Unha das cousas máis
sorprendentes que se dixeron nos últimos anos sobre Manuel María lémoslla a
Alonso Montero pouco despois da morte do poeta. Nun traballo que o actual
presidente da RAG publicou naquelas datas no Caderno de Estudios Chairegos dicía que fora el o que polo outono
de 1961, nun café da cidade de Lugo,
nunha longa conversa que mantivo con Manuel María, orientou o poeta
chairego cara á poesía social, unha poética da que disque aínda daquela non
estaba moi próximo Manuel María. Só habería que ler algúns poemas de Mar Maior escritos antes de 1960 e,
desde logo, os Documentos persoais (1957),
para observar como Manuel María abandona progresivamente a poesía da angustia, a poética existencial, para
ir abrazando un canto a cada paso máis social, máis realista, e máis firme e
contundente no compromiso co país. Esta evolución na súa obra nada ten a ver
con Alonso Montero nin coas súas recomendacións literarias.

Outro día, se temos tempo e a
oportunidade de facelo, aclararemos tamén a apertura á paisaxe nas novas voces
poéticas da posguerra para ver como Manuel María xa estaba alí co Poema ao Miño e co Terra Chá cando Uxío Novoneyra chegou co seu canto do Courel. E se
un día nos animamos, intentaremos aclarar como os versos de Manuel María da súa
última etapa creativa non acompasan o seu andar ao ritmo dos poetas da década
dos oitenta, como algún crítico escribiu, sinxelamente porque unha parte deses
poemas xa estaban escritos cando esas novas voces chegaron á poesía galega. Sería
máis xusto dicir que eses e esas poetas viñeron acentuar o cambio de rumbo na
poesía que estaba tamén xa presente no canto de Manuel María desde mediados dos
setenta, en libros como Poemas ao Outono,
Cecais hai unha luz ou Poemas da labarada estremecida.
Manuel María, abrindo sempre camiños
na literatura galega.
Ningún comentario:
Publicar un comentario