Son dos que pensa que desde mediados dos setenta para acó o
nacionalismo galego, no seu conxunto, non sempre soubo cooperar e aproveitar
todas as posibilidades que o contexto político lle ofrecía. Estou convencido de
que foi un grande erro político desfacer o Consello de Forzas Políticas
Galegas, xusto cando se estaba a abrir o proceso da Transición e cando todo
estaba aínda por facer. Estou convencido de que tras o fracaso electoral do
nacionalismo galego nas eleccións de xuño do 77 tiñamos a obriga de darlle ao
país unha candidatura unitaria nacionalista e galeguista. E non o fixemos. Estou
igualmente convencido de que a xente do BNG e de Esquerda Galega tardamos moito
tempo en camiñarmos xuntos e incluso desaproveitamos a opción de conformarmos
unha coalición electoral para as Cortes, que tan positiva sería para Galiza.
Recordemos que desde 1977 a 1996 o noso país non contou cunha forza política
propia nas Cortes. E todo iso, claro está, non nos axudou a crear conciencia de
país nin a actuarmos con máis éxito na defensa dos nosos sectores produtivos,
tan ameazados de morte desde o Goberno central e desde a Unión Europea durante
todos eses anos. Faltounos talvez a
humildade de recoñecermos a nosa debilidade como forza motora do cambio
profundo que o país precisa e tampouco tivemos a xenerosidade necesaria para buscarmos
a unidade electoral do BNG-EG nos anos oitenta, non só para as eleccións
galegas e ao Congreso, senón tamén para as eleccións municipais. Aínda hoxe
lembro a expresión que me puxo Xosé Manuel Beiras cando entrando nun
restaurante de Espasante, tras un mitin en Ortigueira, se me ocorreu suxerirlle
que talvez deberiamos buscar algún acordo entre o BNG e EG para as eleccións
xerais.
O que si nunca fixeron o BNG e Esquerda Galega foi
desfacerse como organizacións políticas para fortalecer a presenza
institucional e a introdución social dos partidos políticos estatais no
escenario político galego. Como tampouco fixo iso o Partido Galeguista de Castelao,
que apenas sufriu baixas cando a excisión da Dereita Galeguista. O nacionalismo
galego tivo sempre moi claro que o que máis precisa o país é a unidade das persoas
que consideramos a Galiza a nosa única nación e que non temos outra bandeira
máis que a súa defensa. Desa idea nacen as Irmandades da Fala, nace o Partido
Galeguista, a AN-PG, o Consello de Forzas Políticas Galegas e algúns anos
despois o Bloque Nacionalista Galego. Podemos discutir se o nacionalismo galego
debe estar hoxe nunha única organización ou en diversas opcións partidarias.
Podemos debatir formas organizativas, métodos de traballo e discurso. Podemos
facer un proxecto máis alcanzábel ou máis irrealizábel, partindo do que somos
como movemento político e de onde estamos como nación. Pero hai debates e
camiños que só conducen á claudicación do ideal e á nosa autodestrución como
pobo en marcha.
Ao meu ver, sempre ao meu ver, o nacionalismo galego, nesta
complexa e difícil encrucillada, ten fundamentalmente dúas opcións: queimar a
súa longa traxectoria histórica ao servizo do país nunha efémera plataforma
electoral con organizacións estatais, eliminando así a contradición principal
forzas propias/partidos estatais, ou construír, desde a irmandade e a
xenerosidade, un proxecto alcanzábel de país, plenamente noso, impulsado por
forzas políticas propias, co seu centro de decisión en Galiza. Sabemos que esta
última opción é a que presenta maiores dificultades e a que esixe máis esforzos,
mais tamén temos a certeza de que é a única alternativa que abre un camiño máis
seguro para conseguirmos un verdadeiro autogoberno, esa soberanía política pola
que loitaron as irmás e os irmáns das Irmandades da Fala e do vello Partido
Galeguista, centos de persoas que, como ben sabemos, acabaron sendo vítimas da barbarie e do terror do 36.
A súa memoria e o sufrimento e a coraxe de todos aqueles homes e todas aquelas
mulleres non nos permite actuar con covardía na defensa firme do noso ideario
nacionalista, por moi adverso que hoxe sexa o contexto político. Só temos que
lembrar as palabras e a lección de Alexandre Bóveda diante do tribunal fascista
que o condenou á morte.
Ningún comentario:
Publicar un comentario