Nunha nación sen Estado como a
nosa, nunha sociedade como a galega, que precisa de orgullo colectivo, de
conciencia de seu, de memoria histórica e de vontade de existir como tal pobo na
súa lingua, na súa cultura e na súa historia; nun país, en definitiva,
necesitado tamén de soberanía política para ser dono da súa economía e do seu
futuro, calquera forza política galega que no plano ideolóxico ou organizativo
non contemple a contradición principal Galiza-Estado e a necesidade da
autoorganización, ao único que contribúe esa forza política é a unha maior españolización
da sociedade galega e a reforzar e perpetuar a nosa situación de nación
oprimida no contexto do Estado e da Unión Europea. De aí a razón de ser do
nacionalismo galego, onte e hoxe: que Galiza teña porvir como nación e presenza
propia no mundo.
É, certamente, unha grande
falacia pronunciarse a prol do dereito de autodeterminación -como fai Esquerda Unida-
ao tempo que se actúa ideoloxicamente e no plano estratéxico e organizativo baixo
o paraugas dunha esquerda de obediencia metropolitana. Son dous conceptos
antitéticos. Resulta moi difícil de comprender que quen realmente está a prol
dun proceso de soberanía política para a nación galega actúe desde o seo dunha
organización política de ámbito estatal. Nunca unha organización de orixe e de
obediencia estatal, por moito que diga que defende a autodeterminación, vai dar
un só paso pola soberanía política da nación galega. Se de verdade ese fose o
seu obxectivo, o primeiro chanzo no camiño cara a autodeterminación sería
autodeterminarse como organización, e a primeira ruptura que levaría a cabo esa
sigla política sería a ruptura coas organizacións das que forma parte desde o
seu nacemento (o PCE e IU), para pasar a actuar na política galega como unha
forza propia do país, nacionalista ou simplemente galeguista, mais sen
dependencias alleas. Iso si sería verdadeira coherencia entre o que se di e o
que se fai. Ben lonxe está EU de autodeterminarse como organización e de romper
co PCE e con IU! Creo que Anxo Guerreiro si tivo algunha vez ese soño na
cabeza. Camilo Nogueira podería contar algún día esa historia.
Xa está ben de tanto
confusionismo. Esquerda Unida é o que é: EU é a forma que adopta no noso país
Izquierda Unida, a súa expresión e representación política na Galiza. E quen
fortalece a EU -non digamos xa quen se integra nunha candidatura de IU- favorece
e impulsa a implantación social e a presenza institucional dunha organización
de ámbito estatal no territorio galego. Isto é irrefutábel. Non serei eu, por
suposto, quen lle negue a ninguén o seu lexítimo dereito a apoiar a EU e a IU,
mais permítanme que diga que non deixa de ser algo verdadeiramente insólito que
iso o fagan persoas que militaron toda a súa vida no nacionalismo galego. Para
chegar a esa converxencia coa esquerda española non facían falla tantos anos de
combate nin era precisa toda unha monumental obra de ensaio histórico e
económico e de luminosa prosa política. Tanta lucidez para nada! E Novoneyra
recitándonos unha e outra vez desde 1957: GALICIA
será a miña xeneración quen te salve? / Irei
un día do Courel a Compostela por terras libradas? E o Beiras, si, oh,
Yolanda, o mesmísimo Xosé Manuel Beiras!, poñéndolle a un seu libro en 1984,
como quen di, onte aínda, un título rotundo: Por unha Galicia liberada. Para agora ir do Courel a Compostela
pola España de Cayo Lara!
Cómpre lembralo aquí: nunca o BNG
en toda a súa historia -nin tampouco
antes o BN-PG- contemplou a opción de concorrer en coalición electoral co PCG. Simplemente
porque esa opción era e é a antítese dun pensamento e dunha praxe nacionalista.
Só o PSG debatiu naquel Congreso que o partido celebrou en Lugo na primavera do
77 a
posibilidade dun pacto co PSOE para as eleccións de xuño dese ano, unha
decisión que finalmente o PSG non tomou por coherencia cos seus principios
nacionalistas. Tampouco daquela serviu de nada ir á mesa-braseiro de Ramón
Piñeiro para intentar convencer alí a Xosé Manuel Beiras do pacto co PSOE. Non houbo
pacto nin concesións, para disgosto de Piñeiro. Esa é a traxectoria electoral
do nacionalismo galego actual desde 1977. E desde a que foi talvez a nosa máis
amarga derrota, as mulleres e os homes que non renunciaron a seguer a abrazar o
ideario nacionalista foron quen de erguerse de novo e de volver a reorganizar o
nacionalismo cunha forza social nunca antes coñecida. O que salvou ao
nacionalismo tras o naufraxio do 77 foi que os seus principais referentes
continuaron a ser un exemplo de compromiso e de combate político por Galiza e nunca
deixaron de traballar arreo para reconstruír o nacionalismo e mesmo para dotalo
de unidade organizativa e de unidade de acción. Esa é unha grande lección que non
deberiamos esquecer endexamais.
Claro que sempre houbo individuos
ou colectivos organizados que abandonaron un determinado compromiso político e
intelectual co país -fora este galeguista ou nacionalista- para faceren
carreira política na metrópole ou nas organizacións de ámbito estatal, ou mesmo
porque honestamente consideraban que era a mellor maneira de traballar por
Galiza. Nada disto é novo na nosa historia contemporánea. Grazas a María Pilar
García Negro e a Francisco Rodríguez hoxe coñecemos moito mellor a figura de
Augusto González Besada, autor dun magnífico discurso sobre Rosalía de Castro.
