Hai que recoñecer que non foi nada doado para as primeiras
xeracións que protagonizaron a reorganización do nacionalismo galego nos anos
sesenta decidir estratexias e tácticas no tempo da Transición. Neses momentos o
nacionalismo estaba como quen di na súa adolescencia. Ademais de enfrontarse a
un escenario político absolutamente descoñecido, aqueles homes e aquelas
mulleres da UPG, do PSG e da AN-PG nin sequera puideron contar nesa
circunstancia histórica coa experiencia política dalgunha figura do
nacionalismo da época da República, cunha personalidade que xogase un papel semellante
a un Josep Tarradellas, un Manuel de Irujo ou un Telesforo Monzón. Orfos dun
liderado que fixese de ponte entre o nacionalismo da preguerra e o novo
nacionalismo galego, co vello PG fóra de xogo desde os anos cincuenta, con
Ramón Piñeiro situado nunha estratexia moi diferente á do nacionalismo, e sen
saber aínda cal sería o respaldo electoral para cada unha das opcións partidarias,
as novas forzas políticas tiveron que decidir se reforma ou ruptura, se Xunta
Democrática ou Consello de Forzas Políticas Galegas, se Autonomía ou Bases Constitucionais, se comprometerse
co proceso autonómico que estaba a nacer ou cambatilo activamente desde fóra.
Demasiada responsabilidade política para uns dirixentes que pasaron
directamente da loita contra a ditadura a liderar o nacionalismo galego nun
contexto político tan complexo.
Hoxe, afortunadamente, temos perspectiva histórica da
Transición, coñecemos o que puido ser e non foi, todo o que perdeu Galiza por
non poder contar naquelas cortes do 77 con voces como as de Bautista Álvarez,
Xosé Manuel Beiras, Camilo Nogueira, Francisco Rodríguez, Francisco Carballo ou
Elvira Souto, e coñecemos igualmente o peso real do nacionalismo galego na nosa
sociedade, as súas fortalezas e as súas
debilidades. Somos conscientes tamén das oportunidades que perdeu o país ao
longo das últimas décadas e temos, ademais, luces suficientes para ver con máis
nitidez cada un dos pasos que deu o nacionalismo galego desde 1975 para aquí,
de ver os seus acertos e os seus erros, os seus éxitos e os seus fracasos. Hoxe
temos a obriga de aprender da experiencia, a obriga de acertar, de non
defraudar á sociedade actual e ás xeracións que han de vir, de non perder
ningunha oportunidade máis para o país. Galiza non pode prescindir do
nacionalismo nin o nacionalismo pode prescindir de ningunha posibilidade de defender o país. Precisamos dar un paso adiante coa
certeza de que nada é hoxe máis importante que construír o futuro entre todas
as galegas e os galegos que queremos un país diferente, un país que aproveite
todas as súas potencialidades para vivir dignamente da súa economía produtiva e
para ser unha nación no mundo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario