Termos
autoestima como pobo, exercermos a nosa dignidade colectiva, defendermos o
propio, restaurarmos a nosa lingua e a nosa cultura, sermos responsábeis do
noso presente e do noso futuro, recuperarmos os sectores produtivos e
estratéxicos da economía galega, frear a sangría humana dos últimos anos, en
definitiva, deixarmos de ser un pobo prostrado fronte á metrópole, construírmos
o país, sermos unha nación no mundo. Velaí o que sempre moveu historicamente ao
nacionalismo galego, desde a primeira xeración galeguista. Velaí a nosa razón
de ser, desde don Manuel Murguía.
O nacionalismo
galego actual non pode dar nin un paso atrás na defensa do país e no mantemento
dunha dinámica política propia. Calquera estratexia electoral que deixe de ter
a Galiza como razón principal conduce inevitabelmente a unha maior
españolización da nosa sociedade e da política galega, ao debilitamento do
nacionalismo galego, e o que é aínda máis grave, á nosa irrelevancia política
como nación galega. Se desde unha óptica nacionalista ou galeguista non somos
capaces de ver isto é que temos unha grande confusión mental. A outra
explicación que se me ocorre é que teñamos decidido desertar da propia idea de
Galiza como “célula de universalidade”, que sería igual que recoñercermos que
erramos cando o nacionalismo galego creou o Partido Galeguista ou xa na
posguerra organización políticas como o Consello da Mocedade, a UPG, o PSG, o
BNG ou Esquerda Galega ou fórmulas como o Consello de Forzas Políticas Galegas.
Se algo
temos que aprender do pasado é a sermos máis humildes e a colocar sempre o país
por riba das biografías políticas, das necesidades organizativas e das
diferenzas ideolóxicas. Se facemos o exercicio de mirar para atrás, seguramente
foi un erro histórico que o BN-PG e Unidade Galega non fixesen unha coalición
electoral en 1979, despois do naufraxio das primeiras eleccións e despois de
coñecer o peso real que tiña o nacionalismo galego no conxunto da nosa
sociedade. Estou tamén convencido de que foi outro erro político que o BNG e EG
non concorresen nalgún momento nunha mesma fórmula electoral para as eleccións
ao Parlamento español. Faltou posibelmente xenerosidade e madurez política nas
dúas partes. O que desde logo nunca foi un erro foi traballar para dotar ao
país de forzas políticas propias. Por iso hoxe nos produce unha enorme tristeza
ver como hai quen pon o país ao servizo de dinámicas políticas alleas e de
organizacións da metrópole como Podemos. Ese non pode ser o camiño para Galiza.
Non será nunca o camiño para unha Galiza soberana.
Botar
ao PP das institucións e abrir un novo escenario político aquí e acolá é un
obxectivo que o nacionalismo galego pode e debe compartir con outras moitas
organizacións, nacionalistas e non nacionalistas, mais o nacionalismo galego,
se de verdade quere exercer como verdadeira expresión política do país e ser
útil á construción dunha nación libre, ao que endexamais debe renunciar é a
traballar activamente para que amplos sectores da sociedade galega teñan o país,
a súa situación, os seus problemas e o seu futuro, como centro das súas
preocupacións políticas. Galiza como ilusión e como tarefa, sempre. Sei,
sabemos todos e todas, que non é un esforzo doado, como tampouco o foi para as
xeracións que nos precederon, pero non hai outra maneira de construír país. Ou
o asumimos como ilusión e como tarefa ou renunciamos a que Galiza ocupe un
lugar diferente no conxunto das nacións. Até agora o nacionalismo galego sempre
optou polo primeiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario