22/02/15

As posibilidades políticas do nacionalismo galego

Desde o coñecemento que temos do fracaso político que supuxo para Galiza o período da
Transición, e sendo, ademais, plenamente conscientes do peso electoral que ten o nacionalismo galego no conxunto do corpo social do país, talvez resulta improrrogábel repensar inmediatamente despois das municipais, con serenidade e con realismo político, o que cómpre facer diante do proceso electoral das vindeiras eleccións xerais para lograr que a nación galega teña algo que dicir no escenario das novas Cortes, onde tanto nos xogamos como sociedade e como realidade política. Non podemos repetir erros históricos do pasado. Foron xa moitos fracasos políticos para o país. A  ruptura do Consello de Forzas Políticas Galegas e a posterior desunión do nacionalismo galego nos anos setenta fixo que aquelas primeiras e segundas eleccións xerais acabaran por traducirse nunha posibilidade perdida para a reafirmación política da nosa existencia como nación nun período no que aínda estaba todo por facer na política galega. Creo que a maioría do pobo galego aínda hoxe non se deu conta das consecuencias políticas que aquela frustración tivo para Galiza. Só hai que ver a situación na que estamos nós e a situación na que están Euskadi e Catalunya, onde as forzas nacionalistas foron as que de verdade marcaron o rumbo da acción de goberno. Chama a atención que esta cuestión endexamais forme parte das tertulias políticas que hai nos diferentes medios de comunicación, tan empeñados sempre en desprezar a importancia do nacionalismo galego para o progreso do país.

Galiza non pode quedar máis unha vez, nun momento tan crucial, sen unha ampla representación parlamentaria que defenda o noso dereito a decidirmos sobre o noso, o noso dereito a preservar e desenvolver a economía produtiva do país, o noso dereito a sermos unha nación con identidade propia e con capacidade plena para gobernarmos os nosos problemas. Esa bandeira ninguén a vai erguer no escenario estatal se non a ergue o nacionalismo galego. Mais o obxectivo tampouco debe ser aspirar a que o nacionalismo obteña dúas ou tres actas en Madrid. Cómpre que por unha vez sexamos máis ambiciosos, que vaiamos ás eleccións coa ilusión de quen sabe que é unha oportunidade histórica que non podemos deixar pasar, que Galiza non pode perder. Canto máis peso teñamos como nación, mellor situados estaremos para defender outro futuro para o país. E se outros explicitan que se presentan para gobernar España, nós deberiamos de trasladar á nosa sociedade a idea de que nos presentamos para conseguir un Grupo Parlamentario Galego . Abracemos con entusiasmo ese desafío. Non é o nacionalismo galego o que precisa esa ampla representación en Madrid. É Galiza, esta Galiza que se desangra día a día e que tanto nos fai recordar épocas pretéritas, a que necesita estar fortemente representada nas Cortes. Esta é, penso eu, a idea básica sobre o que habería que traballar, cun relato atractivo e integrador, cun programa que xire sobre a nosa dignidade como pobo e sobre o problema económico, fiscal e político de Galiza, cun discurso que resulte creíbel e comprensíbel para amplos sectores da cidadanía e que, ademais, sexa capaz de ilusionar, de chegar ao corazón, de movernos polo país.

Agora ben, se o nacionalismo galego, só coas súas siglas, non estivese en condicións de acadar ese obxectivo, creo que sería o momento de pensar moi en serio como se podería articular unha alternativa electoral arredor dun proxecto de país para ese proceso político concreto. Ese esforzo esixe necesariamente diálogo, vontade de entendemento, moita xenerosidade e un requisito mínimo irrenunciábel: a defensa firme de Galiza como nación. É imprescindíbel situar o país por riba das siglas, que nada ten a ver con pór o país ao servizo de siglas e de estratexias da metrópole. É xusto o contrario. Do que se trata é de que Galiza exista como nación no plano electoral, con todo o seu potencial, na súa pluralidade de voces, buscando a implicación de moitas persoas que nin sequera están actualmente organizadas. Esa é hoxe unha posibilidade política real do nacionalismo galego se sabemos combinar a fortaleza do nacionalismo coa búsqueda dunha resposta social e electoral á altura deste momento histórico, sen perder endexamais a referencia da nación galega, que é a nosa razón de ser. Se no seu día o nacionalismo foi capaz de elaborar as Bases Constitucionais e de crear a AN-PG, o Consello de Forzas Políticas Galegas e algúns anos despois o Bloque Nacionalista Galego, nas vindeiras eleccións xerais, tan determinantes para o futuro, o reto debería ser comparecermos diante da sociedade galega cunha oferta electoral que traballe para transformar o sentimento galego que si teñen a maioría dos galegos e das galegas en conciencia política de país, sen maximalismos, pero con ideas nacionalistas firmes. Para Galiza é unha necesidade alcanzar ese obxectivo se non queremos desaparecer como realidade política. Nunca tan necesario foi desde 1977. Calquera esforzo que se faga desde dentro ou desde fóra das organizacións políticas por reforzar a visión de país, por crear conciencia galega, será sempre positivo, pois, para facer de Galiza un suxeito político, unha nación en marcha.

