Dentro do nacionalismo galego e
do galeguismo político non hai un único proxecto de país. Nin o houbo no seo
das Irmandades da Fala, nin no Partido Galeguista de Castelao e Alexandre
Bóveda nin no BNG da época máis exitosa. O que si que creo é que todas as
persoas que se moven dentro das coordenadas do pensamento nacionalista, militen
ou non nalgunha organización política, acreditan en Galiza como nación e no
noso dereito a estarmos no mundo como unha nación. Até aí estamos todas e todos
de acordo. O problema está no camiño que cada quen pensa que é o mellor para
conseguir ese obxectivo. O problema está na práctica e na estratexia política
que cada organización escolle. O problema está incluso nos límites que cada
forza política pon no campo das renuncias ideolóxicas, nos mínimos que
estabelece para non perder o seu ideario e a coherencia política ou na súa
capacidade para moverse con certo pragmatismo, con flexibilidade e con
habilidade no sempre complexo escenario da política institucional. O problema
mesmo ten a ver coa maneira de defendermos as nosas ideas fronte á sociedade,
coa actitude que temos fronte aos demais, coa cordialidade ou a agresividade do
discurso que facemos, co optimismo ou co pesimismo que expresamos coas nosas
palabras e cos nosos xestos. Todo iso nos aproxima ou nos distancia, nos leva a
militar ou a simpatizar cunha organización nacionalista ou con outra. Creo que
sería ben que aceptásemos dunha vez esta realidade sen negarlle a ninguén o seu
dereito a reivindicar e a defender o seu pensamento nacionalista. Outra cousa é
a práctica, que é algo obxectivo, constatábel, e que pode ser moi contraditoria
coas ideas que dicimos profesar.
É aquí, na práctica política,
onde debemos ver se o que facemos fortalece ou debilita o nacionalismo como
alternativa de goberno para o país, se coa nosa estratexia partidaria somos
quen de conseguir que o potencial nacionalista e galeguista que existe na
sociedade galega se exprese con toda a súa forza, tamén no plano electoral. E,
fundamentalmente, se o nacionalismo que practicamos favorece a construción da
nación galega. Ao meu xuízo, pola experiencia que eu mesmo vivín, desde o 2002
para acó dedicamos máis enerxías a destruír que a construír, e, desde logo, a
ruptura da unidade do nacionalismo tras a Asemblea de Amio, a creación de AGE e
posteriormente a aparición de Podemos e
das Mareas debilitou o nacionalismo como motor principal da nación galega. E os
datos están aí: hoxe o polo nacionalista é moito máis débil que o polo non
nacionalista e a sociedade galega está moito máis españolizada que antes de
2012. Isto é así obxectivamente: o BNG obtivo no ano 2001 17 deputadas e
deputados no Parlamento galego, 13 actas en 2005 e 7 en 2012. Neste mesmo ano
aparece AGE con 9 actas na Cámara galega, das que 5 pertencen a Esquerda Unida
e 4 a Anova (hoxe esta formación ten 2 deputados). É dicir, que tras o
esgazamento do nacionalismo, neste momento no Parlamento galego hai 7
representantes do BNG, 2 de Anova e 2 de Cerna. En total 11 deputadas e
deputados. Á luz deste mapa político, permitídeme que formule en voz alta a
seguinte pregunta: sinceramente mereceu a pena a ruptura do nacionalismo para
conseguirmos isto? Ten máis presenza social e institucional e é máis
determinante hoxe o nacionalismo galego que antes de 2012? Por favor, fagámonos
estas preguntas.
Cómpre, ademais, reflexionarmos
tamén sobre o espazo que ocupaban na política galega os partidos estatais antes
da ruptura de Amio e o que ocupan agora. Por dicilo con claridade: as
organizacións comprometidas -cando menos teoricamente- coa construción da
nación galega, ¿teñen neste momento menos ou moitas máis dificultades para
lograr que o nacionalismo galego sexa de por si unha alternativa de goberno
para o país? É hoxe o nacionalismo galego máis determinante para o cambio
político en Galiza? Que polo se reforzou máis nos últimos anos, o polo
nacionalista ou o polo das forzas estatais? Para min as respostas están moi
claras, e creo que deberían estar igualmente claras para calquera persoa, a non
ser que alguén pense que EU, Podemos e algúns dirixentes das Mareas traballan para
construír unha Galiza coa soberanía política necesaria para sermos unha nación
no mundo. Eu, por suposto, a esa inxenuidade aínda non chego. E se hai persoas
e organizacións dentro das coordenadas do nacionalismo galego que, a pesar de
non acreditar en que EU e Podemos teñan como obxectivo político unha Galiza
soberana, o país polo que sempre loitou o nacionalismo galego, non teñen a
honestidade política de manifestalo publicamente para dese xeito protexer a
“unidade popular”, creo que esas persoas e esas forzas políticas máis que
construír unha alternativa programática desde o nacionalismo están a fabricar
unha alternativa electoral que dinamite o apoio social e electoral ao
nacionalismo galego, e xa non falo só do nacionalismo que hoxe representa o
BNG, senón do nacionalismo que potencialmente podería haber no país se cando
menos houbese unha unidade electoral entre as forzas políticas propias, algo
que, por outra parte, non tería que ser incompatíbel con intentar gañar o apoio
de todo ese corpo social que neste momento mira para Podemos e para as Mareas
como posibilidade real de cambio político en Galiza. De feito o nacionalismo
galego, sen deixar de actuar como tal, xa conseguiu na década dos noventa gañar
o apoio de miles de persoas que eran votantes do PSOE. Ese debería ser de novo
o noso horizonte máis inmediato: traballarmos con intelixencia
para sumar sociedade para unha alternativa de goberno formulada desde o
nacionalismo, desde o conxunto das forzas políticas propias, e non para
fortalecer o centralismo político e un papel cada vez máis determinante dos
partidos estatais no noso país. Porque sen o nacionalismo non hai construción da nación galega. Velaí a
única certeza que eu teño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario