Desde
1979 o nacionalismo galego non deixou de situar as transformacións que precisan
todos e cada un dos nosos concellos dentro dun proxecto de transformación
global do país. “Gobernemos nós na nosa Terra” fora o lema do BN-PG naquelas
primeiras eleccións municipais do posfranquismo. Seriamos uns ilusos se
pensásemos que o cambio político profundo que Galiza precisa viría tras lograr a
alcaldía dunha importante vila galega ou dunha das nosas cidades. Se así fose, despois de varios mandatos do BNG en
Allariz ou Pontevedra, cun traballo certamente modélico e recoñecido dentro e
fóra da nosa nación, estariamos xa atravesando do Caurel a Compostela por
terras liberadas. Mais non é así. Por iso as mulleres e os homes de Allariz e
de Pontevedra nunca deixaron de traballar arreo por un proxecto político de
país, enraizado en todo o territorio, con representación no conxunto das
comarcas e en todos os concellos, mesmo poñendo ao servizo do traballo
organizativo do nacionalismo algúns dos seus principais referentes. Iso si é
ter o país na cabeza, non circunscribir a política local a uns marcos
municipais, posuír unha práctica política realmente coherente co pensamento
nacionalista.
Quen
carece de capacidade para presentar unha alternativa política ao longo e ancho
do país dificilmente poderá derrubar o bipartidismo e o réxime do 78. Hai que
ser serios. Ningunha alcaldía, nin sequera a da capital de Galiza, terá nunca
máis valor político que o capital humano que representa unha base social
organizada no conxunto da nación. Outra cousa é que mediaticamente todos os
focos esteñan centrados nas cidades, desprezando, máis unha vez, os pequenos e
medianos concellos e a Galiza rural, onde centos e centos de persoas comprometidas
co nacionalismo galego loitan cada día non só por transformar o seu concello
senón tamén polo exercicio da democracia, nun contexto de combate político e de
silencio mediático que non todos os que encabezan as denominadas mareas e
candidaturas populares estarían dispostos a asumir. Algúns que falan acotío de
arrincar os marcos ben que se preocupan de amurallarse en tres ou catro prazas,
como se non houbese máis Galiza que a Galiza das cidades.
Unha
persoa de pensamento nacionalista ten que saber que ningunha representación
institucional, por moi relevante que esta sexa, é máis importante que un corpo
social organizado no conxunto do país. Para a implantación e o avance social
dunha alternativa política, para a consolidación de calquera proxecto político,
5, 10 ou 15 actas na corporación dunha cidade non terán nunca máis valor que
varios centos de concelleiros e concelleiras en toda a nación. Que ninguén nos
despiste. Non todo o que se magnifica é relevante para a marcha histórica dun
país e non todo o que se pregoa día tras día como politicamente irrelevante
deixa de nutrir as raíces máis profundas que alimentan a conciencia
revolucionaria e o porvir dos pobos. Non todo o que brilla é prata. Os espellos
tamén brillan cando lles dá o sol de fronte. Mais sería un espellismo pensar que é prata o espello que brilla. O compromiso,
o traballo e a ilusión de tantas persoas que loitan desde cada un dos seus
concellos por mellorar a súa realidade social máis próxima, mais tamén por unha
Galiza diferente, é, desde logo, a única prata de lei que neste momento brilla
diante dos meus ollos, cansos xa de contemplar tanto brillo de lata.
Ningún comentario:
Publicar un comentario