Meu vello amigo e admirado poeta:

A outra grande reflexión que
fixeches nese mitin de Vilalba é que agora “En Marea é a forza das esquerdas
galegas e o voto útil da xente común”. E eu pregúntoche, Miguel Anxo, e cando
en 1977 o BN-PG obtiña 22.771 votos (o 1,98%), o PSG 27.197 (o 2,36%) e o PSOE
175.127 votos (o 15,20%), onde estaban as maiorías sociais de esquerda e a xente do común? E cando en 1986 o BNG
conseguía 27.049 votos (o 2,08%) e o PSOE 458.376 votos (o 35,27%), onde estaba
o corpo social de esquerdas e a xente do común deste noso país, apoiando ao
PSOE ou respaldando o nacionalismo galego? Si, Miguel Anxo, todas as razóns que
vós atopades agora para confluír coa esquerda estatal, coa nova e mais coa
vella esquerda española, puidémolas ter no 77, no 79, no 82, no 86…, porque a
grande maioría social que se move simplemente en coordenadas de esquerda ou
incluso dunha certa esquerda galeguista estivo sempre, agás nos anos noventa,
arredor do PSOE, e non por iso deixamos de reafirmarnos, verdade, na construción
do proxecto común nacionalista, na autoorganización política, na confianza en
nós mesmos, na creación da conciencia nacional. Dá a impresión que agora hai
quen pensa máis “no ideal da victoria que na vitoria do ideal”. E non me
poderás negar que o resultado de toda esa vosa estratexia é un polo
nacionalista galego máis débil e unha sociedade galega cada vez máis
españolizada. Se hoxe Anova concorrese en solitario ás eleccións seguramente non
obtería nin un só deputado, porque vós mesmos lle abristes as cancelas aos
partidos estatais e lle destes unha lexitimidade diante da cidadanía galega que
hai uns anos non tiñan en amplos sectores sociais. Voucho dicir con
sinceridade: eu vexo na vosa práctica política unha deserción clamorosa no
combate intelectual e político por crear conciencia nacional, por fortalecer
unha dinámica política de país e por consolidar unhas forzas políticas propias que acaben por
liderar a alternativa política para Galiza. E non me digades que agora hai unha
emerxencia social que xustifica esa estratexia de unidade electoral coa
esquerda estatal, porque o noso país, Galiza, está nunha situación de
emerxencia desde hai decenios. E tampouco me recordedes, por favor, o da Frente
Popular, por decencia intelectual, porque non resiste a máis mínima comparación
histórica. Desde o noso escaso saber xa o temos comentado noutras ocasións,
pero moito mellor ca min xa o explicou o profesor Xavier
Vence nun magnífico artigo hai varios anos, despois das eleccións galegas de
2012 (“Castelao, Bóveda e o nacionalismo esgazado”).
En fin, Miguel Anxo, que queres
que che diga? Para min aínda seguen a ter plena vixencia estas palabras que
escribiu quen ti ben sabes: “case nunca un país colonial precisado dun proceso
revolucionario elixíu en votacións de democracia burguesa aos seus afervoados
loitadores, aos seus máis lúcidos organizadores, aos seus auténticos líderes”. Alexandre Bóveda é o mellor exemplo.
De irmán a irmán.
Ningún comentario:
Publicar un comentario