26/01/14

O optimismo necesario

Aparentemente pode resultar contraditorio, mais cando o pesimismo nos invade, máis necesario é aínda o optimismo. O noso sabio de cabeceira José Luís Sampedro dicía nos últimos anos da súa vida que cantas máis razóns tiña para o pesimismo, máis motivos tiña para a esperanza. Os grandes cambios históricos que se produciron en calquera punto do planeta foron consecuencia de profundas crises sociais, políticas e económicas. Nada xustifica tanto o compromiso activo cunha loita social ou política como a necesidade de facer algo para cambiar unha realidade que nos afoga, que non nos permite vivir con dignidade como persoas ou que nos queima na conciencia ao ver o que sucede ao noso arredor.

Aquí e agora nada nos convida tanto ao compromiso cívico co noso país como sabermos que sen forzas políticas propias non é que Galiza non poida existir como nación, é que simplemente deixará de existir como pobo galego e nin sequera teremos futuro como sociedade profundamente españolizada, porque cada día temos menos base económica e material para sosternos como sociedade, porque cada ano que pasa se desangra máis o noso corpo social, máis grande é a hemorraxia humana. E fronte á realidade da destrución económica do país non hai outro camiño que o optimismo do compromiso, que a causa do nacionalismo, porque precisamos vivir con dignidade como persoas, existirmos como sociedade concreta, termos dereito ao futuro e sermos o país que soñamos. E todo iso non virá sen o noso esforzo. Non vai haber nunca un día que nos ergamos pola mañá cedo e, de súpeto, os nosos ollos contemplen a Alba de Gloria de Castelao. A cerdeira nútrese da terra un día e outro para que de abril a maio floreza e pouco a pouco se formen as cereixas e sexan o noso primeiro manxar de árbore do verán.

Certamente, non están os tempos para moitas alegrías. Aquí, á nosa beira, hai milleiros de persoas que se deitan cada noite sen saber que van comer ao día seguinte. Hai milleiros de homes e de mulleres que dormen cada noite á intemperie, debaixo das pontes ou na rúa real de calquera das nosas cidades. Hai milleiros de persoas que non poden nin soñar o seu futuro, porque levan nos seus corazóns unha inmensa noite negra. Mais cada unha desas persoas é unha razón para o compromiso, para a rebelión contra este sistema económico que cada vez produce máis pobreza, fame e inxustiza social, contra unha política do Estado español e da Unión Europea que nos leva á desaparición como sociedade viva e como país. Hai milleiros de razóns para non permanecermos deitados nas praias fronte ao mar, milleiros de motivos para loitarmos por outro futuro para nós e para as xeracións que han de vir. E só iso é razón suficiente para abrirmos a nosa mente ao optimismo.

Sempre hai que continuar adiante, por moi verdade que sexan os versos de Díaz Castro. Ben sabedes: Un paso adiante e outro atrás, Galiza, / e a tea dos teus soños non se move. Ou por moito que recitemos unha e outra vez a Ferrín, que o facemos: Terra de proseguir e non dar nada /…/ Galicia coma un río que se estiña, / terra de esmorecer, patria do vento! / quero dicir teu nome e digo dorna / baleira, mergullada dorna negra, / grande arado sen bois, feira sen xente, / noite que vén, enorme noite fría… Por moito, en fin, que regresemos ao mito de Sísifo para explicarmos a nosa historia colectiva como país. Fronte ao pesimismo da razón sempre nos quedará o optimismo da vontade. Así foi como avanzou historicamente a humanidade. Así foi como a utopía mudou a historia dos pobos. Así foi como nós nacemos como nación e como chegamos até aquí. Co optimismo necesario.

Nunca a memoria viva de Rosalía, de Ánxel Casal, de Alexandre Bóveda… nos permitirá vivir sen optimismo, porque máis duro e máis amargo foi o camiño para eles e nunca deixaron de erguer a bandeira da nosa lingua, a dignidade da nosa patria, a esperanza no porvir. E aínda que houbese só unha persoa en todo o territorio da nosa nación disposta a defender que Galiza siga sendo Galiza, habería unha razón para o optimismo. Que sería da humanidade sen un Galileo Galilei, verdade! Ninguén de nós ignora que a revolución científica impúxose finalmente contra a resistencia do inmenso poder da Igrexa e contra a Inquisición Romana. E ben sabemos que a represión caeu contra Galileo de forma moi dura. Tras a lectura da sentenza  no convento de Santa María sopra Minerva, Galileo, ameazado coa tortura, a prisión e a morte na fogueira aos seus  69 anos, mesmo foi forzado a retractarse, a abxurar e renegar do seu traballo científico, mais di a lenda que despois da abxurar, Galileo aínda pronunciará aquela famosa frase Eppur si muove (Porén, móvese!). Non por negalo diante do tribunal da Santa Inquisición a Terra deixaba de dar voltas arredor do Sol. Só precisamos nós un Camilo Nogueira defendendo a idea de Galiza como unha nación no mundo como só el o sabe  facer para darnos firmeza intelectual e para seguirmos a empuxar pola aba do monte arriba o enorme penedo da causa do nacionalismo galego, aínda que mil voces e mil veces lle neguen a Galiza ese lugar na historia. Todo o que pode ser non é imposíbel. As ideas só hai que empuxalas.

O optimismo nace tamén da ilusión que nos produce sabermos que renace agora a Fundación Galiza Sempre, continuando así a traxectoria daquela grande academia que foi o Seminario de Estudos Galegos e recuperando para o combate intelectual e ideolóxico homes cunha exemplar entrega política ao país como Guillerme Vázquez ou figuras da ciencia e da cultura como a profesora María do Carme García Negro ou o como o escritor Suso de Toro. Con iniciativas tan fermosas e esperanzadoras como esta ninguén poderá impedir que Galiza siga paso adiante. Seguiremos sempre a loitar polo futuro, con optimismo.



Ningún comentario:

Publicar un comentario