa nación e outro papel para as forzas políticas propias. Pero Piñeiro tiña o seu proxecto de país, que chocaba frontalmente co nacionalismo galego e que encaixaba perfectamente dentro da reforma política de Suárez. E por iso, a pesar de non liderar ningún partido, Piñeiro puxo en marcha Realidade Galega como núcleo de opinión por riba das expresións partidarias e manobrou con grande habilidade para ter presenza en todas as frontes que ían ser decisivas nese período histórico: a Xunta preautonómica (Antón Rosón), o Goberno galego (Fernández Albor), a Delegación do Goberno (Domingo García-Sabell), e cando en 1981 chegan as primeiras eleccións autonómicas, xa Ramón Piñeiro ten persoas da súa confianza nos tres partidos de ámbito estatal: Fernández Albor en AP, Marino Dónega na UCD e Carlos Casares, Benxamín Casal e Alfredo Conde no PSOE, no que tamén se integra el como “galeguista independente”. Menos reforzar o nacionalismo galego, todo. Foi a súa estratexia: levar o galeguismo aos partidos estatais e deixar fóra de xogo o que el non podía controlar: o nacionalismo galego. Esa si que foi a verdadeira liquidación do ideario do vello Partido Galeguista. Desde a morte de Franco para acó, Ramón Piñeiro foi o primeiro en traballar activamente desde o galeguismo político para lexitimar os partidos da metrópole diante da sociedade galega. Varias décadas despois o resultado político desa estratexia tamén está á vista: un país politicamente decapitado.

Penso que non é preciso que escriba aquí a crónica da última operación política que comezou en 2012 e que aínda está en marcha, porque todas e todos a coñecedes. Mais eu teño moi claro que alguén, no seu epílogo, fixo o mesmiño que Piñeiro, porque cómpre lembrar que non estamos só ante o intento de destruír unha organización política nacionalista como o BNG, senón ante unha estratexia que procura dinamitar a idea de que o pobo galego pode erguer a cabeza por si mesmo e coas súas propias forzas políticas, ante unha estratexia que intenta dinamitar a propia idea do nacionalismo como alternativa política para o país. E todo este proceso para que, Xosé Manuel? Se do que se trataba era de ter unha persoa galeguista e federalista para encabezar o Goberno galego, hai decenios que xa tivemos ese perfil: Ramón Piñeiro, Fernando González Laxe, Ceferino Díaz… Non facía falta reorganizar o nacionalismo no 82. Chegaba con incorporarse ao PSOE e nutrir así a súa corrente galeguista, tal e como fixeron algúns pexegos despois do 77. Dubido que a persoa que tanta ilusión produce agora nalgunhas mentes de pensamento nacionalista subscriba a defensa activa do Preliminar e da Base primeira das Bases  constitucionais para a participación da Nación Galega nun Pacto Federal. Ben sabedes: “Conforme ao principio de autodeterminación nacional a soberanía política en Galicia corresponde ao Povo Galego …”. Até aí chegamos no retroceso da defensa política do país. Talvez alguén ten que ler ou reler o ensaio de Beiras Constitución española e nacionalismo galego: unha visión socialista. Entre o que se di nese texto e o que expresa Luís Villares unha e outra vez a propósito da Constitución non hai unha milla, hai vinte millas. Sinceramente, eu vexo a Villares máis próximo ao documento que elaborou Ramón Piñeiro no 77 dirixido aos partidos políticos que á filosofía das Bases Constitucionais. E cada quen é moi libre de regresar ao galeguismo de Piñeiro ou ao ideario nacionalista de Castelao, moi libre de ilusionarse coa creación dun novo partido político na Galiza que ocupe o espazo social e electoral do PSOE ou de seguir firme no compromiso cunha alternativa nacionalista para o país, un esforzo non pequeno, que vai sempre parello á creación da conciencia de país e da autoorganización. Se plantamos eucaliptos non recolleremos cereixas. E aínda moitas e moitos de nós soñamos cun país que sexa un inmenso cereixal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario