22/01/14

Os sentimentos no compromiso político

Teño a sensación de que o noso futuro nesta etapa depende menos das ideas que profesamos que dos sentimentos que xeramos”. Esta frase pronunciouna Xavier Vence no discurso de clausura da Asemblea Nacional na que foi electo Portavoz Nacional do BNG. E non é ningunha cursilería. En absoluto. A min persoalmente foron as palabras que máis me dixeron de toda a súa intervención, precisamente porque o único que se saía do previsíbel, do que todas e todos esperamos dun discurso político, era xusto esa liña e media de texto. Mais nesas vinte palabras está reflectida toda unha concepción de como debemos facer o labor político, porque en política non só importa a ideoloxía, o argumento, a tese, a lealdade, o traballo, a operatividade, senón tamén o noso comportamento humano, a maneira de expresarmos as ideas que defendemos, a forma de resolvermos os conflitos e o xeito de relacionarnos cos demais, a comezar polas persoas que comparten o mesmo ideario. 

Claro que importan -e moito- os sentimentos que xeramos arredor de nós. Moitas das adhesións que gañamos para a causa do nacionalismo coas nosas razóns, coa nosa lucidez na análise dos problemas, coa nosa argumentación política e co noso compromiso -en moitos casos exemplar-, moitas desas adhesións que logo, co tempo, mesmo se transforman en militancia activa, ás veces durante case toda unha vida, poden acabar no abandono da organización nun determinado momento simplemente por unha actitude de alguén de desconsideración política, de desprezo intelectual ou de falta da máis elemental camaradería. Naturalmente, noutros moitos casos o problema de fondo é a diverxencia ideolóxica co proxecto político ou a ambición persoal que cada quen poida ter, mais neses casos a causa da ruptura depende máis de quen marcha que de quen permanece. Pero hoxe e aquí non queremos reflexionar sobre o que depende dos outros, senón sobre o que depende de nós, do que nós facemos, do que nós dicimos, da nosa maneira de relacionarnos cos demais, do noso humanismo, en definitiva, diso que dicía Xavier Vence no seu discurso: dos sentimentos que xeramos.

Estou plenamente convencido de que cando hai respecto mutuo, consideración polos demais, reciprocidade, diálogo de ideas e unha certa relación humana entre nós, o debate e a discrepancia enriquece sempre a organización e enriquécenos a nós individualmente. Mais cómpre buscar a beleza da palabra incluso para expresar a máis profunda discrepancia. Cando defendemos a nosa idea con palabras e con xestos que difícilmente poden resultar ferintes para os demais, estamos construindo organización, estamos tecendo a unidade, estamos nutrindo esa fraternidade que tanto precisamos en calquera organización. Polo contrario, cando as palabras que pronunciamos ou as actitudes que temos  non contemplan o posíbel dano que estas poden causar no sentimento ou na dignidade persoal dos outros, estamos abrindo o camiño á decepción, á distancia e á ruptura política.

A historia das organizacións políticas está chea de desencontros e de rupturas que tiveron a súa raíz nunha decisión ou nunha acción política máis preocupada polos obxectivos que polas formas, polo labor estritamente partidario que pola relación humana que debe haber entre persoas que militan nunha mesma organización. Equivócase quen pense que as persoas comprométense co traballo político só pola ideoloxía. Tamén o fan por un sentimento de amor ao seu país, pola indignación que lles produce a inxustiza social que ven ao seu redor, pola emoción e a admiración que produce saber que que outros e outras nos precederon neste combate en condicións aínda moito máis adversas, por unha vivencia íntima da nosa memoria histórica como movemento político, por un sentimento de irmandade entre nós, pola lección de compromiso e de entrega que nos dan algunhas persoas… Como non van ser importantes os sentimentos na política! Nada transmite tanto como a autenticidade e a entrega humana que poñemos nas palabras, nun xesto ou nunha aperta. A política tamén se fai co corazón.

Se non hai relación humana, mesmo emocional, entre compañeiros e compañeiras dunha organización no ámbito no que traballan, se non hai un verdadeiro compañeirismo, palabras como camarada, compañeiro ou fraternidade son palabras absolutamente baleiras. E con palabras ocas nin se crean sentimentos nin se fai organización nin se constrúe unha nova sociedade. Afortunadamente todos e todas fomos deprendendo dos erros e das feridas do pasado. Nós temos a impresión de que o Bloque Nacionalista Galego que saiu da XIV Asemblea Nacional está a xerar un clima de respecto mutuo e de sentimentos de irmandade na vida interna e diaria da organización frontista. E isto, para o futuro do nacionalismo galego, nesta etapa concreta, é mais importante que calquera éxito electoral que poidésemos obter.

Regresamos unha e outra vez a Castelao, á súa obra e ao seu pensamento. Regresamos tamén moitos e moitas de nós unha e outra vez á fraga inmensa que é don Ramón Otero Pedrayo. Regresamos igualmente con certa frecuencia algúns á luminosidade da obra de Valentín Paz-Andrade. Mais non deberiamos quedarnos no que estas tres personalidades escribiron, no que fixeron por Galiza ou nas ideas que defenderon. Cómpre que exploremos o ser humano que había debaixo da pel destes tres homes, que deprendamos o concepto profundo de irmandade que os uniu a eles tres durante toda a vida, a pesar das diferenzas ideolóxicas que mantiñan e dos camiños que nalgúns momentos históricos os separaron. Deprender esa lección de auténtica camaradería é tan necesario para calquera de nós como ler o Sempre en Galiza, Arredor de si ou Galicia como tarea. Deprendamos dunha vez e para sempre que o compromiso co país tamén se tece cos sentimentos de irmandade que nós mesmos xeramos. É algo que non deberiamos ignorar. Hai tamén algúns versos de Celso Emilio que deberían estar sempre no noso pensamento: Común temos a patria, / común a loita, ambos. / A miña mau che dou, / coma un irmau che falo. 

Se alguén pensa que esta prosa está moi ben para expresar os bos desexos tan propios do Nadal e que ten data de caducidade despois do 1 de xaneiro, equivócase. O futuro do nacionalismo galego ten moito a ver co esforzo que fagamos día a día por reconstruír o aprecio mutuo, sentimentos de irmandade entre nós e mesmo afectos persoais.


Ningún comentario:

Publicar un comentario