Pouco importa que na colección permanente do Museo de Belas Artes da Coruña poidamos gozar coa contemplación da obra plástica de pintores como Pérez Villaamil, Ovidio Murguía, Sotomayor, Lloréns, Xesús Corredoyra, Carlos Maside, Colmeiro, Torres, Laxeiro, Urbano Lugrís, Luís Seoane ou Eugenio Granell. Pouco importa que a cidade da Coruña sexa tamén a cidade de artistas como Francisco Miguel, Álvaro Cebreiro, Luís Huici, Manuel Abelenda, Xulio Argüelles ou Felipe Criado. Pouca importa que teñamos no Casco Vello unha fundación que leva o nome de Luís Seoane, nada menos que un dos máis grandes artistas plásticos que deu o noso país. Pouco importa que nun corredor da deputación da Coruña teñamos unha das obras mestras de Isaac Díaz Pardo, un cadro que é necesario e urxente liberar para o deleite e a admiración do conxunto da sociedade. Pouco importa que hai só uns poucos meses tivésemos a oportunidade de ver unha magnífica retrospectiva de Manuel Colmeiro, por certo, o único pintor galego que pertenceu con Picasso á Escola de París. Nada de todo isto merece un minuto de atención para as actuais autoridades do Pazo de María Pita. Para esta xentiña, o noso nunca ten valor. Dá igual que sexa a lingua galega, Rosalía de Castro ou Urbano Lugrís. Viven con absoluto desprezo todo o que nos identifica co país e cunha cultura propia, todo o que nos reafirma na nosa condición de cidadáns e cidadás de Galiza. Si, é difícil atopar unha mostra de maior colonialismo cultural.
E non falamos por falar. A extraordinaria exposición de Colmeiro no Museo de Belas Artes da Coruña, con obras de todas as épocas, con pezas que nunca foran expostas até agora e coa súa serie de debuxos da guerra, igualmente descoñecidos, conformou unha das mostras máis ricas e máis interesantes que a cidadanía galega puido contemplar nos últimos anos. Mais non foi así. Case ninguén se enterou da exposición de Colmeiro. Nin a Consellería de Cultura, titular do Museo, nin o Concello da Coruña, que debería ser o primeiro interesado en publicitar a exposición, dedicaron o máis mínimo esforzo á publicidade da mostra. Para Colmeiro non houbo bandeirolas, nin ciclos de conferencias, nin visitas guiadas todos os días, nin amplas reportaxes nos medios de comunicación, nin sequera un simple díptico para a distribución masiva. Tampouco o Concello da Coruña quixo asociarse a esta exposición. O alcalde non apareceu nin no acto oficial de inauguración. Claro, Colmeiro é o pintor do traballo na terra, da labranza, da sega, das paisaxes galegas, das feiras, das campesiñas, das panadeiras, das lavandeiras… Demasiado mundo galego para unha mentalidade tan españolista como a das persoas que gobernan o Pazo de María Pita. Fronte a cadros tan espléndidos como Mulleres e paisaxe ou as Bañistas de Colmeiro, Carlos Negreira sempre preferirá unha acuarela como Angel Fernández de Soto con una mujer ou Dos desnudos y un gato de Picasso. Fronte ás pinturas dos mercados que fixo o grandísimo pintor de Silleda, Negreira pousa os seus ollos extasiados en cadros como Le Moulin de la Galette ou Les Amansts de la rue. Non importa a calidade da obra. Só a fama internacional do pintor.

Ah!, e non busquen na exposición do Museo de Belas Artes da Coruña unha referencia á relación de Manuel Colmeiro e Luís Seoane con Pablo Picasso en París. Camilo José Cela e Juan Pardo ocupan ese lugar. Só falta a foto de Carlos Negreira ollando extasiado no The Museum of Modern Art de Nova York Les Demoiselles d´Avignon.
Ningún comentario:
Publicar un comentario