25/08/16

Marea Morada: a última metamorfose da esquerda española

Non é nada novo na historia contemporánea de Tagen Ata. Sucedera xa co PSOE nos tempos da Transición. Daquela o principal damnificado fora o PSG. Algúns coñecen moi ben aquela historia. Os que resistiron no medio daquela treboada tiveron incluso que crear un slogan para dicir o que nunca antes fora preciso: “Os socialistas galegos somos nós”. E nin con iso. A marea do socialismo de Felipe González, coa axuda da Fundación Ebert e do propio Dieter Koniecki, arrasou co pequeno partido dos pexegos. Pouco despois, dentro da operación para ocupar definitivamente o espazo do socialismo galego, dous ex-militantes do PSG mesmo eran elexidos para a presidencia e a secretaria xeral da sucursal do PSOE en Galiza. Lembrades os seus nomes, verdade? Francisco González Amadiós, Panchulo, que logo, co paso do tempo, acabaría militando no BNG, e Xosé Luís Rodríguez Pardo, este último nada menos que unha das persoas que participara na fundación do PSG, o 23 de agosto de 1963, no despacho de Sebastián Martínez-Risco, baixo a atenta ollada, tamén aquel día, de Ramón Piñeiro. Nese proceso de acumulación de forzas para facer máis forte entre nós as siglas do PSOE, deixar sen espazo social e electoral ao nacionalismo galego de esquerdas e aparecer diante do noso pobo como única alternativa política para derrotar á dereita de Alianza Popular e da UCD foron moitas, desde logo, as persoas de procedencia galeguista que neses anos deron o paso de incorporarse ao PSOE, agora xa denominado PSdeG-PSOE. E case toda aquela xente  -é preciso lembralo- ocupou importantes cargos: no Congreso, no Senado, en Europa, no Parlamento galego e tamén no Goberno autonómico, con Fernando González Laxe como presidente da Xunta. Laxe, por certo, fora en xuño do 77 no número 3 na lista do PSG que encabezaba Beiras.

Xa sei, xa sei, diredes que sempre estou a falar do pasado. Equivocádesvos: estou a falar do presente, do que está a acontecer hoxe mesmo, aquí e agora. Abride ben os ollos e veredes neste espello histórico unha metamorfose actual da esquerda española, con outros nomes, claro que si, con outras siglas, con outros protagonistas. Hai quen incluso segue na película, con outro papel moi diferente. Semella que dun tempo para aquí hai quen está a andar en sentido inverso o camiño que fixera durante toda a vida, desde a adolescencia. Pero non vos enganedes: cunhas siglas ou con outras, con atrices e actores do país ou cos que veñen de Terra Ancha, estamos diante da mesma farsa, da mesma operación política. Foron moi clarificadoras para min as palabras de Carmen Santos despois das primarias de En Marea: “temos que facer un sobresforzo para traballar nas provincias do interior e nos espazos rurais”. Ese territorio aínda non o puideron conquistar, de momento.  A nova esquerda española intenta o de sempre: ocupar o lugar das forzas políticas propias, como noutrora o fixo o PSOE. Por iso eu convídovos en primeiro lugar a rebelarvos contra a amnesia. Recuperemos a memoria, a cultura histórica, porque é o mellor antídoto contra a mentira política. Ningún proxecto político que intente construír un tempo novo  pode prescindir do coñecemento do pasado, do coñecemento da experiencia. Cómpre, pois, que utilicemos a memoria histórica para iluminarnos nun momento tan confuso como o que estamos a vivir.