Velaí un caso de home culto, inicialmente comprometido co seu país, a súa
lingua e a súa cultura, compañeiro de Manuel Murguía, Salvador Cabeza de León e
Alfredo Brañas, identificado na súa primeira traxectoria biográfica cunha idea
descentralizadora do Estado, e que logo acaba sendo un persoeiro ao servizo da
política española e dos intereses do Estado: deputado, ministro de Facenda,
Gobernación e Fomento en varios gabinetes e Presidente do Congreso dos
Deputados, entre outros moitos cargos. González Besada foino todo na política
española. E que é o que lle debe Galiza como país? Fundamentalmente o seu
discurso de ingreso na Real Academia Española.
Tamén durante a II República
algunhas das figuras máis senlleiras do nacionalismo galego optaron nun
determinado momento polo achegamento aos republicanos de Santiago Casares
Quiroga. Pensaron que a través da creación de ORGA terían unha oportunidade
para mellor defenderen os intereses de Galiza e os ideais do nacionalismo. Co
paso do tempo todos aqueles homes da Irmandade da Coruña, frustrados e desenganados,
reencontráronse con Castelao, Bóveda e Otero Pedrayo no seo do Partido
Galeguista. Castelao celebrou o regreso do seu vello amigo Antón Vilar Ponte
cunhas palabras que só podían nacer do corazón: “Volve dunha longa e arriscada
aventura polo deserto, e volve san e limpo. Deixádeme que o reciban os meus
brazos de irmán vello”. A experiencia de ORGA foi o soño esnaquizado dos irmáns
Vilar Ponte, Ánxel Casal, Lugrís Freire, Víctor Casas e Ramón Suárez Picallo. E
aínda hoxe hai quen non aprendeu a lección!
Outro persoeiro que naqueles
tempos da República fixo unha viaxe de ida e volta foi Valentín Paz-Andrade,
que sen abandonar a militancia no Partido Galeguista, que el mesmo axudara a
fundar, concorriu como candidato a deputado pola Candidatura Republicana de
Centro que encabezaba Manuel Portela Valladares. Nin Paz-Andrade nin o
nacionalismo galego nin Galiza gañaron nada con aquela operación política. Só
Castelao gañou un grande desgusto cando coñeceu a decisión de Valentín, que era
un dos irmáns que el máis quería. Din que cando Castelao tivo que dar conta da
decisión de Valentín Paz-Andrade aos militantes nacionalistas que asistían en
Compostela á V Asamblea Nazonalista, a Castelao caéronlle as bágoas e non foi
capaz de explicar o caso. Hai certamente abandonos que doen máis que as
derrotas.
Mais o nacionalismo galego seguiu
paso adiante, porque tiña e ten razón de ser. Nin a incorporación dunha figura
como Antón Vilar Ponte ao republicanismo de Casares Quiroga nin a participación
dun persoeiro como Valentín Paz-Andrade na candidatura de Portela Vallades foi
capaz de borrar do mapa político galego a existencia do nacionalismo organizado.
Non só iso, senón que incluso o PG chegou a ser o principal motor do proceso
estatutario do 36. Tampouco a liquidación do Partido Galeguista e a renuncia á
acción política organizada que impulsou Ramón Piñeiro nos anos cincuenta logrou
facer desaparecer o nacionalismo galego. Todo o contrario. Xusto como reacción
a esa deserción é como nace, en 1963, o Consello da Mocedade, e inmediatamente
despois a UPG. E tampouco deixou de existir o nacionalismo cando nos anos da
Transición outros destacados personaxes se fugaron para o PSOE, uns antes e
outros despois. Moi pronto moitos pexegos
esqueceron aquilo de “Os socialistas galegos somos nós” ou “Para que os teus
votos non emigren”. Emigraron os votos e emigraron eles. E non foron poucos os que puxeron a súa
biografía política e intelectual ao servizo da esquerda española: Xosé Luís
Rodríguez Pardo, Fernando González Laxe, Francisco González Amadiós, Ceferino
Díaz, Celso Emilio Ferreiro… González Laxe incluso chegou a ser responsábel das
negociacións pesqueiras coa CEE. Tamén algúns galeguistas independentes fixeron a mesma viaxe: Ramón Piñeiro,
Carlos Casares, Alfredo Conde, Benxamín Casal… O propio Domingo García-Sabell,
que rexeitou ser candidato ao Senado pola Candidatura Democrática Galega,
púxose logo ao servizo de España e de todos e cada un dos seus gobernos. Mesmo
Valentín Paz-Andrade, pensando no mellor para Galiza -el, desde logo, si-,
colaborou activamente coa esquerda española naquel momento da Transición,
formando parte da Comisión Negociadora da Oposición. E a pesar de tantas e tan
relevantes baixas no campo do nacionalismo e do galeguismo político organizado,
o nacionalismo galego seguiu aí, porque tiña razón de ser, porque ten razón de
ser, onte e hoxe. Verdade, Xosé Manuel? Porque representa a nosa propia forza
como país.
Ningún comentario:
Publicar un comentario