20/02/14

A política como compromiso co país

Vivimos unha etapa histórica de absoluto desprestixio de todo o que ten a ver co compromiso político. Cada día que pasa medra a marea do descrédito das institucións e da desafección social pola política. As novas xeracións carecen do entusiasmo que había noutros momentos pola militancia nas organizacións políticas. As súas preocupacións sociais están agora maioritariamente fóra da acción política. A maioría da sociedade vive cada vez máis allea ao que acontece nos parlamentos. Xa nin sequera hai interese por seguer pola televisión unha sesión de investidura aquí ou en Madrid. Hoxe un parlamentario ou unha parlamentaria -dá igual que o sexa na Cámara galega, nas Cortes do Estado que no Parlamento Europeo- ten posibelmente menos prestixio social que o que tiña hai algúns anos un concelleiro da oposición nun pequeno concello do país. E a abstención está aí como unha grande luz vermella, indicando o divorcio entre a sociedade e a política. Mesmo moitas persoas que se destacaron toda a súa vida por unha entrega admirábel ao país contemplan agora cunha certa desilusión o río da historia. Todo isto é a punta do iceberg dun proceso que conduce á destrución do alicerce da propia democracia.

A situación que acabamos de describir non sucede, claro está, por casualidade. Sucede como consecuencia dunha política institucional sen visión dos verdadeiros problemas sociais. Sucede por unha responsabilidade clara dos dous grandes partidos estatais, empeñados en facer todo o posíbel para que a política acabe por ser vista como unha actividade noxenta por amplas capas da sociedade. Sucede porque a xente xa non acredita nuns gobernos que só actúan ao ditado dos mercados e da troika. Mais tamén sucede porque o poder económico, a través de moitos medios -incluído, claro, o fomento da corrupción-, alimenta constantemente esa opinión social, porque sabe moi ben que cunha cidadanía que vexa a política como algo exclusivo dos partidos políticos e das persoas que ocupan cargos nas institucións, sempre será máis doado pór ao seu servizo os gobernos e practicar así todas as formas da explotación da clase traballadora e o espolio sen límites dos nosos recursos económicos.
Por iso cómpre que reivindiquemos o exercicio da política con maiúsculas, da política que se abraza desde o territorio das ideas, da ética e do corazón; da política que se asume como un compromiso cos problemas do país e da sociedade; da política que se vive como unha preocupación pola sorte histórica do pobo do que formamos parte; da política como manifestación da nosa cultura cívica, solidaria e humanista, como expresión dos valores que engrandecen a calquera persoa, sexa cal sexa a súa orixe social e o seu status académico e profesional. A ese concepto de política non podemos renunciar endexamais.

Nunha nación como a nosa, por outra parte, non se pode entender a política sen colocarmos nun primeiro plano a defensa dunha Galiza soberana. Por iso na Galiza a política que de verdade nos fixo  avanzar como pobo foi sempre unha política pensada desde e para Galiza. A política como compromiso co país, en definitiva. Esa foi a política que exerceu o nacionalismo galego historicamente, desde os tempos das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista. E esa é tamén a política que practica desde hai máis de trinta anos o Bloque Nacionalista Galego, todo ese conxunto de mulleres e de homes que puxeron e seguen a pór a súa lucidez e o seu esforzo persoal ao servizo da nación galega, defendendo con firmeza a economía produtiva fronte a todos os depredadores e a tanta mente que non acredita nas potencialidades do país, defendendo os instrumentos políticos e financeiros imprescindíbeis para termos futuro como sociedade viva e dinámica, defendendo os servizos públicos desde cada un dos concellos onde temos responsabilidades de goberno e incluso desde a oposición, defendendo o idioma, a cultura de nós e a nosa dignidade colectiva contra toda a españolización que nos invade, e actuando día a día na sociedade e nas institucións, sen máis apoio mediático e económico que o que é capaz de posuír o propio nacionalismo. Abofé que non deixa de ser admirábel que despois de tantas frustracións na defensa do país aínda haxa milleiros e milleiros de persoas dispostas a dar o mellor de si a unha causa política como a do nacionalismo galego. Iso é algo que nos engrandece como pobo e que nos dá ánimo para non deixarmos de construír e de  soñar outro futuro para Galiza.


O discurso que agora impera na sociedade sobre o concepto e o valor da política non nos pode levar á desmotivación e ao abandono do compromiso político. Nós non temos ningún motivo para avergoñarnos do que o nacionalismo galego, con acertos e con erros, fixo ao longo da súa historia. Todo o contrario: temos moitas razóns para reivindicarmos con rotundidade e orgullo a política como compromiso co país, que é o que define o pensamento e a praxe nacionalista.

Ningún comentario:

Publicar un comentario