Todo o que fagamos por construír ese camiño desde xa, contribuirá de forma decisiva a facer posíbel que no próximo outono poidamos ter a opción electoral que Galiza precisa. Nese sentido a forma de presentarnos á cidadanía nas municipais de maio pode axudar ou dificultar esa posibilidade política posterior. Calquera fórmula que non teña de fondo a visibilidade e a defensa política do país e a reconstrución da unidade do nacionalismo a curto prazo, cando menos no plano da acción política e no plano electoral, será un paso en dirección contraria para chegarmos á meta, para alcanzarmos unha representación propia en Madrid co respaldo social que a circunstancia histórica esixe. Quen renuncie a facer posíbel que Galiza exista como nación nos procesos electorais, abríndolle, ademais, as portas a unha aínda maior españolización da política galega, dificilmente poderá dicir que fala desde unha posición política nacionalista. Pensar que se pode estar a un tempo no campo do nacionalismo galego e máis en estruturas partidarias ou en dinámicas políticas de carácter estatal, na nosa opinión non deixa de ser unha fraude política máis. Desde logo non é unha estratexia para fortalecer o nacionalismo nin para situar o país no centro da preocupación política da sociedade galega, que en principio é ao que aspira calquera persoa de mentalidade nacionalista.

O BNG, por outra parte, á marxe do que fagan os demais, e no meu humilde entender, debe facer desde este mesmo momento un grande esforzo por situar na opinión pública galega a importancia do traballo parlamentario do nacionalismo galego en Madrid, coas preocupacións da sociedade e cos problemas específicos de Galiza como pano de fondo, mais tamén cunha certa visión histórica dese labor, desde a época da República á actualidade, desde Castelao a Rosana Pérez Fernández, destacando o que significou para o noso país a presenza do nacionalismo galego no Congreso con voces como as de Castelao, Antón Vilar Ponte, Ramón Suárez Picallo e don Ramón Otero Pedrayo; o que supuxo para Galiza estar ausente como nación na época da Transición; o inxente labor que fixo o BNG nos últimos anos por darlle voz ao pobo galego nas Cortes españolas e o moito que se xoga o noso país na encrucillada das próximas eleccións xerais. Non podemos perder de vista o principal obxectivo da nosa representación no Congreso, que non é outro que asegurar a existencia de Galiza como nación e a defensa dos intereses da sociedade galega, máis aló das preguntas, interpelacións e proposicións non de lei concretas que se presentan naquela cámara.

Diante do constante ocultamento mediático da presenza do BNG nas Cortes, tanto nos medios públicos como na prensa “rexional”, non temos máis opción que poñernos todas e todos nós mans á obra. Se nós non o facemos, ninguén o vai facer por nós. Creo que non debemos deixar este traballo para máis adiante, porque é perfectamente compatíbel coa axenda política de maio, e mesmo a reforza. Cómpre, ademais, implicar nese labor aos militantes que moi dignamente nos representaron en Madrid desde 1996 e a outras persoas de relevancia e prestixio social, mesmo persoas independentes, que poden falar dos períodos históricos anteriores á existencia do BNG e da necesidade de reforzar a presenza do país nas institucións estatais nun momento tan decisivo. Esta é, ao noso xuízo, unha tarefa moi necesaria, indispensábel, cando menos nas cidades e nas principais vilas do país, un labor que debemos levar a cabo procurando sempre transcender o corpo organizado do nacionalismo.

Lamentabelmente non abonda co enorme traballo que día tras día fan no Parlamento español as deputadas Olaia Fernández Davila e Rosana Pérez Fernández. Ese traballo hai que poñelo en valor, temos que poñelo en valor entre todas e todos nós. Non ten sentido que reclamemos máis peso político para Galiza no Congreso dos Deputados e non reivindiquemos e difundamos con máis orgullo o que xa fixemos alí durante cinco lexislaturas, desde a chegada á Carreira de San Xerome de Francisco Rodríguez e Guillerme Vázquez en 1996, unha data que marcou un antes e un despois na atención aos problemas de Galiza nos debates parlamentarios. É necesario que a sociedade no seu conxunto visualice ese labor parlamentario e vexa a necesidade de asegurar a presenza do nacionalismo galego en Madrid, incluso cunha representación máis ampla, máis potente. Se xa é difícil trasladar á nosa sociedade isto, que certamente o é, e máis nestes tempos onde os parlamentos foron substituídos polos platós de televisión, moito máis difícil pode ser aínda se o deixamos para o outono. Se somos capaces de dar o coñecer e poñer en valor o traballo realizado até agora, estaremos en condicións de abrir unha etapa de moitas posibilidades políticas para o noso país e para o nacionalismo galego. “Galiza é un país grande con moitas posibilidades. Non perdamos a esperanza”, dicía Francisco Carballo, sempre con aquel seu sorriso nos labios e coa melancolía de Virxilio nos ollos. Mais a esperanza hai que construíla. Só aquelas persoas que non son capaces de soñar un futuro distinto para Galiza foxen deste esforzo.

Todas estas reflexións, naturalmente, non deixan de ser unha opinión moi persoal de quen viviu con rabia e cunha profunda decepción política a ausencia do nacionalismo galego nas Cortes da Transición e de quen desexa vivamente que iso non se volva a repetir, que iso non volva a acontecer. Nunca Máis.


Ningún comentario:

Publicar un comentario