17/03/15

Deixemos de reclamar o Día Das Letras Galegas para Carvalho Calero: dediquémosllo!

Levamos quince anos, si, quince anos!, agardando un acto de elemental xustiza: que a Real Academia Galega recoñeza a inmensa figura de don Ricardo Carvalho Calero, que promova o seu estudo e divulgue a súa obra. E nada. Nin ao cumprírense os 50 anos da publicación da 1ª edición d´A xente da Barreira, nin os 50 anos da 1ª edición da súa Historia da Literatura Galega Contemporánea, nin os 50 anos da súa entrada na Universidade de Compostela como profesor de Lingua e Literatura Galegas, nin os 50 anos do seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, nin tampouco ao cumprírense os 10, os 20 ou os 25 anos da súa morte… Nada.  Xa cambiou catro veces a RAG de presidente e a institución da rúa Tabernas segue sen recoñecer a quen entrou nesa institución en 1958, nada menos que da man de don Ramón Otero Pedrayo, don Florentino López Cuevillas e don Xesús Ferro Couselo, a quen incluso tivo a oportunidade de ser nomeado presidente da Real Academia Galega tras a morte de Sebastián Martínez Risco e a quen en 1971 redactou as Normas Ortográficas da Academia Galega. Nin o seu vello amigo Francisco Fernández del Riego conseguiu desde a presidencia da Academia que lle dedicasen o Día das Letras Galegas, tendo que deixar o cargo con esa grande frustración persoal. De verdade, pode haber maior sectarismo que o que unha maioría de académicos da RAG exerce coa figura de Carvalho Calero? Podemos seguer a agardar algo dunha institución cultural que entre as súas normas non escritas ten a de non dedicarlle endexamais o Día das Letras Galegas a quen ousou defender unhas teses lingüísticas diferentes ás normas que aprobaron en 1982 a Real Academia e o Instituto da Lingua Galega?

Creo que chegou a hora de que tomemos a xustiza pola man. Non, non se trata de que nos presentemos un día a media tarde na rúa Tabernas e envelenemos a Alonso Montero cun riquísimo licor-café. Que Deus lle conceda longa vida a monseñor Alonso Montero e que a Real Academia Galega siga o seu camiño, transitando baixo a sombra de Domingo García-Sabell e pechándolle a porta da República das Letras a quen primeiro exerceu a cátedra do noso idioma en Mazarelos e fixo coa lingua galega unha altísima catedral. Non perdamos un minuto máis en propor, reivindicar ou denunciar. Ou é que acaso non hai vida fóra da Academia? Non haberá na cultura galega, entre os varios centos de persoas que non teñen asento na RAG, trinta persoeiros con altura académica e intelectual semellante ou superior á que posúen os trinta académicos e académicas de número da Real Academia Galega? Será tan difícil atopar trinta persoas na intelectualidade galega dispostas a reunirse nun lugar tan intimamente vencellado á biografía intelectual de Carvalho Calero e tan simbólico para a literatura galega como é a Casa da Matanza ou o Pazo de Trasalba para dedicarlle o 17 de Maio de 2016 a don Ricardo Carvalho Calero?

Non temos a menor dúbida de que nas tres universidades galegas e entre as escritoras e os escritores galegos de hoxe hai máis de trinta persoas dispostas a reparar esta inxustiza e a rehabilitar dunha vez a figura de Carvalho Calero, e a facelo, ademais, no transcurso dunha sesión académica e con toda a solemnidade que a ocasión merece. Eu podería escribir aquí os seus nomes, un a un, nomes todos eles ilustres, mais sei que non é preciso, porque todos estamos pensando nas mesmas persoas,  en todas esas mulleres e en todos eses homes que mantiveron con Carvalho Calero unha estreita amizade, que foron discípulos e discípulas del e que o seguen a admirar e a reivindicar no medio de todo ese inmenso silencio que existe sobre a súa obra. Si, chegou o momento de dicir abonda! Non podemos permitir que Carvalho Calero siga por máis tempo desterrado da cultura galega e de Galiza, sufrindo un exilio no seu propio país, sendo obxecto dunha desconsideración e dun desprezo que causa indignación e carraxe en calquera persoa que sexa sensíbel á inxustiza. Deixemos de redactar escritos de maldicir contra os acordos que se adoptan na rúa Tabernas. Deixemos de escribir do que fixo ou non fixo Filgueira Valverde, que ao fin e ao cabo non foi el o que tomou a decisión -esa si que non- de protagonizar o próximo 17 de maio. E, finalmente, deixemos tamén de reclamar o Día das Letras Galegas para don Ricardo Carvalho Calero: dediquémosllo! Dedíquenllo aqueles e aquelas que aprenderon de don Ricardo ciencia e amor a Galiza.

Carvalho Calero foi enterrado en vida e segue cunha enorme lousa enriba da súa obra 25 anos despois da súa morte, e non vai ser precisamente a RAG quen levante esa lousa para que o conxunto da cidadanía galega poida aprender do maxisterio de Carvalho Calero e gozar dos seus ensaios, da súa narrativa, da súa poesía ou do seu teatro. Ou asumen esa responsabilidade aquelas persoas que están vencelladas a don Ricardo por lazos académicos, literarios, persoais ou afectivos ou Carvalho Calero seguirá a estar proscrito durante decenios e decenios no país que el tanto amou e ao que dedicou toda a súa vida e todo o seu labor intelectual. E lémbrovos que no ano 2016 hai tres efemérides que nos dan pé a volver máis unha vez a don Ricardo Carvalho Calero: nesa data cúmprense 50 anos da primeira edición da súa Gramática elemental del gallego común, 40 anos da publicación da 3ª edición da Historia da Literatura Galega Contemporánea e 30 anos da aparición das Conversas en Compostela con Carballo Calero. Cantas efemérides máis fan falta para rescatar do ostracismo a obra toda de Carvalho Calero? Cantos anos máis terán que pasar para que Carvalho Calero deixe de ser considerado un herexe polos que gobernan as institucións da cultura galega? Cantas xeracións de galegas e galegos terán que verse aínda privadas de coñecer a súa obra en toda a súa dimensión e de admirar o seu inquebrantábel compromiso co país? Teremos que esperar acaso a que se cumpran 200 anos do seu nacemento para que Galiza redescubra a enorme figura de Carvalho Calero, unha das traxectorias vitais e intelectuais máis admirábeis que deu a nación galega? A que agardades, miñas amigas e meus amigos, meus admirados mestres, para restaurar con letra de monxe as páxinas do Libro de Ouro de Galiza nas que algunhas mentes malvadas borraron o nome de Ricardo Carvalho Calero? Hai alguén aí?



Outros artigos sobre o autor

Ningún comentario:

Publicar un comentario