A recente e acertadísima decisión da Real Academia Galega de
dedicarlle o vindeiro Día das Letras Galegas a Manuel María será, sen dúbida
ningunha, unha magnífica oportunidade para redescubrirmos a figura inmensa do
poeta e, ademais, para redescubrirmos o país a través da súa amplísima obra e
da súa biografía, que non se poden comprender, nin a unha nin a outra, sen o
seu inquebrantábel compromiso co proceso histórico do nacionalismo galego desde
comezos dos anos cincuenta do pasado século. E, como non, teremos por fin a
posibilidade de reparar vellas débedas con Manuel María, unha delas, a súa
contribución á renovación poética dos setenta, e outra, a análise e a
valoración do seu último ciclo creativo, todo o corpus poético que coincide a
grosso modo co segundo volume da súa Obra poética completa, nada menos!
Quero lembrar aquí que incluso no Congreso que se celebrou
sobre Manuel María na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña tras o
seu pasamento, que foi, certamente, un Congreso importante, onde se presentaron
traballos moi valiosos para o coñecemento do escritor, houbo unha ausencia
clamorosa e inexplicábel: o estudo da súa última etapa creativa, a que vai de
1976 a 1995. Vaia, como se non existise o segundo tomo da súa Obra poética
completa! Abonda con dicir que un dos libros que abre ese canto final de Manuel
María (Poemas ao Outono) só merece once liñas de Marta Dacosta e ser citado
unicamente tres ou catro veces no conxunto das 374 páxinas das Actas do
Congreso Manuel María. Literatura e Nación. Sabemos que esta e outras
inxustizas serán reparadas ao longo dos próximos meses e que por fin poderemos
contemplar a Manuel María en toda a súa dimensión poética, que é enorme e dunha
riqueza extraordinaria.
Unhas das nosas teimas desde que comezamos a escribir de
Manuel María en 1980 foi situarmos tamén o seu nome na renovación que se
produciu na lírica galega desde 1975 e que abriu paso á expresión dos poetas
dos oitenta. Foi talvez a nosa principal obsesión en todo o que fixemos arredor
de Manuel María: reclamarmos para o grande poeta chairego un primeiro posto
entre os mellores poetas desa luminosa etapa da poesía galega contemporánea.
Nada nos alegrará máis que comprobar que o próximo Día das Letras Galegas vai
servir para redescubrir tres libros fundamentais na obra de Manuel María e na
poesía que se fixo en Galiza entre 1975 e 1980: Poemas ao Outono, escrito en
1976, Cecais hai unha luz, elaborado en 1979, e Poemas da labarada estremecida,
de 1980. E tras estes tres títulos, tan descoñecidos aínda hoxe, tan
inxustamente ignorados pola crítica, redescubrirmos o brillo todo do canto
final deste noso altísimo poeta. Só por ese gozo para cantas e cantos aman a
poesía e por esa emenda á crítica literaria das últimas décadas xa é importante
o Día das Letras de 2016.
Claro que os camiños que agora se abren ao redor de Manuel
María son múltiples e moi diversos: para a defensa do noso idioma, entroncando,
ademais, coa celebración do centenario das Irmandades da Fala; para coñecermos
mellor a importancia histórica e literaria do grupo xeracional do que o
escritor formou parte e a súa estreita relación cos homes da Xeración Nós,
especialmente con don Ramón Otero Pedrayo; para levarmos a obra de Manuel María
a todos os centros docentes de Galiza, para que a música, o teatro e o
audiovisual utilicen máis unha vez os textos do autor da Terra Chá, para termos
unha idea máis clara e máis firme de país, para entrarmos moitos e moitas por
primeira vez na súa Casa Museo en Outeiro de Rei… A verdade é que moi poucas
escritoras e escritores de nós nos brindan as posibilidades que nos ofrece a
figura de Manuel María para adentrarnos no coñecemento da literatura galega da
segunda metade do século XX e da historia política da nosa nación. E non só
iso: moi poucos autores teceron tanta amizade e tanta irmandade polo país
adiante como Manuel María. Cada unha e cada un de nós ten o seu Manuel María,
as súas vivencias con el, a súa lembranza do poeta, a imaxe del na retina e o
eco aínda da súa voz, e témolo tamén, naturalmente, sempre no corazón.
Nunca antes tantas persoas poideron axudar a reconstruír o
retrato humano e intelectual dun homenaxeado no Día das Letras como imos poder
facelo esta vez con Manuel María. É unha oportunidade extraordinaria para
facermos entre todas e todos un ano moi vivo das Letras Galegas. É unha fortuna
para o país.
Ningún comentario:
Publicar un comentario