22/12/13

A diferenza entre que nos gobernen ou gobernarmos nós: o exemplo do sector naval

Cando aló polo inverno de 2008 redactamos o texto da Proposición de lei de Iniciativa Lexislativa Popular de Fomento do Sector Naval de Galiza, na Comisión Promotora da ILP tiñamos un obxectivo competencial moi claro: responsabilizarmos ao Goberno galego na xestión do sector naval da Ría de Ferrol, que era precisamente o que intentara facer o conselleiro Fernando Blanco desde a Consellería de Industria. Por iso redactamos un artigo 4 que dicía así: “De conformidade co establecido no artigo 55 do Estatuto de Autonomía, a Xunta de Galicia: 1.- Negociará co Estado a súa participación directa na xestión das empresas públicas estatais integradas no sector naval de Galiza e que, pola súa natureza, non poidan ser obxecto de traspaso. 2.- Negociará co Estado o traspaso dos activos dos que as empresas estatais integradas no sector naval de Galicia sexan titulares e que non estean sendo aproveitadas para a construción, reparación, reciclaxe ou transformación de buques ou outros artefactos flutuantes”. Sen nomealas polo seu nome, estabamos a nos referir á antiga empresa Bazán, no primeiro caso, e ao antigo estaleiro de Astano, no segundo. Velaí o texto do artigo 4 da Proposición non de lei que rexistramos no Parlamento galego o 23 de decembro de 2008, hai agora cinco anos. Detrás dese artigo 4 existe unha óptica de país e unha vontade de autogobernarnos.

Resulta moi ilustrativo ver o que o grupo parlamentar do Partido Popular formulou no seu día como emenda a ese artigo da ILP. O que fai o PP coa súa emenda é xustamente eliminar o obxectivo competencial da Iniciativa Lexislativa Popular. Nada de negociar co Estado. Nada de responsabilizarse o Goberno galego da xestión do noso sector naval.

Nada de reivindicar o traspaso dos activos das empresas estatais que non estean sendo aproveitados. Renuncia clamorosa a gobernarmos nós a nosa industria naval. Fronte á idea de participar na xestión de Navantia Ferrol e de negociar co Estado o traspaso das infraestruturas do estaleiro de Fene para poñelas ao servizo da industria naval civil, o Partido Popular presenta unha emenda de substitución que di textualmente: “A Xunta de Galicia instará ó Goberno de España a que, aproveitando a presidencia de España na Unión Europea, resolva ante a Unión Europea que as instalacións do estaleiro de Navantia Fene poidan adicarse tamén á construcción e reparación de buques civís”. Noutras palabras: o PP substitúe a demanda de autogoberno por unha carta a Zapatero.

Lembro agora que nas negociacións que os membros da Comisión Promotora tivemos  co PP co obxecto de manter o texto orixinal da ILP, nunha daquelas reunións, concretamente na sede deste partido en Ferrol, o actual alcalde da cidade, Xosé Manuel Rei Varela, ante a hipótese de que o Estado nos traspasase as instalacións de Astano, exclamou cun nada disimulado temor: “Non podemos reclamar iso! A ver se ao final nos traspasan Astano, e entón vaia problema!”. Velaí a mentalidade do alcalde de Ferrol e de todos os dirixentes do Partido Popular. E así nos vai.

Con todo, grazas ao empeño e ao esforzo da Comisión Promotora, e tamén ao apoio parlamentar do BNG, logramos que o texto que finalmente ficou recollido na Lei 4/2010, de Fomento do Sector Naval de Galiza, si fale da participación na xestión das empresas públicas estatais integradas no sector naval de Galiza e da negociación do uso dos activos dos que as empresas estatais sexan titulares e que non estean sendo aproveitadas para a industria naval civil. Iso foi un logro da Comisión Promotora, gañado a pulso. E iso é un mandato legal para a Xunta de Galiza desde o 5 de xullo de 2010, que é cando se publicou no DOG. E o que deberían preguntarlle agora a Feijóo as organizacións sindicais, os traballadores dos estaleiros da Ría de Ferrol e a cidadanía galega en xeral é por ese incumprimento da lei, por esa clamorosa renuncia da Xunta de Galiza a corresponsabilizarse dos problemas e do futuro do noso sector naval. Nin o Presidente da Xunta nin o Partido Popular teñen a máis mínima vontade de responsabilizarse dos nosos estaleiros. A demostración está aí. Non é que non poidan facer nada, é que non queren, pola súa propia mentalidade política de servos de Madrid. E ese é o problema principal: un Goberno galego que dimite da súa responsabilidade política e unhas competencias que seguen a estar nas mans do poder central. Mentres non gobernemos nós desde a Xunta de Galiza o noso sector naval, mentres non sexamos quen de exercer a soberanía política sobre os nosos estaleiros públicos, non hai nada que facer. Esa é a lección que temos que deprender de todo este proceso que está a levar á morte á comarca de Ferrolterra. Unha lección, por certo, que cómpre socializar. Carga de traballo, si. Dique flotante, si. Soberanía política para gobernarmos desde Galiza o noso sector naval, tamén. Así de claro. Así de firme.


Ningún comentario:

Publicar un comentario