Nesta encrucillada na que nos atopamos debemos saber que non todos os camiños levan a un proxecto de país, a unha Galiza de seu, a unha nación soberana. Coñecer en profundidade o que o PSOE fixo na Transición cos partidos socialistas da periferia é un exercicio intelectual imprescindíbel para comprendermos o porqué de Marea Morada. É a vella farsa, a de Santiago Casares Quiroga con ORGA, a do PSOE de Felipe González, sempre unha idea de cambio político, de posibilidades de éxito electoral, unha idea ilusionante que sempre conquista, ademais, persoas de corazón nobre e mente lúcida e de fondas conviccións galeguistas ou nacionalistas. Antón Vilar Ponte foi o primeiro en sumarse a aquel proxecto republicano e galeguista que ía ser dirixido pola propia xente da Irmandade da Fala da Coruña. Tal é a necesidade de defender e de construír o país, de erguer a esperanza, de alcanzar outros horizontes de dignidade, de xustiza social e de progreso para a nosa Terra, que até algúns mestres caen vencidos ante a ilusión que unha e outra vez nos chega de Terra Ancha. E unha e outra vez todo resulta unha farsa, unha enorme decepción. E Marea Morada non será tampouco unha excepción. Asegúrovolo. Algúns e algunhas xa o estades a ver con claridade e talvez con amargura. A vós me dirixo, a vós, os inadaptados que un día soubestes de Arredor de si e xa nunca máis deixastes de ver a Galiza cos ollos de don Ramón Otero Pedrayo. Permitídeme que vos diga que aínda é hora de reflexionarmos, de analizar as consecuencias de votar dunha ou doutra maneira o vindeiro 25 de setembro. Non é posíbel que persoas coma vós, de pensamento galeguista ou nacionalista, que acreditades no país e na nosa dignidade como pobo, aceptedes con entusiasmo unha candidatura provincial que non é outra cousa que unha lista da nova esquerda de obediencia metropolitana ou aceptedes como algo normal a máis que probábel participación activa na próxima campaña electoral de dirixentes de Terra Ancha como Pablo Iglesias, Íñigo Errejón ou Alberto Garzón. Somos ou non somos unha nación que quere autogobernarse, ser dona do seu presente e do seu futuro? Dicídeme, meus vellos amigos, camaradas de tantas e tantas batallas: cando fixo o nacionalismo galego unha campaña electoral para a Cámara galega con estrelas da política española? É ou non é iso absolutamente contraditorio cun “suxeito político galego” que se proclama partidario do autogoberno? Creo que nin desde unha visión nacionalista nin sequera desde un pensamento galeguista se pode aceptar esa presenza política da metrópole. Xa está ben de que nos veñan ilustrar e guiar os da Cumplutense, a nós, que xa nos tempos do reino de Gallaecia tivemos a Escola de Santiago, alumnos e profesores galaicos nas universidades de París e Boloña e un rei galego e un arcebispo de Compostela que fundaron a Universidade de Salamanca. É ou non é así, Camilo? Sabede tamén que as vosas irmás e os vosos irmáns nacionalistas sempre estararemos no alboio, á porta da casa, para recibirvos cos brazos abertos, co corazón limpo, coa ollada cálida e o brillo da emoción nos ollos. Hai leccións que se aprenden para sempre, e nós nunca poderemos esquecer a lección de Castelao dándolle unha fonda aperta ao seu vello irmán Antón Vilar Ponte.

Se nestas vindeiras eleccións exercemos o noso voto coa responsabilidade política, co sentimento de irmandade e coa lucidez que o país esixe de todas e todos nós, Ana Pontón, Luís Bará, Olalla Rodil, Noa Presas, Mini, Rosana, María Xosé Bravo, Manuel Polo, Mario Outeiro, Montse Prado, Marta da Costa… merecerán a confianza e o apoio de miles de persoas que queren un futuro diferente para Galiza. Seguramente non é a alternativa nacionalista que moitas e moitos desexarían, pero aquí e agora non hai máis nacionalismo organizado que o que representa, con acertos e con erros, o propio BNG. Aceptar esta realidade e actuar en consecuencia é, creo eu, un primeiro paso para que o nacionalismo galego, no período político que este outono se abre, teña o maior peso posíbel na Cámara galega e poida ser aínda máis determinante na construción dunha alternativa de goberno para o país, pensada e elaborada programaticamente desde a perspectiva dunha nación oprimida como a nosa. Non é un desexo. É realismo político. Da presenza e do peso que acade o nacionalismo no próximo Parlamento galego vai depender que consigamos ser un país con dinámica propia, de seu, ou sexamos unha autonomía máis, sen outra aspiración política que sermos unha autonomía simplemente mellor xestionada.

Nos altos cumes de Manzaneda, resistindo os duros invernos, golpeda e ferida / por ventos, neves, xistras e xeadas, habita unha humilde planta que coñecemos polo nome de xenciana ou xenciá e que florece  nos días de outono, cando outras moitas flores murchan. Esta planta, que foi cantada polo poeta Manuel María en delicados versos e transplantada polos nosos mestres canteiros nas pedras de Santa Cristina e San Estevo de Ribas de Sil, é tamén un fermoso símbolo da resistencia e da permanencia da beleza no medio da invernía. Así é o nacionalismo galego, como a xenciana.

Ningún comentario:

Publicar un comentario